Outro lume na contorna da N-120 en Quiroga

Pequeno incendio forestal no Concello de Quiroga pasadas "As Farrapas" en Bendilló.

O que está a acontecer na contorna da N-120 nos límites do Concello de Quiroga empeza a ser máis que preocupante.

En poucas semanas pasamos por dous incendios forestais de gravidade na parroquia de Montefurado, o último extinguido esta mesma semana despois de 48 horas activo que ameazou o núcleo habitado de Montefurado e obrigou a desaloxar aos veciños do lugar de Centeais, a poucos quilómetros do anterior.

O propio día 25 de madrugada, e co lume ameazando Montefurado, produciuse outro ‘prendido’ diante do Pazo do Sil, restaurante que hai na N-120 á altura de Figueiredo. Por sorte, foi collido a tempo e quedou en anécdota.

Todos os indicios apuntan a que todos estes lumes son intencionados e ‘chama a atención’ que acontezan tan seguidos no tempo e nun tramo de N-120 moi concreto, pero polo de agora non se sabe que haxa detidos/as en relación a estes feitos.

Nesta enésima ocasión o lume volveu iniciarse na beira da N-120 pasadas ‘As Farrapas’ de Bendilló a poucos quilómetros do viaducto que conecta coa entrada de Figueiredo. Sobre as 14.00 h da tarde o lume ascendía ata a estrada vella que vai morrer a Bendilló, onde o Muíño de Aceite. Alí estaban esfectivos antilume e ata dous helicópteros apañaban auga do Sil para apagar as lapas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here