Sober sospeita de enganches “ilegais” á traída da auga en plena alerta por seca

No Concello anuncian que farán batidas para detectar posibles incumprimentos da norma.

Billa auga / Europa Press

Os concellos de Sober e O Saviñao, na provincia de Lugo, adoptaron medidas para combater a seca. De feito, no caso do Saviñao, a estación depuradora de augas residuais (EDAR) xa non funciona automaticamente e optouse polo bombeo manual “cada dúas horas ou dúas horas e media”.

Á súa vez, o Concello de Sober emitiu un comunicado no que apela á responsabilidade dos veciños no uso da auga, tras detectar consumos que non se axustan á normativa nun contexto de seca.

No comunicado, explica que se efectuará un varrido por zonas. O obxectivo desta acción é detectar enganches ilegais á rede e usuarios que reguen con auga da traída. Desde o goberno local sinalan que, “se se detectan prácticas que están prohibidas ou son abusivas, tramitaranse as correspondentes sancións”.

Esta decisión adóptase, sostén o Consistorio, tras detectar consumos moi elevados en franxas horarias determinadas que “non se corresponden co horario habitual de rega”. Lembran que “está prohibido usar auga da traída para regar, lavar os vehículos ou encher piscinas”.

SUBMINISTRACIÓN A OUTRAS ALDEAS

Por outra banda, o Concello está a facilitar cisternas de auga a varios pobos nos que non contan con traída municipal, senón que a usada é a traída dos veciños, e a subministración escasea. “Mentres uns teñen problemas, outros malgastan a auga con regas descontroladas ou enganches ilegais é ilóxico”, lamentou o alcalde, Luís Fernández.

O SAVIÑAO

No Concello do Saviñao deixou de funcionar automaticamente a EDAR pola falta de auga e tense que recorrer a un bombeo manual “durante dúas horas ou dúas horas e media” ao día. O alcalde, Carlos Armesto, recoñeceu que teñen “problemas”derivados da seca e, así, matizou que aínda que “non son graves” si que “é certo que o río Sardiñeira, que é o río que abastece ao concello está con moi pouco caudal”. “Eu non o viu nunca así”, constata.

“O problema é a EDAR, no canto de funcionar de forma automática que funcionaría seguido; o que facemos é a bomba dúas horas ou dúas horas e media porque hai que parar para que se repoñan as presas”, explicou o rexedor.

Ademais, puntualizou que “se está tentando eliminar o gastomunicipal que non sexa o estritamente necesario, como a rega de xardíns e demais”. “Igualmente, estamos a tentar facer dous pozos de barrena para complementar a auga da traída”, engadiu.

CAMIÓN CISTERNA

Uns problemas de desabastecemento da auga que leva ao concello a dispor “dun camión cisterna, levando auga a aqueles puntos onde os abastecementos están máis necesitados”. Aínda que a baixada de caudal no verán é habitual, o rexedor do Saviñao precisou que “nunca” sucedera na traída principal porque o río Sardiñeira é un río que non presentara problemas ata agora.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here