Unha vintena de familias denuncia recortes na Atención Temperá do HULA

Unha vintena de familias da zona centro e sur da provincia, con nenos menores de 6 anos, únense para denunciar servizos insuficientes no HULA para os cativos con diversidade e discapacidade.

HULA / telefononumero.com

A Atención Temperá é o conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil entre 0 e 6 anos, que ten por obxectivo dar respostas á necesidades transitorias ou permanentes que presentan nenos e nenas con trastorno do desenvolvemento ou con risco de padecelo. O Libro Blanco recolle que é necesario que a Atención Temperá sexa un servizo público, universal e de provisión gratuíta para todos os nenos e familias que o precisen.

As familias reclaman que se lle faga caso ao antedito porque aseguran que no HULA se están dando altas precipitadas a pacientes nalgunhas das súas terapias, coa escusa de que xa cumpren certos obxectivos, tales como a marcha autónoma. Os afectados amosan o seu profundo malestar porque se trata de nenos e nenas con enfermidades graves, que requiren ir da man para camiñar; que non saben masticar e mesmo falar. Noutras ocasións, os rapaces non dispoñen de mobilidade e manexo das súas mans que lles permita agarrar un xoguete ou beber auga. Estas situacións implican falta de autonomía e requiren, segundo as familias afectadas, constante tratamento de fisioterapia, logopedia e/ou terapia ocupacional, entre outras.

Segundo os afectados, a situación é consecuencia dos recortes ante a gran lista de espera para que entren no servizo  de Atención Temperá novos nenos. As familias aseguran que todos deben de ser atendidos como corresponde e solicitan informes do desenvolvemento que deberían acadar os pacientes e dos motivos dos recortes do servizo.

O Hospital de Monforte non conta co servizo de Atención Temperá e moitos destes nenos teñen que desprazarse ao HULA, antes facíano unha vez á semana, pero agora as terapais fanse cada 15 días. Para os afectados, a solución non pode ser “alongar data entre terapias e impoñer normas absurdas en canto á puntualidade e asistencia.”

As familias que utilizan este servizo aseguran que non poden consentir esta situación e loitarán polos dereitos dos seus fillos e doutros nenos en circunstancias similares. Esixen a incorporación inmediata de persoal a esta unidade, para que todos poidan recibir unha atención temperá de calidade e non deixar a ningún neno en lista de espera.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here