Enfermeiras en Loita reivindican a súa seguridade laboral e respecto á profesión

Enfermeiras en Loita de Monforte aseguran nun comunicado, que nos últimos meses todas as profesionais que colaboran neste colectivo, centráronse nos pacientes e nos seus coidados, deixando de lado as súas reivindicacións. Pero ante os continuos abusos, que dín padecen por parte do Sergas, afirman que non poden quedar caladas.

Enfermeiras en loita en Monforte / Enfermeiras en loita Monforte

Lembran desde Enfermeiras en Loita a colaboración prestada de diversos xeitos, “renunciando aos nosos mermados dereitos, intensificando a nosa labor en materia de educación sanitaria, organizándonos entre compañeiras para a elaboración de protocolos de actuación en cada unidade asistencial, a pesar de saber que esa función lle corresponde a departamentos superiores; asumindo unha carga psicolóxica e física que en moitos casos xa nos está a pasar factura. Soportando a falta de epis e material.”

Insisten na importancia de que se lles realicen as probas do Covid19 para garantir a seguridade de todos e reivindican a súa seguridade laboral e respecto á profesión, mentres aseguran acontece o contrario, “Seguindo a súa práctica habitual, o SERGAS continúa ofrecendo contratos de días, mesmo cando se prevé unha necesidade de longa duración, contratos que son renovados cada 15 ou cada 30 días. Esta contratación permítelle a Administración romper a relación laboral coa traballadora ou traballador, en canto vence este prazo, perdéndose así todos os dereitos que correspondan.”

Engaden que o Departamento de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde non ten reparo en deixalas sen contrato cando presentan unha Incapacidade Temporal tras dar positivo na proba de COVID-19, “O contaxio non só supón un prexuízo á súa saúde senón tamén unha penalización, posto que esta rutura do vínculo laboral tradúcese nunha perda do seu contrato, e polo tanto da baixa laboral en toda a súa consideración, ademais do cómputo de servizos prestados a efectos de baremación nas listaxes de contratación e de cotización.”

Desde Enfermeiras en Loita esixen responsabilidades políticas e un cambio de actitude, respectando os dereitos laborais “para poñer fin á precariedade e mal trato laboral ao que levamos sometidas por parte do goberno da Xunta de Galicia nos últimos anos.” Solicitan tamén á poboación no seu conxunto, que se sensibilice coa súa realidade, pois nas súas mans está poñer en valor o labor do persoal sanitario e esixir, en consecuencia, un cambio das actuais políticas sanitarias.

A saúde é un ben común. Xa é hora de coidar a quen coida

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here