IniciosociedadeO esperado pregón do ‘Parga’ na Festa da Cereixa

O esperado pregón do ‘Parga’ na Festa da Cereixa

Esta fin de semana tivo lugar a XVII Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil na Praia Fluvial de San Clodio. Centos de persoas acudiron á cita, marcada este ano pola onda de calor e polo pregón emocionado de José Antonio Parga, ex reporteiro gráfico do xornal El Progreso.

Publicado o

- Advertisement -

A XVII Festa da Cereixa e do Aceite en Ribas de Sil reuniu a centos de persoas na Praia Fluvial de San Clodio, uns para pasar alí gran parte da xornada á beira do río, e outros de visita. Tanto uns como outros aproveitaron para gozar do ambiente e para mercar nalgún dos 20 postos de produtos autóctonos que se presentaban, entre eles 6 produtores de cereixas e aceite.

Un dos produtores de cereixas e aceite, Miguel de Figueiredo / XdL

Tamén pasaron por alí diferentes autoridades políticas como o Presidente da Deputación en funcións, Darío Campos Conde, o Deputado de Goberno Interior e Alcalde de Ribas de Sil en funcións, Miguel Ángel Sotuela Vega, e outras autoridades políticas da contorna como a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Veiga ou o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez. Outros alcaldes que viñeron de visita foron José Tomé, de Monforte de Lemos, José Luis Álvarez e Carlos Armesto, de Pantón e do Saviñao respectivamente, e o alcalde de Sober, Luis Guitián.

Ao redor das 13:00 h. tivo lugar o esperado pregón de José Antonio Parga, ‘Parga’ para os amigos/as. Facíase raro velo sen cámara e el mesmo recoñecía a Xornal de Lemos que non lle prestaba andar con ela estas semanas. O momento do pregón espertou gran interese, varios medios de comunicación e numeroso público estaban pendentes das súas palabras.

Parga despois do pregón / XdL

Dun pregón ‘campechano’ como é el, destacamos os seguintes momentos:

Empezou o seu relato dando a entender que a razón de ser el o pregoeiro deste ano debíase, máis que a méritos persoais, á amizade que o une co tenente de alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro. A continuación, recoñecía que o motivo que lle trasladou Castro, para ser o escollido, foi que fixo visible a comarca durante vinte e cinco anos como fotógrafo de El Progreso.  E efectivamente, certo é que fixo moitas fotografías destas terras para cubrir moitos acontecementos, “e non sempre agradables” matizaba Parga.

Lembrou tamén, botando en cara o despido sufrido semanas atrás, que agora tería que buscar outras ocupacións e igual algunhas delas poderían ser plantar cerdeiras ou facerse horticultor. Neste punto, referíndose a El Progreso, dixo que “auditores externos, contratados pola que era a miña empresa, decidiron que eu xa non era necesario, polo tanto prescindible, porque… ao parecer deixaron de gañar cartos, ou os están perdendo… que non o teño moi claro”.

Tras este reproche, agradeceu, con especial énfase, o agarimo que lle estaba a demostrar moita xente nestas últimas semanas, días difíciles para el nos que recoñeceu andar moi amolado.

Tamén tivo palabras sentidas referíndose ás súas andanzas pola zona, para Montefurado e para a Cubela, lugares que admira e aos que fotografou en moitas ocasións, e para Miguel Sotuela, Alcalde de Ribas de Sil, ao que lembrou como estudante da Escola de Maestría de Monforte e ao que felicitou polos bos resultados electorais.

Facendo memoria comentou a ilusión que lle fixo que tocase a lotería en San Clodio hai uns anos e tamén lembrou que o primeiro pregoeiro da Festa da Cereixa, que daquela se celebraba na Praza do Concello, foi Pepe Blanco, recén elixido secretario de organización do PSOE e “un dos homes máis influintes en España, case coma min…” chanceaba Parga.

Xa rematando, fixo referencia ao Xeoparque e ao cultivo da cereixa e do aceite como proxectos de presente e futuro que crearán riqueza na zona, e despedíase animando aos presentes a mercar estes produtos para “mellorar a economía local”.

Cereixas e aceite de Ribas de Sil / XdL

ÚLTIMAS

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...