HomeEconomíaRibeira Sacra Next impulsa o emprendemento desde a escola para este curso

Ribeira Sacra Next impulsa o emprendemento desde a escola para este curso

A Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next desenvolverá durante este curso un proxecto de emprendemento escolar que se levará a cabo en colaboración cos polígonos industriais de Monforte de Lemos, Chantada, Pereiro de Aguiar e O Saviñao, para dar a coñecer ao alumnado o tecido empresarial da súa contorna.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Nunha primeira fase do proxecto formarase en metodoxía aos centros de ensino para crear unha empresa educativa co alumnado. Para explicar o proxecto desenvolverase unha presentación para empresas e centros de ensino, o xoves, 13 de novembro, no IES Daviña Rey de Monforte desde as 10:00h. Participarán do encontro, a xerente do Polígono de Sabón, Arteixo, Marta Marzoa e o coordinador de proxectos,  Xabier Sánchez, que desde o 2017 desenvolven un programa similar vinculando a empresas e centros de ensino.

Este proxecto educativo parte da base de que as novas empresas de mañá nacen dasvocacións emprendedoras de hoxe, o que fai necesarios uns coñecementos que apoien a súa posta en marcha e a consolidación de proxectos de calidade. Neste contexto considérase esencial introducir desde a etapa educativa os conceptos e valores do emprendemento, para que a mocidade poida ter presente a opción do traballo por conta propia á hora de decidir o seu futuro; e para que, no caso de decantarse por esta vía, dispoña dos coñecementos necesarios que potencien as súas probabilidades de éxito.

O obxectivo é desenvolver no estudantado, a partir dos 14 anos de idade, os principios e valores do cooperativismo e do emprendemento, potenciando no alumnado habilidades básicas e transversais como a cooperación, a interacción a través das TIC, a creatividade ou a comunicación. De modo que os distintos equipos de traballo desenvolverán ao longo do curso todas as fases de creación dunha empresa: avaliación de ideas para definir a empresa, a oportunidade de negocio e o modelo de negocio mediante a tecnoloxía Canvas, definir a organización e políticas de empresa (organigrama, imaxe corporativa,…), para rematar coa súa posta en marcha.

O alumnado seguirá o proceso real cunha orde lóxica dos pasos a desenvolver para poñer en marcha unha nova empresa con garantías de éxito e experimentarán na práctica momentos clave que deberán asumir as persoas emprendedoras: o contacto coa entidade financieira, trámites de notaría e xestoría, para rematar coa presentación pública ou a comunicación da empresa, páxina web, redes sociais,… Como parte do proxecto, o alumnado visitará as empresas dos correspondentes polígonos e esas mesmas empresas formarán parte do xurado que ao final do curso avalie as diferentes propostas de empresas educativas.

No proxecto europeo Erasmus+ “UNRECRE” (Undertaking, Recycling and Creating), esta forma de traballo, de emprendemento desde a escola, foi testada a nivel internacional, con foco na sostibilidade, a reciclaxe e a economía circular.

O presidente da Asociación Ribeira Sacra Next, Severino Rodríguez, destaca a importância de formar o espírito emprendedor das novas xeracións e asegura que, “con este proxecto centrámonos en vincular o tecido empresarial co alumnado e dar formación a esas rapazas e rapaces para poidan executar o seu emprendemento. Traballamos tamén en poder oferecer formación para os principais perfis profesionais que demandan na actualidade as empresas da Ribeira Sacra, e crear as condicións para atraer ás persoas que veñan traballar”.

ÚLTIMAS

Este 18 de agosto desde as 20:30 celébrase no Pavillón Municipal de Chantada o I Torneo de Fútbol Sala Terras do Asma

O Torneo que se disputará este martes, 18 de agosto desde as 20:30h no...

Quiroga mellora o local social cunha axuda do Leader

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, destinou 13.400 euros...

Entrega de trofeos do Torneo de Golf Concello de Monforte

O Club Deportivo Río Cabe Golf foi o encargado de organizar este evento, que...

Festas en Santa Cruz de Brosmos e concerto de Carlos Núñez no Pazo de Sober

Os días 22 e 23 de agosto, a parroquia soberina de Santa Cruz de...