HomeMovementos sociaisSinais de lousa para evitar atropelos nunha aldea de Ribas de Sil

Sinais de lousa para evitar atropelos nunha aldea de Ribas de Sil

A veciñanza de Casares, no Concello de Ribas de Sil, tivo esta iniciativa para persuadir a condutores que pasan con exceso de velocidade polo medio deste núcleo rural.

Publicado o

- Advertisement -

O despoboamento rural está baleirando as aldeas de xente pero isto non pode ser unha escusa para non respectar os límites de velocidade cando se pasa en coche polo medio delas.

Veciñas e veciños de Casares, unha aldea do Concello de Ribas de Sil, están a denunciar a través das redes sociais que os vehículos que pasan pola estrada que teñen no medio non respectan os límites de velocidade establecidos.

As súas queixas fanse agora máis evidentes alertando de que “nestes meses de verán achégase a Casares moita xente con nenas e nenos que veñen gozar da casa da súa familia ou dos seus devanceiros”. E engaden “a falta de sitio para xogar, a rapazada faino normalmente nas beiras da estrada co conseguinte perigo polo paso dos coches a velocidades excesivas. Estes teñen que pasar a unha velocidade que non podería ser superior a 30 quilómetros/hora, pero isto non se cumpre case nunca”.

Segundo nos explica Roberto, habitante fixo discontínuo que tira moito por Casares xunto coa súa parella Laura, “como algún veciño xa puxo en coñecemento das autoridades o problema, e estas non fixeron nin caso, entre algúns veciños decidimos facer uns sinais para poñer nas entradas de Casares”.

Os sinais dos que fala Roberto foron pintados en lousas por Diana, unha artista local. Incorporan a palabra ‘FRENA’ e un triángulo de bordes vermellos –perigo– con debuxos de nenas e nenos xogando.

Sinal na entrada de Casares dirección A Pobra de Trives. Foto: Roberto e Laura

Unha vez rematados os sinais, colocáronos nos dous extremos de Casares para ver se así os condutores e as condutoras se conciencian de que sempre, pero máis se cabe nesta época do ano, hai que ir a modiño cando se pasa polas aldeas, xa que moitas están cheas de cativada gozando do verán. 

ÚLTIMAS

Despois de 5 concertos péchase con éxito o VI Fest Clásico Ribeira Sacra

Un dos grandes retos do Festival, con sede nos Peares, é reunir a grandes...

A ANPA da Gándara de Monforte denuncia o abandono do parque de xogos

No desenvolmento das súas funcións, a ANPA, dá a coñecer públicamente as deficiencias deste...

“Cine e Cooperación, unha ventá ao mundo”, este 12 de setembro no Cuadrado de Monforte

O Concello de Monforte acollerá este xoves, 12 de setembro, ás 20:30h unha actividade...

O PP de Monforte defenderá no pleno unha correcta planificación do ciclo da auga

O concelleiro, José Luis Rodríguez, lembra que a pasada semana os veciños das rúas...