InicioOpiniónViaxe á paisaxe natural e cultural da Ribeira Sacra

Viaxe á paisaxe natural e cultural da Ribeira Sacra

Continuación do artigo de opinión As Paisaxes da Ribeira Sacra, noso patrimonio de Felipe Castro López

Publicado o

POR
Felipe Castro López
- Advertisement -

A paisaxe natural da Ribeira Sacra, debido á complexidade do relevo que abrangue este territorio podemos atopar unha paisaxe moi rica e diversa; cunha orografía moi contrastada chea de elementos xeomorfolóxicos como son , entre outros: a chaira que forma o Val de Lemos, os múltiples outeiros de maior ou menor altitude como son a Serra de A Moá nos lindes de Ribas de Sil e San Xoán de Río, ou a Cabeza da Meda en Parada de Sil; ou rochedos que sobresaen no horizonte, espallados polo territorio, como Pena Pombeira en Pantón ou Pena da Cruz en Parada de Sil; os cuantiosos cursos fluviais, capitaneados polos ríos Miño e Sil pero tamén polo Cabe, Lor, Asma, Mao, etc e innumerables regos, regatos e fervenzas como a de Auga Caída, en Pantón, o a do Cachón na Teixeira; e, xunto a todo isto, algunha que outra cova como A Burata das Choias, na Pobra do Brollón, ou a profunda garganta que presenta o territorio nun amplo tramo do curso do río Sil, o gran Canón do Sil.

Canón do Sil / Felipe Castro

Tamén, debido a estar situada na confluencia das áreas bioclimáticas atlántica e mediterránea, atopamos unha grande variedade de hábitats e de especies silvestres, con cuantiosas carballeiras poboadas de carballo común e albar como as que abundan particularmente nas terras de Sober ou do Saviñao; soutos poboados de castiñeiros, en moitos casos centenarios, como os que podemos atopar nas terras de Brollón ou nas de Nogueira de Ramuín; bosques de ribeira poboados de amieiros, pradairos, loureiros ou freixos, como cos que nos podemos topar nas marxes do río Cabe; bosques de repoboación con piñeiros do país e de Monterei que podemos achar case en cada recanto; outros bosques, na maior parte mixtos, como son as devesas que están poboadas con bidueiros, salgueiros, carballos, acivros ou cornabudes e que podemos atopar nas terras de Brollón e, sobre todo, nas veciñas terras do Courel, ou como no Canón do Sil onde existen extensos bosques poboados con aciñeiras, sobreiras ou érbedos, máis propios da influencia mediterránea; amplas áreas de matogueiras compostas por uces, xestas, carqueixas, silvas ou fentos que cada vez abundan máis e máis; e moitas outras especies herbáceas e muscinais.

Tamén, a este respecto, aparecen múltiples especies da fauna silvestre, mamíferos como o xabarín, corzo, lobo, raposo, porco teixo, ourizo cacho, ou diversos mustélidos e roedores; aves como a garza, águias, pega, corvo, moucho, curuxa ou múltiples paseriformes como o gorrión ou o paporrubio; reptís como o lagarto, lagartixa, píntega ou as serpes e víboras; e un largo etcétera de bichos pequenos como insectos, moluscos, arácnidos, etc.

A paisaxe cultural, especialmente na Ribeira Sacra, é inmensa dadas as importantes culturas que aquí se asentaron ao longo da prehistoria e da historia. Principalmente as culturas neolítica e, dentro desta, a megalítica; a castrexa, a romana, a medieval, a moderna e a contemporánea que deixaron vestixios moi importantes e cuantiosos.

Así atopamos abundantes xacementos arqueolóxicos como son, entre outros: os dolmens de Abuime e de Vilatán no Saviñao, mámoas das Cabanas de Moura en Nogueira de Ramuín, os petróglifos de Espasantes e de Vilar de Ortelle ou a capela rupestre de O Cotillón en Pantón, o menhir do Marco da Pedra Longa en Sober, o castro de San Lourenzo na Pobra do Brollón, os neveiros de Cabeza da Meda en Parada de Sil, ou a explotación aurífera do túnel de Montefurado en Quiroga.

Túnel romano de Montefurado “Boca do Monte. Fonte: Xosé Manuel

Atopamos tamén un amplo patrimonio histórico e arquitectónico como son, entre outros: o conxunto monumental medieval de San Vicente do Pino ou o Colexio da Nosa Señora da Antiga de estilo renacentista en Monforte de Lemos; a ponte romana do Bibei nos lindes de Quiroga e a Pobra de Trives, e a ponte medieval de Barxa de Lor na Pobra do Brollón; igrexas románicas como a de Santo Estevo de Ribas de Miño no Saviñao, de Santa María de Pesqueiras en Chantada, de San Vicente de Pombeiro en Pantón, ou a de San Vicente de Pinol en Sober; mosteiros como o de Santo Estevo de Ribas de Sil dunha mestura dos estilos barroco, gótico e renacentista en Nogueira de Ramuín, o de San Pedro de Rocas de estilo románico en Esgos ou o de Santa María de Ferreira dunha mestura de estilos románico, gótico e neoclásico en Pantón; o pazo do Reguengo, o Castelo de Maside  en Pantón ou o Castelo de Castro Caldelas.

San Pedro de Rocas / unedourense.es

Tamén atopamos un importante patrimonio industrial e mineiro como son, entre outros: as minas de ferro de Freixo en Monforte de Lemos, a ferrería de Penacova en Bóveda, ou a cerámica de Canaval en Sober.

Tamén existe un interminable patrimonio rural e etnográfico como son, entre outros: o conxunto dos Sequeiros de O Mazo na Pobra do Brollón, o conxunto dos muíños do Xabrega en Sober, o conxunto das adegas de Vilachá de Salvadur na Pobra do Brollón, os socalcos da ribeira de Doade en Sober, a aldea etnográfica de Parada dos Montes na Pobra do Brollón, a fábrica da luz en Parada de Sil ou múltiples camiños, cabanas, alvarizas, presas, fontes dispersas por todo o territorio; por último.

Tamén o patrimonio inmaterial nos achega múltiples elementos que, a pesares de non ser algo estático presente na paisaxe, si que a embelece e participa de forma moi importante na comprensión da nosa historia e cultura, do patrimonio material xa comentado e dos diferentes usos e tradicións existentes na Ribeira Sacra e que se exiben en momentos concretos como son, entre outros: o entroido Ribeirao, en Chantada, a mascarada ritual do Oso de Salcedo na Pobra do Brollón, a festa dos Fachós en Castro Caldelas ou a das fachas de Taboada, a vendima nos diferentes viñedos da Ribeira Sacra, Folión de Carros en Chantada ou a olería de Gundivós en Sober.

Queima das Fachas / Asoc. Cultural As Fachas

Este interese paisaxístico pola Ribeira Sacra, atópase actualmente refrendado, no caso do interese natural, pola incorporación deste espazo á Rede europea de espazos naturais protexidos (Rede Natura 2000) e pola declaración, por parte da Xunta de Galicia, como “Zona de Especial Protección dos Valores Naturais”; no caso do interese cultural, atópase tamén refrendado pola recente declaración da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural (BIC) e, tamén, conxuntamente ambos os dous intereses (natural e cultural), por estar proposta a Ribeira Sacra como única candidata española que optará no ano 2021 a formar parte do Patrimonio Mundial da UNESCO, cousa que agardamos se confirme como feito importantísimo para a valorización e posible desenvolvemento deste territorio, patrimonio mundial e noso.

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....