InicioOpiniónIria Iglesias e Dani Viéitez, do estrés de Vigo á tranquilidade de...

Iria Iglesias e Dani Viéitez, do estrés de Vigo á tranquilidade de Pantón para escribir e ilustrar libros infantís

Unha nova colaboración do colectivo Segredos de Pantón. Nesta ocasión achégannos unha interesante entrevista con Iria Iglesias e Dani Viéitez, dúas mentes creativas que decidiron deixar Vigo para afincarse en Ferreira de Pantón.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Iria Iglesias estudou Historia do arte e Gráfica publicitaria e posteriormente traballou en comunicación e moda. Dani Viéitez estudou Empresariais e especializouse en marketing, despois traballou en marketing e en loxística.

No ano 2008, Iria e Dani decidiron mudarse ao rural. Para iso deron un paso previo por Monforte, onde abriron a tenda Cascabel, compaxinando esta cos seus primeiros traballos editoriais e co deseño gráfico. No 2011 aséntanse definitivamente en Pantón.

Na actualidade, os dous son a base de Estudio Gnomo, proxecto co que se adican plenamente a escribir e ilustrar libros infantís e ao deseño gráfico. Entre as súas obras destaca a colección de “O raposo Rufo“, “Pilonga e Amanito” ou o recentemente publicado “Pelo de Nube“. Asemade tamén traballaron ilustrando libros para outros autores, coma o derradeiro libro que nos deixou Xosé Neira Vilas “Galicia, nosa ledicia“. Preparan para final de ano un novo libro de cociña infantil co raposo Rufo coma protagonista e unha nova colección de contos clásicos versión galega, entre outras novidades.

Para comezar coa entrevista, como naceu a idea de crear un estudio de ilustración?

Levabamos tempo traballando dende a casa en deseño gráfico para empresas e concellos, e trala publicación dos primeiros libros da colección de Rufo xurde a necesidade de establecer ese traballo coma algo máis “oficial” que ao mesmo tempo nos axude a identificar o noso traballo. Foi aí cando decidimos poñer as bases para o comezo de Estudio Gnomo como tal, con dúas ramas de traballo diferenciadas, aínda que moitas veces relacionadas, coma son o deseño gráfico e a ilustración.

Vós estades afincad@s no rural, que vós levou a quedar en Pantón e deixar atrás a cidade de Vigo?

(Dani) Chegou un día no que nos decatamos que non queriamos vivir a nosa vida como o estabamos facendo. Un traballo estable, un piso, os nosos coches… pero unha vida de présas, de estrés, de falta de tempo para facer cousas.

Queriamos algo máis, outra cousa, e decidimos romper coa cidade, deixar os nosos traballos e probar a vivir outra vida, unha nova aventura.

Pola miña banda, meus pais son pantoneses emigrados. A miña familia por ámbalas dúas ramas ten raíces nesta terra e eu levo desfrutando dela desde cativo. Cando xurdiu a idea non tiven dúbidas.

“Decidimos romper coa cidade, deixar os nosos traballos e probar a vivir outra vida, unha nova aventura”

(Iria) No meu caso é diferente, non teño lazos familiares, pero coñecía a zona polas festas de Monforte. Cando comecei con Dani xa viña máis a miúdo e gustoume o ritmo de vida de aquí.

Como é a vosa relación coa ilustración e o deseño?

(Dani) A miña paixón pola ilustración vén dende a infancia. Cando era cativo pasaba o día inventando historias e creando personaxes. Despois, no canto de xogar con bonecos, debuxaba as aventuras deses personaxes en papel continuo de impresora matricial que traía meu pai cando o desbotaban no traballo.

Co deseño gráfico topei máis tarde, na carreira especialiceime en Marketing, ligado intrinsecamente co deseño gráfico. Tempo despois coñecín a Iria e aí o contacto xa foi total.

(Iria) Eu sabía que o de debuxar era o meu, ata estudaba con debuxos! Máis adiante descubrín que o que facía eran pictogramas. Así que desfrutei moitísimo estudando deseño gráfico e formándome para transformar ideas en imaxes. Posteriormente, traballei como deseñadora en publicidade, comunicación e moda.

Sodes creadores dunha saga con éxito como é “O raposo Rufo”, pero que foi o que vós fixo decantarvos pola literatura infantil?

(Dani) Particularmente o mundo editorial foi algo que sempre me gustou. Coma xa vos dixen o de contar historias lévoo facendo dende cativo. Dentro do mundo editorial, a literatura infantil paréceme a máis máxica e fermosa, pois permite reunir dun xeito natural a ilustración coa historia para facerlla chegar aos nenos.

No mes de febreiro publicastes un novo libro, “Pelo de nube”. Como foi a aceptación desta nova obra?

(Iria) Tivo moi boa acollida, é  un libro que fala de inclusión, de aceptación e de respecto, e chegaron a nós mensaxes preciosas tanto dos pequenos lectores coma dos seus pais.

Libro ‘Pelo de nube’. Foto: Estudio Gnomo

Falando en futuro como vedes o porvir da literatura infantil, os libros electrónicos poden supor unha dura competencia?

(Dani) Non concibimos o libro electrónico coma competencia xa que o noso traballo pode adaptarse tamén a ese formato. Aínda que no caso da literatura infantil, penso que o libro físico vai seguir sendo moi empregado xa que para os nenos segue a demandarse este formato. Os cativos precisan tocar, pasar as páxinas, e hoxe en día hai libros que ofrecen cousas que o electrónico non pode, coma texturas ou pop-ups.

“Penso que o libro vai seguir sendo moi empregado xa que para os nenos segue a demandarse este formato”

Coido que a nosa máxima competencia pode ser a falta de lectores, motivado pola falta dun hábito de lectura ou a plena dedicación que lle damos as novas tecnoloxías.

Para rematar con algo máis persoal, que paisaxe ou monumento de Pantón prefeririades ilustrar?

(Dani) O certo é que temos un concello moi ilustrable, moito monumento, a ribeira do Miño… Pero eu coido que me quedaría cunha paisaxe que vivín dende pequeno e que me inspira, coma os camiños da devesa que soben dende A Veiga ou Ral cara Cardomato.

(Iria) Eu quédome coa Igrexa de O Mosteiro, polas súas peculiaridades arquitectónicas, e co seu ceo pola noite, limpo de polución e cheo de estrelas!

ÚLTIMAS

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...

Unha nova vida para Donelle, a aldea de Sober mercada pola cooperativa Ecooo

A Donelle, unha aldea deshabitada do Concello de Sober dende hai varias décadas, preséntaselle...