InicioTerra de LemosPantónCita cos viños da Ribeira Sacra de Pantón

Cita cos viños da Ribeira Sacra de Pantón

O concello, que presume de ter tres ribeiras, Miño, Cabe, e Sil, exalta os seus caldos os días 12 e 13 de maio. O sábado será o escenario escollido pola D.O. Ribeira Sacra para o simbólico brinde colectivo e simultáneo que farán 28 denominacións de orixe en toda a península e o domingo terá lugar o pregón de Carlos Blanco.

Publicado o

- Advertisement -

Ferreira de Pantón prepárase para unha fin de semana de intensa actividade festiva na que se degustan os viños de alta calidade cultivados neste enclave tan especial que está delimitado polos ríos Miño, Cabe e Sil. Quen mellor que alguén do lugar como Roberto Eireos, concelleiro en Pantón, para que nos conte algo máis da zona e do evento.

Roberto Eireos. Foto cedida.

Cales é o principal motor económico do concello?

Sen lugar a dúbidas a viticultura. Temos dez adegas e podemos dicir que somos o concello con máis hectáreas de vide plantadas na zona a día de hoxe. E albíscase un futuro máis que prometedor porque hai un proxecto en marcha de plantación dunhas 300 hectáreas, trátase dun empresario galego de Ferreira afincado en Canarias que vai apostar pola viticultura.

Como está o viño e cantas adegas hai este ano?

Ben, o viño é de calidade e este ano serán 8 as adegas participantes: Pena das Donas, Nogueiras, Finca Míllara, Casa Moreiras, Ciudaseis, Capilla, Saíñas e Adegas Losada Fernández.

Na Mostra de Viños hai integrada unha romaría, cóntanos.

Si, este será o terceiro ano que celebremos a “Romaría-Festa da Empanada”. Como en Pantón, ademais de ter bos viños, temos moi boas panaderías deunos por facer esta exaltación da empanada. Unha romaría que ten lugar o sábado 12 a partir das 14.30 h. no recinto do Castro. Este encontro caracterízase polo bo ambiente, as empanadas de calidade que se ofrecen aos participantes e por primar a xuntanza de familias e cuadrillas de amigos. De feito hai premios, outórganse tres: ao grupo máis numeroso, ao grupo coa camiseta máis orixinal e ao grupo máis festeiro.

Mostra de Viños de Pantón 2017. Fonte: Concello de Pantón

Que nos atoparemos na Mostra de Viños deste ano?

Pois o dito, moi bos viños, e sobre todo moita festa, música de rúa con grupos de música tradicional, charangas e un espectacular grupo de percusión. E xa pola noite, para rematar a xornada, a actuación do grupo América o sábado e a orquestra Costa Dorada o domingo.

Como novidades desta vixésimoquinta edición destacar que o sábado 12 ás 13.30 h. seremos o lugar da D.O. Ribeira Sacra escollido para facer o “Brinde colectivo e simultáneo” co resto de brindes que teñen lugar a nivel peninsular en 28 denominacións de orixe. O obxectivo desta acción simbólica é celebrar o “Día Movimiento Vino D.O.” que pretende promocionar o consumo responsable de viño con distintivo de orixe. A continuación haberá un concerto do grupo ourensán “Los Camachuelos”.

E outra novidade de última hora será que o domingo 13 ás 18.00 h. haberá unha degustación de balde de porco ao espeto, un porco de cen quilos que unha vez asado se repartirá entre os asistentes para acompañar o viño.

Pregoeiro de luxo para xuntar viño e humor…

Si, ter a Carlos Blanco é todo un luxo. Contar cun actor e monologuista dos mellores do país non é doado. Contactamos con el e tivemos sorte, non tiña compromisos e aceptou encantado. Coñece a zona e tamén os viños da Ribeira Sacra co cal xa ten para contar (risas).

Cando será o pregón?

O domingo 13 ás 13.00 h.

Ademais dos postos das adegas participantes haberá outros postos de produtos de alimentación da zona e entretemento para os máis pequenos.

O programa ao detalle pódese consultar na páxina de facebook do concello.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...