InicioTerra de LemossanidadeOs mellores consellos para protexer os dentes no Nadal

Os mellores consellos para protexer os dentes no Nadal

A saúde bucodental resulta esencial para manter unha boa calidade de vida e previr enfermidades orais. A atención e o coidado teñen que darse todo o ano, pero nestas datas hai que ter especial atención para protexer a nosa boca dos excesos gastronómicos. Falamos coa Dra. María José Martín.

Publicado o

- Advertisement -

Paparotadas como se non houbese un mañá, interminables en tempo e en cantidade, que se dan con pouco marxe de tempo entre elas e en moitos casos fóra do noso fogar, doces á esgalla… Como para estar pendentes do cepillado as tres veces ao día como mínimo, verdade?

Moitos xantares e moitas ceas excesivas concentradas en pouco tempo fan que a acumulación de alimentos inxeridos sen cepillado rigoroso poda favorecer a aparición de bacterias na boca, sen contar tamén os riscos de caries polo abuso de doces e outras enfermidades orais.

Tendo en conta isto, entendemos que nas festas de Nadal os dentes sufran máis que noutras épocas do ano, motivo polo cal cómpre non relaxar de mais o seu coidado, manter un mínimo de disciplina e atender algunhas advertencias.

Así as cousas, decidimos falar coa Dra. María José Martín, licenciada en Odontoloxía dende o ano 1997 e especialista universitaria en Patoloxía Cirúrxica Oral pola USC, para que nos dea algúns consellos:

1-Manter a disciplina de cepillado.

O seu é cepillarse tres veces ao día, unha despois de cada comida, e con máis razón nestas datas nas que comeremos máis. Se a escusa é que estamos fóra da casa “non me vale, hai cepillos de viaxe e outros utensilios que podemos levar a calquera sitio”, di María José. E engade, “se polo que sexa, resulta moi incómodo ou difícil manter os tres cepillados, facer polo menos o da noite, pero moi ben feito”.

Cepillos de dentes / Cl. Dra. M. José

2-Máis alá do cepillado, usar o irrigador e outros aparellos para a hixiene dental.

A nosa dentista de cabeceira lembra tamén a importancia de manter a disciplina no uso do irrigador. E como complemento, ou á falta deste, recomenda o uso de seda dental e cepillos interdentais ademais de colutorios para enxaugar a boca.

“Se polo que sexa, resulta moi incómodo ou difícil manter os tres cepillados, facer polo menos o da noite, pero moi ben feito”

3-Época por excelencia de azucres: control.

No Nadal o habitual é comer moitos alimentos ricos en azucres pero o recomendable é non pasarse e reducir ao máximo a súa inxesta porque favorecen a aparición de caries. Nas comidas nas que haxa exceso de doces, reforzar máis se cabe a limpeza da boca con cepillados a fondo.

4-Coidado co turrón!

Un dos reis das festas é este tradicional doce. E un clásico de clásicos, o ‘turrón duro’. Pois ollo con el porque pódense resentir os nosos dentes, máis se cabe se temos ortodoncias, empastes, implantes, etc. A Dra. Martín recomenda andar con moito coidado para non danar pezas dentais, tendo en conta se temos a dentadura delicada ou afectada por algún dos tratamentos anteriores e sempre escoller o lado da boca que teñamos saneado ou máis reforzado para morder. Tendo unha boca sa e saneada o aconsellable é levar a masticación á zona das moas e facer masticado usando os dous lados da boca e non un só, sempre que se poda.

5-Advertencias á hora de inxerir comidas con moito oso e/ou marisco.

Neste caso, como no anterior, María José recomenda ser prudente e, “non meterlle o dente a todo, mellor empregar os cubertos e utensilios que existen para comer pratos coma o marisco”.

6-Non ‘picotear’ entre horas.

Estamos nunha época de excesos, co cal tamén é habitual que xa sexa en familia ou con compañeiras/os de traballo, tendamos a picar aquí e picar alí co consecuente risco de acumular comida nos dentes e descoidar o cepillado.

“Hai que manter a disciplina e as rutinas”

7-Coidado das ortodoncias e outros tratamentos.

Por ser Nadal e tempo de vacacións para moita xente, e sobre todo para os pequenos e pequenas, non se deben perder as visitas á dentista para manter o control e o seguimento. Hai que manter a disciplina e as rutinas.

8-Visita á dentista despois das festas.

Ao marxe das visitas xa pautadas ao longo do ano resulta moi recomendable facer unha revisión e/ou unha limpeza a fondo ao rematar o Nadal para controlar se os excesos puideran resentir a nos saúde bucodental.

Gabinete de atención clínica / Dra. María José Martín

ÚLTIMAS

A historiadora Manuela Sáez doa ó Concello de Monforte unha réplica do busto do VII Conde de Lemos

A réplica deste busto foi doada por Sáez ó Concello de Monforte, e foi...

A Libraría Pelayo de Monforte presenta 3 libros este 23 de abril

A Libraría Pelayo de Monforte acolle este martes, 23 de abril, a presentación de...

A escritora quiroguesa Celia Díaz estará na ‘Diada de San Jordi’

Celia Díaz chega a Barcelona para vivir a experiencia de dar a coñecer as...

Completa fin de semana do Quixós en Portugal

O sábado 20 de abril competían en augas portuguesas, na II Copa Promoción Slalom,...