Homesociedade“No tempo da Galega sácanme moito”, Antonio Cortiñas, fotógrafo

“No tempo da Galega sácanme moito”, Antonio Cortiñas, fotógrafo

Falamos con este xubilado que se afeccionou á fotografía a partir dun curso con Jesús Montero e que dende o 2013 non deixa case nada sen retratar ao seu arredor.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Antonio Cortiñas é orixinario de Leizán, no Incio, e a vida profesional levouno dende o 1973 ata o 1999 por diferentes cidades e localidades fóra de Galicia. Despois, no 2002 fixou xa a súa residencia habitual en Monforte.

Cóntanos que chegou ao mundo da fotografía despois de apuntarse a un curso que viu anunciado nas redes sociais e que impartía Jesús Montero, fotógrafo ben coñecido na Comarca de Lemos. A partir de aquí, e dende o 2013, foise formando con algúns cursos, pero sobre todo de xeito autodidacta coa lectura dalgún libro e visionados de videos de titoriais en youtube.

Preguntámoslle por fotógrafos que lle gusten e cítanos a Joan Vendrell, pero tamén a outros da comarca: Jesús Montero, Carlos Rueda, José Manuel Méndez e José Camilo de Bóveda. No que se refire a cualidades que cre debe ter un bo cazador de fotos dinos tres moi importantes: paciencia, constancia e sorte. Ademais, cóntanos que para saír a fotografar prefire ir só, “prefiro ir ao meu aire porque cando vas con alguén sempre vas condicionado”.

FOTÓGRAFO AFECCIONADO

Cortiñas é un fotógrafo afeccionado, co cal non se gaña a vida nin lle saca lucro a esta dedicación. Ten participado en exposicións colectivas, mais aínda en ningunha en solitario. Goza retratando paisaxes, monumentos, eventos populares, animais… e como non, eventos deportivos. Neste último caso, con preferencia polo piragüismo e polo fútbol por ser ambos deportes nos que participan os seus netos. Isto explica que nas súas redes, por exemplo, saian tantas fotos do Club Quixós ata o punto de que para moitas e moitos é xa considerado o “fotógrafo oficial do club”.

Sara Inés Varela, piragüista do Club Quixós. Foto: Antonio Cortiñas.
Carlos, piragüista veterano do Cub Quixós. Foto: Antonio Cortiñas.

Tamén é habitual que as fotografías que fai de eventos populares da contorna, como o entroido do Oso de Salcedo ou o Desfile de Comparsas e Disfraces de Monforte, todas elas de gran calidade, sexan moi vistas e incluso compartidas nas redes sociais.

FOTOS DO ENTROIDO DO OSO DE SALCEDO 2025. AUTOR: ANTONIO CORTIÑAS

Dentro da súa modestia, dinos que atopa satisfacción cando fotos súas son moi vistas e valoradas pola xente. E se alguén lle “rouba algunha imaxe” non se cabrea nin vai detrás do infractor dos dereitos de autor para tirarlle das orellas. “Xa tiven varios casos… pero nunca me cabreo. O outro día, por exemplo, vin que alguén me colleu unha e publicouna nunha rede social e púxenlle nun comentario: ‘que bonita esa foto, parece miña’… (ri)”. Cortiñas ten perfil en Facebook e unha canle de youtube.

Nevarada en Leizán, O Incio (2026). Foto: Antonio Cortiñas.
Cormorán no Cabe. Foto: A. Cortiñas.
Cisne no Cabe. Foto: A. Cortiñas.
FOTOS NOS PROGRAMAS DO TEMPO DA TELEVISIÓN

Como curiosidade, Antonio Cortiñas dinos que “no tempo da Galega sácanme moito”. É un habitual dos que mandan fotografías a este tipo de programas e seica o teñen moi en conta. Tanto é así que refire que lle poñen unhas 50 ou 60 fotografías ao ano e que leva uns tres anos facéndolles chegar as súas instantáneas.

Conxunto de San Vicente (Monforte) dende lonxe e anoitecendo. Foto: A. Cortiñas.
Ponte Medieval de Monforte. Foto: A. Cortiñas.

Pero non se limita a enviar á Televisión de Galicia, tamén manda á 1 de Televisión Española. “Seguro que me sacaron varias veces, pero un día avisoume un amigo de Barcelona que me vira”.

Sobra de Antonio Cortiñas. Foto cedida.

ÚLTIMAS

A Noite Meiga de Sarria avanza na declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia

Na xuntanza estiveron presentes, ademais dos representantes da asociación promotora, o delegado territorial da...

A Xunta entrega en Monforte 3 vivendas de promoción pública en réxime de alugamento

Estas vivendas forman parte dun paquete de seis vivendas que o Instituto Galego da...

A incidencia ferroviaria na zona de Montefurado, solucionada

A circulación ferroviaria entre Montefurado e San Clodio, no tramo Monforte de Lemos-Ponferrada, restableceuse...

Completo programa para exaltar o aceite de Quiroga os días 14 e 15 de marzo

O sábado, 14 de marzo, a mostra abrirase co “III Congreso arredor do Aceite...