InicioPolíticaAndré Sánchez Labandeira repite como candidato do BNG á Alcaldía de Chantada

André Sánchez Labandeira repite como candidato do BNG á Alcaldía de Chantada

André Sánchez Labandeira será quen lidere a opción nacionalista de cara ás vindeiras eleccións municipais. Sen representación na corporación municipal, o traballo que ten por diante é moito pero ilusión, ganas e proxectos non lle faltan. Esta tarde xa nos anticipou algunhas ideas.

Publicado o

- Advertisement -

A Asemblea Local do BNG de Chantada comunicou a súa decisión de propoñer a André Sánchez Labandeira, actual Responsable Local, como candidato número 1 para as vindeiras eleccións municipais por votación unánime da asemblea celebrada a semana pasada.

Ten por diante unha difícil misión que será encabezar un proxecto político sen representación na corporación local pero con ganas de recuperar un espazo para o nacionalismo e unha política centrada na promoción da lingua e a cultura galegas, no feminismo, no ecoloxismo, na loita contra a corrupción de todo tipo e na defensa dos intereses das e dos cidadáns de Chantada.

André Sánchez naceu en Boimorto hai 58 anos e dedícase profesionalmente á docencia no IES Lama das Quendas de Chantada. Leva trinta e cinco anos como militante do BNG e declárase un amante desta vila e da contorna dende chegou a ela.

As túas orixes non están en Chantada, verdade?

Non, son de Boimorto e por temas laborais cheguei a Chantada hai dezaseis anos.

Chantadino de adopción, logo?

Pódese dicir que si. Dende ese momento xa fixei residencia aquí. Aínda non pasara un ano e xa mercara piso e estaba empadroado. Namoreime de Chantada e da súa contorna e aquí quedei.

A túa militancia no BNG vén de lonxe e xa tes experiencia en liderar candidaturas, non si?

Levo 35 anos como militante, xa son anos, si. Estando en Boimorto xa me presentei en dúas ocasións e dende que estou en Chantada, esta será tamén a segunda.

Que sectores produtivos ten que coidar e potenciar Chantada?

Diríache catro como os máis importantes, o agrogandeiro, o comercio, o turismo e a industria.

Como valoras a situación actual do sector agrogandeiro?

Neste eido coido que temos que cambiar a tendencia. Hai que frear a perda de explotacións gandeiras e buscar alternativas competitivas ao sector do viño. Chantada sempre tivo un gran potencial gandeiro e habería que tomar medidas para que o siga tendo. En canto ao sector do viño, vai ben e ten moita importancia no tecido produtivo pero penso que se debería apostar máis pola calidade que pola cantidade. Ao mesmo tempo, sería interesante “buscar alternativas” pois hai outros produtos con potencial e polos que se mira menos. Por exemplo, a transformación da froita, das castañas ou dos cogomelos.

E do resto de sectores que mencionas?

O comercio está nun momento difícil para competir coas grandes empresas e coa venda por internet. Compre apoiar máis ao pequeno comercio e buscar alternativas, así como crear cultura do comercio de proximidade e frear o despoboamento rural. Se non temos xente tampouco temos quen merque.

En relación ao turismo, seguir potenciándoo porque dá moito a Chantada pero igual controlalo, que sexa un turismo sostible, de calidade e que non estrague a paisaxe nin o patrimonio. A zona vella de Chantada tamén merece un lavado de cara neste senso.

E para o sector industrial convencernos de que temos unha materia prima excepcional no concello que ao transformala ten un excelente éxito no mercado. E temos varios exemplos aos que seguir no noso polígono industrial, empresas que trunfan vendendo galletas, queixos, sidra ou castañas.

Convencido de encabezar a candidatura do BNG?

Claro que si. Por suposto, ilusión e ganas non me faltan. E convencido de que Chantada precisa dunha forza nacionalista para ocupar un espazo necesario e dar solucións que actualmente non se dan a problemas estruturais pero tamén a problemas de veciñanza.

Aínda que non teñades presenza na corporación municipal como é a relación co goberno local?

Pouca por non dicir ningunha. Temos presentado iniciativas como o “Museo da guerrilla” e non se ten en conta. Dende o BNG entendemos que o goberno actual ten poucas iniciativas e poucos proxectos limitándose a unha “gobernanza puramente administrativa”.

Para presentar o candidato á veciñanza, o BNG celebrará asemblea aberta o venres 14 de decembro, ás 20’30 horas, na casa Sindical.

 

ÚLTIMAS

210.000€ para a mellora de tres estradas provinciais en Chantada e no Saviñao

No caso de Chantada, a Xunta de Goberno acordou licitar a mellor de dúas...

Fin de semana de Fam Trip na Ruta do Viño da Ribeira Sacra

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra celebra do 24 ao 26 de maio...

O alcalde de Bóveda na creacion da Comisión de Políticas de Auga, Medio Ambiente e Economía Circular

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou recentemente en Madrid na reunión da...

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...