HomeEconomíaCabras e ovellas, as grandes esquecidas da Xunta

Cabras e ovellas, as grandes esquecidas da Xunta

Publicado o

- Advertisement -

No ano 1994, 13 gandeiros adicados ao sector caprino e ovina crearon, en Lugo, a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA). Dende a súa formación prestan servizo aos preto de 200 criadores asociados de toda Galicia co obxectivo de defender os intereses do sector. Deste xeito, produtores de carne e leite de ovella e cabra crearon unha asociación, única en Galicia, que xa é todo un referente sectorial da que o enxeñeiro agrónomo Carlos Alberto Rodríguez é o director técnico.

Malia os esforzos realizados durante 14 anos, dende OVICA teñen claro que a Xunta de Galicia ten totalmente esquecido este sector. Os prezos que a goberno autonómico ten establecidos nos matadoiros para estes animais oscila entre 10 e 30 euros, un prezo bastante alto tendo en conta o beneficio que o produtor recauda por cada res; isto provoca que pequenos produtores sen profesionalizar, sacrifiquen os animais nas súas granxas sen medidas sanitarias axeitadas para esta labor. Unha das solucións que propón OVICA para este problema é que a Consellería de Medio Rural poña en marcha un sistema de matadoiros móbiles como xa se fai en Cataluña e en países como Noruega ou Alemaña. Ademais, tamén se debería de permitir a instalación de sala de despece nas granxas para, xunto cos matadoiros móbiles, abaratar uns custes de sacrificio que provocan un beneficio practicamente inexistente por parte do gandeiro.

Pastoreo/OVICA

Outra das necesidades destes animais, é a esquila. O intrusismo laboral neste sector é excesivo. Dende OVICA consideran que dende a Xunta deberíase de expedir un carnet profesional que capacite ó demandante para esta labor. Neste senso, tamén se debería de expedir un certificado de trazabilidade de recollida de lá e creación de obradoiros tradicionais para que traballos coma este non caian no esquecemento.

Dende fai anos, son moitas as voces que se pronuncian a favor da creación dun programa de apoio ao pastoreo extensivo con gando ovino e caprino como método de prevención de lumes forestais. Estas voces, tras os incendios de outubro do 2017, aínda se fixeron máis sonoras. A elevada acumulación de biomasa nos montes galego e as condicións climatolóxicas adversas dos últimos tempos en canto a temperatura, humidade e vento, poden desencadear en fenómenos catastróficos. Dende OVICA teñen claro que estes quedarían mitigados considerablemente se se executaran políticas reais de limpeza con brigadas antilumes naturais, as cabras e as ovellas, que permiten ter desbrozado o monte durante todo o ano. Rosa Mosquera, doutora da Escola Politécnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela conclúe, tras varios estudos executados que, limpar e alimentar o monte con gando en base a pastoreo é 10 veces máis barato que rozar con medios mecánicos. Seguindo esta liña, dende OVICA tamén lle demandan á Xunta a eliminación da prohibición de pastoreo nas áreas queimadas.

O sector primario é o principal motor de economía en Galicia. Nos últimos anos, son moitos os mozos e mozas que ben por relevo xeracional, ou ben por cambio de vida do urbano ó rural, están ao fronte de explotacións animais. Nos últimos 3 anos, un total de 65 persoas déronse de alta no réxime agrario. Para que poidan optar á condición de explotación prioritaria por parte do Servizo de Explotacións Agropecuarias dependentes da Consellería de Medio Rural, teñen que estar en posesión dunha formación composta por 8 módulos que deberán de rematar antes do 36 meses de realizar a  incorporación efectiva. Actualmente soamente o centro de capacitación agraria de Sergude o imparte de xeito presencial e os que optaron pola teleformación soamente teñen cursados 5 dos 8 módulos obrigatorios polo que moitos gandeiros teñen medo a ter que devolver as axudas percibidas por non ter cursada a formación nos 3 anos que se lles foi esixido.

Seguindo o fío, a excesiva burocratización do sistema con leva a que moitos solicitantes de subvencións e axudas renuncien ás mesmas pola dificultade de adaptarse ós prazos requiridos. Ademais, a informatización actual do sistema provoca que moitos gandeiros teñan serios problemas para realizar todas as tarefas administrativas solicitadas, polo tanto, os cursos de formación no campo de informática e novas tecnoloxías serían unha gran axuda para os produtores do sector primario. Outro dos problemas existentes, é a falta de cobertura da internet no rural e en consecuencia, moitos usuarios teñen que desprazarse ata as oficinas para realizar os trámites que se poderían facer de xeito telemático.

Finalmente, o lobo, o gran inimigo das ovellas e cabras, está a provocar unha situación crítica no sector  e, sen embargo, dende a Consellería de Medio Ambiente decidiuse non convocar axudas para instalar métodos de prevención contra a súa actuación. E é que no 2017 morreron un total de 1.288 ovellas e 242 cabras pola súa actuación. Estes ataques xa provocaron o peche de ganderías polas perdas ocasionadas e, de continuar esta situación, seguirán pechando máis explotacións.

 

 

 

ÚLTIMAS

120.000€ para a ampliación do aparcadoiro do Polígono do Reboredo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o espazo onde se...

Mobilizacións contra os recortes no ensino en Ribas de Sil e Sober

Este domingo pola mañá, concretamente ás 11:00 h., daba comezo no CEIP de San...

Décimo aniversario do Festival As Cores do Outono, os días 27 e 28 de setembro na Pobra do Brollón

O festival de música galega de raíz As Cores do Outono, unha iniciativa do...

283 prazas para nenos e adultos nas Escolas Deportivas de Monforte

O Concello de Monforte oferta á cidadanía un amplo abano de actividades a través...