Que é XL?

Xornal de Lemos nace para dar cobertura informativa en galego ao sur de Lugo, un territorio con potencial económico que precisa crer un pouco máis en si mesmo e reclamar máis apoio das institucións para o seu desenvolvemento. Para existir cómpre visibilidade e os medios de comunicación tradicionais cobren o territorio pero cunha case total ausencia do uso da nosa lingua. Xornal de Lemos vai apostar pola cobertura informativa, sempre en galego, do que que aconteza nas comarcas de Sarria, Chantada, Terra de Lemos e Quiroga co propósito de ser unha ferramenta útil para estar ao corrente da actualidade pero tamén para facer visibles as inquietudes e demandas da sociedade nesta zona.

Este medio abordará a actualidade política, económica, cultural, deportiva e social desta zona e prestará especial atención aos movementos sociais, ao medio ambiente e ao patrimonio. Ademais, Xornal de Lemos informará do resto da provincia grazas ás novas que lle achegarán os outros dous medios irmáns, Lugo Xornal, que informará sobre as comarcas do centro da provincia e Xornal da Mariña, que informará da zona norte.

Xornal da Lemos nace da man de Xornal de Lugo, S.L., e estará asociado a GC (www.galiciaconfidencial.com), o principal medio dixital en galego e un dos máis importantes no panorama mediático de Galicia, que lle dará soporte informativo, comercial e técnico. Todos estes medios contan cun acordo para intercambiar información e publicidade.

Este medio conta coa xornalista Ana Belén Fernández na área de redacción e Xosé Manuel Fernández Montes. Ademais colaborarán neste medio Xurxo Salgado e Moncho Mariño.