HomeEconomíaAs mellores oportunidades e produtos da Comarca na Feira do Viño de...

As mellores oportunidades e produtos da Comarca na Feira do Viño de Chantada

Os días 4 e 5 de xuño celebraranse a XIII edición da Feira de Oportunidades e a XII edición da mostra de Artesanía e Produtos da Comarca. Os descontos poden chegar nalgún caso ao 70 %.

Publicado o

- Advertisement -

Conta atrás para a 39ª Feira do Viño de Chantada, un encontro vitininícola moi esperado cada ano para o sector pero tamén para o comercio chantadino. O paso de milleiros de persoas, moitas delas forasteiras, pola mostra durante esta fin de semana achega unha importante inxección económica aos negocios locais que non é para desaproveitar.

Neste senso, a Asociación de Empresarios de Chantada e CCA Ribeira Sacra organiza de novo a Feira de Oportunidades e a Feira de Produtos da Comarca e Artesanía, encontro comercial que terá lugar os días 4 e 5 de xuño. “Queremos aproveitar o tirón da feira do viño e, aínda que este ano non se fai no mes de marzo como é habitual, é bo estar presentes para manter a continuidade”, dinos Verónica Gayoso, xerente da asociación.

As carpas que acollerán as respectivas feiras estarán ubicadas na Avenida de Monforte e abrirán o sábado e o domingo a partir das 10:00 h. e en horario continuo ata as 21:30 h.

No primeiro tramo da carpa estará a Feira des Oportunidades na que haberá unha representación de comercios locais asociados que ofrecerán importantes descontos en roupa, calzado, decoración, etc con descontos que nalgún caso poden chegar ao 70%.

No que respecta ao segundo tramo, estará a Artesanía e Produtos da Comarca con artesáns de diferentes especialidades: bixutería, madeira, coiro, xoguetes, instrumentos… e unha importante representación de produtos de alimentación locais. Representados nun stand conxunto que leva Mar & Bellota Gourmet poderanse degustar e mercar produtos chantadinos das empresas Airas Moniz (queixos), Daveiga (Galletas Mariñeiras), Auga Vella (licores), Cafés Penela, Queixos da Josefa e Castañas Naiciña. Tamén estará con posto propio Casa Baltar (doce de leite).

Posto da Feira de Artesanía. Foto: CCA Ribeira Sacra
Airas Moniz, presentes na Feira de Produtos da Comarca. Foto cedida Asoc.

Representando aos veciños de Carballedo estarán Mel de Liaxes e Maura Falconi (artesá de madeira); e por Taboada contarase coa presenza das Xianas (galletas) e Xeou! (xeados artesáns).

Dende a Asociación de Empresarios de Chantada e CCA Ribeira Sacra convidan a achegarse por Chantada e lembran que haberá obradoiros e ocioteca de balde para os cativos e cativas a cargo do colectivo local Velaísca. Faranse na Casa da Música, serán para maiores de 3 anos e os horarios para os días 4 e 5 de xuño son os seguintes: de 12:00 a 14:00 h. pola mañá, e de 16:00 a 20:00 h. pola tarde.

Así mesmo, dende a asociación agradecen a colaboración do Concello de Chantada e a cofinanciación da Feira de Oportunidades pola Xunta de Galicia.

ÚLTIMAS

Axenda de teatro afeccionado para a vindeira fin de semana nos concellos do Sur de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación fomenta a inclusión de teatro afeccionado nas axendas culturais dos...

Xornadas Lactouras do 3 ao 5 de decembro en Monforte

A Asociación Micolóxica Os Lactouros organiza unha nova edición das súas Xornadas Micolóxicas, que...

Como un exsindicalista deixa tiradas ás traballadoras da limpeza dos centros educativos?, pregúntase CCOO sobre Tomé

Lembran que as traballadoras de limpeza nestes centros de ensino levan máis de 'un...

O 4 de novembro ábrese a inscrición nos obradoiros de envellecemento activo que organiza o concello de Monforte

Esta iniciativa está impulsada polo Concello de Monforte en colaboración coa entidade FORMAVIGO e...