InicioEn profundidadeO IES Daviña Rey, canteira de talento e futuros profesionais

O IES Daviña Rey, canteira de talento e futuros profesionais

Visitamos este centro de formación de Monforte para falar co seu director, Isaac González González. A intención é coñecer as súas ofertas formativas pero tamén falarmos de ensino, resultándonos interesante o seu punto de vista dende a experiencia que atesoura tamén como docente.

Publicado o

- Advertisement -

Isaac é un galego de Cervantes que chegou a Monforte hai trinta anos para traballar neste centro de ensino, centro no que exerce como director dende hai oito. Recíbeme coas portas abertas do seu despacho e transmíteme, dende o saúdo inicial, proximidade e predisposición ao sentido do humor.

Avanzada a conversa vou comprobando que esta primeira impresión casa coa filosofía que ten de levar a dirección creando un bo ambiente no claustro, “teño moita sorte co equipo de traballo”, “hai moita implicación, motivación e moi bo ambiente”, afirma Isaac.

O IES Daviña Rey chegou a ter en tempos ata 600 matriculados, tendo na actualidade case a metade, uns 350 alumnos e alumnas aproximadamente. A crise demográfica está castigando e moito alumnado que viña de concellos veciños agora está minguando moitísimo. “A pirámide poboacional inversa en Lugo é terrible e vai a peor”, dinos tamén o seu director.

“O IES Daviña Rey chegou a ter en tempos ata 600 matriculados”

Respecto á oferta educativa que ofrecedes -ESO, BAC e Ciclos Formativos-, de que pilar estades máis orgullosos?

Funcionan ben os tres, pero os Ciclos Formativos son máis chamativos. Podo dicirche que somos xa unha referencia para empresas. Veñen aquí buscar traballadores de concellos como Sarria pero tamén de Ourense, Lugo e ata de Coruña.

Hai moita demanda de futuros traballadores e traballadoras logo?

Pois a verdade é que si. Pasamos de momentos nos que había falta de traballo a que agora falten traballadores. Nalgúns ciclos temos máis demanda de traballadores que oferta.

“Podo dicirche que somos xa unha referencia para empresas”

Que ciclos teñen máis saída actualmente?

Os relacionados coas telecomunicacións, a educación infantil e os coidados de enfermería. O de Educación Infantil é o máis novidoso, saíu o pasado ano a primeira promoción e ten demanda. O de Sistemas de Telecomunicación e Informáticos e o de Coidados de Auxiliares de Enfermería tamén teñen moitas saídas laborais.

IES Daviña Rey de Monforte / XdL

Cónstame que sempre mirastes de estar á última nas novas tecnoloxías e que tedes un centro moi ben equipado neste sentido. Cóntanos.

Fomos dos primeiros centros en entrar nas redes de calidade AENOR e dende sempre temos como máxima apuntarnos ás novas tecnoloxías. Temos por exemplo toda a documentación dispoñible na web, co conseguinte aforro de papel, todos os profesores e profesoras teñen ordenador portátil pagado polo centro, ordenadores e pizarras dixitais en todas as aulas, todo o centro está equipado con luces led tendo unha baixada de consumo  grandísima… En fin, que sempre apostamos por estar ben equipados e investir en modernización e aforro enerxético.

Contento cos docentes tamén?

Moi contento. Están todos moi implicados e moi formados. Moitos deles fan cursos a nivel interno para actualizar e aumentar coñecementos. Algúns están tan ben preparados que incluso dan cursos a outros docentes.

Que destacarías do Daviña Rey que lle dea un valor diferencial?

Que é un centro moi aberto á sociedade, con moi bo ambiente entre docentes, docentes e alumnos/as e tamén coas familias; que apostamos polas novas tecnoloxías, destacando en TIC e Robótica, por certo, a formación da Xunta nestes eidos fíxose aquí; e que presentamos moitos proxectos, algúns deles premiados.

co proxecto ‘Monte sen lume’ foron premio nacional conxuntamente co CPI Suárez Marquier do Rosal

Algúns recoñecementos especiais ou de alcance que lembres?

MetroMinutoMonforte, unha aplicación para coñecer a distancia entre diferentes puntos de Monforte e o tempo que leva o percorrido a pé, M3 Farmacias; outra App creada polo alumnado de 4º de ESO coas farmacias de garda e mapa coas de urxencias, e o proxecto Monte sen lume que foi premio nacional conxuntamente co CPI Suárrez Marquier do Rosal.

MetroMinutoMonforte

A formación tense que adaptar aos tempos. Que cres, como docente, que inflúe máis nesa necesidade de adaptación?

Os cambios lexislativos, case che diría que é o atranco máis grande co que se atopa o docente hoxe en día. Demasiados cambios e a maioría creo que ten que ver máis cos cambios de goberno que cunha necesidade real. Tamén inflúe o cambio do analóxico ao dixital, o acceso á información é moito máis doado e rápido… o alumnado busca, contrasta e incluso cuestiona os coñecementos recibidos.

“Os cambios lexislativos, case che diría que é o atranco máis grande co que se atopa o docente hoxe en día”

É bo ou malo ese acceso inmediato á información?

É bo, pero dándolle un bo uso, un uso responsable. Unha das nosas funcións é orientalos para que busquen a información adecuada e que non se tiren á piscina.

Os cambios no trato co alumnado, tamén inflúen no xeito de ensinar?

Tamén. Agora o trato é máis directo, máis afable. Hai máis comunicación e a educación é máis horizontal. Antes era máis distante e máis xerárquica a relación profesor-alumno.

“agora o trato é mais directo, máis afable. Hai máis comunicación e a educación é máis horizontal”

E para rematar. Cada vez hai máis problemas para alcanzar a concentración coa sobreestimulación que temos por mor das novas tecnoloxías. Que consellos nos darías para que evitar que eses estímulos prexudiquen a formación, e incluso nos afecten no día a día?

A pregunta é boísima pero moi difícil de contestar. Aquí prohibimos o móbil durante as clases e a nosa filosofía é concienciar no día a día que hai que limitar o uso del o máximo posible. Pero recoñezo que é difícil despegarse e deixar de facer algo que vemos por todos lados.

Oferta formativa curso 2020/2021

ÚLTIMAS

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...