A Ribeira Sacra máis preto de ser Patrimonio da Humanidade

O Consello da Xunta vén de aprobar a Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural (BIC), cumpríndose así os prognósticos de que antes de rematar o 2018 sería oficial este pronunciamento.

Canons do Sil. Foto: Marga Méndez

Hai un ano, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural incoaba como Ben de Interese Cultural, coa categoría de paisaxe cultural, á Ribeira Sacra. Con este trámite buscábase o recoñecemento do valor cultural sobranceiro deste territorio, con características culturais materiais e inmateriais singulares, obras combinadas da natureza e o ser humano.

Esta declaración de BIC, ademais do recoñecemento oficial, ten como finalidade protexer os valores culturais e patrimoniais que o integran  e encamiñar a actividade pública para salvagardalos e difundilos. Ao mesmo tempo tamén sirve para fixar límites, parámetros que garantan a conservación dos seus valores compatibles co desenvolvemento das actividades sociais, económicas, culturais ou de lecer que nela se desenvolvan.

Viñedos de Doade. Foto: Marga Méndez

E non esquezamos tampouco o valor instrumental que ten esta resolución para acadar outra meta maior, admitindo o propio Goberno autonómico que este acordo é un paso previo para que a zona “poida optar a entrar” na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco.

Segundo se comentaba esta mañá na emisora Onda Cero, a declaración de Ben de Interese Cultural para a Ribeira Sacra afecta a 22 concellos, 180 quilómetros cadrados e 190 núcleos de poboación incluíndo tamén a protección do patrimonio inmaterial desta zona como os entroidos, as festas das fachas e dos fachóns e oficios tradicionais como o dos oleiros. En conversa nesta mesma emisora co Presidente da D.O. Ribeira Sacra comentouse que a decisión adoptada non terá influencia directa sobre o sector vitícola e que poderá seguir desenvolvéndose dentro dos parámetros establecidos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here