Feira de gando en Sarria, cereixas e viño en Belesar

Esta fin de semana hai dúas citas interesantes para os amantes das feiras de gando e para os que gustan do bo viño e das cereixas.

Belesar separado polo Miño. Fonte GC

A vila de Sarria acolle hoxe sábado e mañá domingo a Feira de San Isidro que rende homenaxe ao gando e ao sector gandeiro. O certame cumpre 31 anos e participan máis de vinte animais, hoxe ás 12:00 h tivo lugar unha poxa de frisón como as de antes. A intención é que haxa movemento de vendas de gando e paralelamente ofrecer un escaparate de maquinaria agrícola así como tamén postos de artesanía e produtos da terra.

A partir das 20:30 de hoxe haberá unha degustación de liscos e chourizos e a actuación da orquestra Escaparate como fin da xornada.

Para o domingo, pola mañá ás 11:00, recepción de autoridades no consistorio, e unha hora máis tarde misa solemne e procesión coa imaxe de San Isidro dende a Igrexa de Santa Mariña ata o Mercado de Gando con acompañamento dos Gaiteiros de Goián. Sesión vermú da orquestra Escaparate e xantar no Campo da Feira. Para as 17:00 h. está programado un espectáculo canino e ás 19:30 procederase á clausura da mostra gandeira. O luns 20 procederase ao sorteo dunha xata rubia.

cereixas e viño en belesar

Esta fin de semana tamén resulta atractiva a visita a Belesar, fermoso lugar entre O Saviñao e Chantada. Destaca por ter embarcadoiro de catamarán, ser un pequeno Jerte e un lugar marabilloso para o cultivo do viño.

Entre o pasado venres e o vindeiro domingo ten lugar alí a XIV Feira do Viño e Cereixas de Belesar. Alí poderanse degustar e mercar cereixas e viños das adegas participantes. A inauguración oficial do evento e o pregón foi está mañá a cargo de José Maril Sánchez, presidente de Fundación Semana Verde. Neste momento tamén se fixo entrega de galardón aos Cofrades do Bo Viño de Belesar. O grupo Meritxell amenizou o vermú e pola noite ofrecerán unha festa-verbena.

O domingo pola maña actuará a Banda de Gaitas de Chantada e o dúo Meritxell amenizará a sesión vermú e a festa verbena pero antes do fin de festa terá lugar unha interesante actividade, un Certame de Aturuxos entre papeiros e rabudos. Os Papeiros era o alcume dos antigos vendimadores de Chantada e Rabudos era o mote que os chantadinos lle tiñan aos do Saviñao. Os aturuxos servían para comunicarse dunha beira a outra do río Miño.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here