Convenio para pavimentar a pista polideportiva de Samugueiros, na Pobra do Brollón

O Concello da Pobra do Brollón acorda un convenio de cooperación coa Área de Deportes da Deputación de Lugo para a pavimentación da pista polideportiva do parque de Samugueiros.

Pista Samugueiros / concello da Pobra do Brollón

A pista de Samugueiros, situada na capitalidade da Pobra do Brollón, ten un uso intensivo por parte dos veciños e veciñas máis novos do municipio, sendo un lugar importante para a vida saudable e social dos rapaces.

“O arranxo da pista mellorará as infraestruturas municipais que inciden no benestar da nosa veciñanza,” declara o alcalde, Xosé Lois Maceda. “Esta actuación inclúese nas medidas que dende o Concello estamos a implantar para axudar a fixar poboación, algo vital para un concello rural como o noso”.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, comprometeu a colaboración da
Vicepresidencia da Deputación de Lugo “para realizar as melloras e que as instalacións ofrezan as mellores condicións posibles para a práctica do deporte, sobre todo entre as xeracións máis novas nas que cómpre asentar hábitos de actividade física que aseguren unha vida máis saudable”.

Castro lembrou “o apoio da Vicepresidencia da Deputación a proxectos de mellora e mantemento de instalacións deportivas en diferentes concellos” e remarcou “a importancia que este tipo de infraestruturas teñen nos concellos rurais, nos que as administracións temos que garantir unha igualdade de servizos e oportunidades que facilite a vida das veciñas e veciños”.

A pista de Samugueiros pavimentarase cun revestimento sintético antideslizante acabado cunha pintura específica para uso deportivo exterior, co fin de mellorar as súas condicións de uso e seguridade. O orzamento da actuación está fixado en cerca de quince mil euros, dos que un 95% sería cuberto pola Deputación Provincial, e o restante polo Concello.
Unha vez realizada a pavimentación, o Concello ten previsto seguir a acondicionar a pista polideportiva. “O seguinte paso sería teitar a pista para que se lle poida dar diferentes usos durante todo o ano,” afirma Maceda.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here