InicioOpiniónHeroicidade

Heroicidade

Publicado o

POR
Andrés Pavón
- Advertisement -

Dado que non está todo o extendido que debera o concepto de “viticultura heroica” entre os habitantes da Ribeira Sacra, cómpre lembralo tanto para que non se esqueza como para que o coñezan os que o ignoran aquí e os que nos visitan dacolá. Calquera que teña ribeira sabe do heroico que é subir e baixar polas muras ben sexa para vendimar, ben para dar o sulfato, ben para podar. E todo sen apenas usar a maquinaria, porque o terreo fai que sexa imposible. Dese esforzo naceu a expresión antedita.

Convén que se visibilice tanto traballo. Polo recoñecemento que merecen quen o levan adiante e porque así se poderá valorar o viño en todos os seus aspectos.

Pero na Ribeira Sacra seguen vivindo e traballando outros heroes menos visibles. Fan pouco ruido, non os visitan os turistas e dispoñen de escaso tempo para se reivindicar ou mesmo para desfrutar da vida. Sempre agobiados polas grandes empresas e sempre dando mostras dunha capacidade de resistencia que mestura forza e resignación. Son os gandeiros produtores de leite. Os que desenvolven a “gandaría heroica”. Ou titánica, ou hercúlea ou calquera outro adxetivo que reflicta o que son capaces, non só de aturar, senón de superar e mellorar.

En 33 anos que levamos dentro da Unión Europea, contánse cos dedos dunha man os períodos -e nunca de máis de seis meses- en que recibiron un prezo digno polo leite das súas vacas. Xa se di que sempre están coa auga ao pescozo e, cando a cousa vai realmente mal, sóbelles ata o nariz.

As subas do gasóleo, o penso e a luz, as innumerables taxas das administracións públicas, as esixencias da UE en canto a instalacións, calidade do leite ou trazabilidade, os estragos que lobos e xabaríns fan en colleitas e rabaños, a necesidade de endebedarse para poder producir máis… todo iso fai que as penurias que se describen no Catecismo do Labrego (1889) semellen unha simple dor de cabeza.

E esta é a situación actual. Porque non pensemos que viñan da abundancia. A base de esforzos físicos e mentais lograron superar aquelas cabanas de 9 ou 10 vacas e aquelas muxiduras manuais e chegar a situar a Galicia como unha das oito mellores rexións produtoras de leite de Europa e a que concentra o 50% da produción española.

365 días ao ano teñen que pasar as vacas pola sala de ordeño, polo robot ou polo circuito. E 365 días hai que darlles de comer, atendelas sanitariamente e garantir que se poderá seguir facendo ao día seguinte. Sería boa cousa que algún rapaz dunha familia gandeira estea xa recollendo as súas vivencias para plasmalas o día de mañá nunha nova versión das Memorias dun neno labrego de Neira Vilas. Porque o campo mellorou nalgúns aspectos pero foi a moito peor en numerosos outros.

As sucesivas tractoradas e as periódicas mobilizacións só serviron para que industrias lácteas, empresas de distribución e administracións públicas asinaran uns acordos cuns nomes tan rimbombantes que xa deixaban ás claras que non había a máis mínima vontade de cumprilos. Tanto é así que as multas que se impuxeron as empresas por incumprir acordos ou vulnerar as reglas da competencia acabaron ou prescritas ou pagadas indirectamente polos gandeiros.

Leite branco, pasado escuro e negro presente. Que cor terá o futuro? As innovacións tecnolóxicas, a profesionalización dende a formación, a mellora xenética da cabana e a demanda de produtos lácteos en mercados novos son a base sobre a que construir ese futuro. Mais nunca deixará de ser heroica a gandería por moito que se avance.

A Ribeira Sacra está de moda. Cada vez hai máis turistas e un turismo de calidade. Ao seu abeiro agromaron ducias de empresas que ofrecen servizos do máis variado. E o sector do viño gaña mercados cada ano que pasa e mellora paseniñamente o seu prezo, tamén arrastrado pola imaxe que reflicte a nosa paisaxe. Pero detrás das muras e viñedos, das igrexas e mosteiros e dos ríos cos seus catamaráns segue habendo centos de familias que manteñen vivo o territorio. Que fan que os campos non sexan silveiras, que mercan nos concellos onde viven, que producen un leite de primeiro nivel e que supoñen o sustento de moitas persoas, máis aló dunhas industrias que os vampirizan.

Algúns deles conseguiron facerse máis visibles. O tono reivindicativo dos regantes do Val de Lemos, os proxectos de elaboración e venda directa de Casa da Fonte, Airas Moniz ou SAT Seixas, a exclusiva fórmula de mellora xenética de Capón Holstein, o mantemento da subasta de gando frisón de Chantada… son exemplos de traballo ben feito que conseguiron chamar a atención dos medios de comunicación. Mais é o conxunto do sector gandeiro lácteo da Ribeira Sacra o que merece un recoñecemento colectivo. Dende a veciña que segue a muxir seis ou sete vacas mentres agarda a xubilación ata as grandes SAT de 300 vacas. Dende o condutor do camión do leite que se levanta ás catro da mañá ata o rapaz que traballa 18 horas diarias na ensila. Todos eles son a cara menos visible da Ribeira Sacra. Pero son esenciais e deben seguir sendo parte da vida deste anaco de Galicia. Para que non esquezamos de onde vimos, quen somos e ata onde podemos chegar. Gandería Heroica. Con maiúsculas.

ÚLTIMAS

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...