IniciosociedadeA empresa I+D+I en tempos do COVID19

A empresa I+D+I en tempos do COVID19

A situación que vivimos fai que tódolos sectores e actividades adopten medidas extraordinarias. A Asociación Española de Directivos, que engloba a moitos dos profesionais que lideran organizacións no Estado, celebrou este xoves conferencias online para tratar dúbidas de carácter técnico e legal que os directivos teñan para xestionar as súas empresas co Real Decreto aprobado polo goberno. Como viven as empresas galegas o estado de alerta? Coñecemos o caso dunha empresa de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+I)

Publicado o

- Advertisement -

“San José e sen convidados na casa, sempre o celebrei, pero a situación require outras medidas”, comenta José Fernández Dafonte, despois do saúdo e de felicitalo polo seu santo. José dirixe desde fai máis de tres décadas unha empresa de maquinaria e robótica industrial en Porriño, que emprega a máis de 40 traballadores.

Fai medio século, José Fernández Dafonte deixaba o seu municipio natal de Taboada, no sur de Lugo, para irse a traballar a Alemaña. Tras varios anos regresa a Galicia para comezar a traballar en Pontevedra, fixa residencia en Vigo e pouco despois monta a súa propia empresa. Hoxe móvese nun sector de tecnoloxía, innovación e internacionalización ao que a crise do coronavirus repercútelle directamente.

José Fernández

Tras a declaración da alerta sanitaria explica como foi o primeiro día de traballo do 16 de marzo, “Os mandos repartíronse un de mañá, outro de tarde, non coincidir no traspaso de poderes; os traballadores repartidos en dúas quendas e que non se xunten nin á entrada nin á saída. Repartíronse tanto os directivos como os responsables da oficina técnica, os mecánicos e os de electrónica. Hai xente que pode facelo desde a casa, se turnan; e os do taller repartidos, todos con máscaras. A limpeza vén ás 5.00 da mañá, antes de que entre a quenda das 6.00, volve sobre as 13.00, antes de que entre a quenda das 14.00. Tentar minimizar todo o posible,” explica.

“Estásenos colapsando a vida e podemos colapsar economicamente”

Cúmprense os requirimentos sanitarios, pero a actividade diaria xeral sofre unha parálise. Téntase minimizar todo o posible, contactos con máscara, manter a distancia,… Parece que entre todos a pandemia sanitaria pode conterse e neste contexto dáse outra situación, “Temos un par de temas para entregar que nos están colapsando a vida e pódennos colapsar economicamente porque se non damos chegado non se cumprirán os pagos.”

Precisamente as medidas anunciadas este mércores polo goberno parece que poden paliar un pouco a situación, “Parece que tentan botar unha man e flexibilizar un pouco, se non o dano pode ser brutal. Despois da outra crise sen levantar cabeza todo o mundo e agora isto, é de tolos.”

A forma de traballar foi paulatinamente cambiando nestes días e é posible, que cando acabe a alerta sanitaria moitas medidas adoptadas agora téndanse a manter, como o teletraballo. Hai un inimigo mundial, un virus que leva ao individuo a illarse para protexer a outros individuos, á sociedade. Un inimigo que non se ve e que ataca ao mundo enteiro con consecuencias imprevisibles a todos os niveis.

O 40 % da facturación desta empresa corresponde a exportacións e ten a actividade internacional paralizada, “Para Portugal que está aí á beira, temos neste momento a fronteira pechada. Temos un emprazamento cun cliente para dentro de 15 días. Con Arabia Saudita está a cousa moi complicada, bloqueáronnos todo agora mesmo. En Turquía tiñamos unha feira e todo parado. Saían dous homes nosos a semana que vén para Francia, quedou anulado. Onte saiamos a Xenebra, neste caso visita familiar e quedou aprazado e así andamos; do resto ben.”

Calibradora e Pulidora DGF / Digafer

José Fernández, confinado como o resto de cidadáns, desde a fin semana, afai saír a comprar o xornal, o papel non está rifado coa innovación. Ese traxecto en Vigo lévao a eloxiar o comportamento que está a ter a cidadanía, “Isto demostra que somos moi vulnerables e que hai moitas cousas que cambiar, pero creo que a cidadanía está a responder. O pobo está a comportarse, aquí non se ve un coche, vou polo xornal e vexo a 2 persoas coa máscara. Ben, é o que hai que facer neste momento.”

“Estou seguro de que isto nos cambiará a forma en que vivimos”

O carácter global desta epidemia ten unha primeira incidencia sociosanitaria, é o que estamos agora vivindo. A consigna xeral, poñer os medios para conter a propagación do virus. A estratexia en China parece funcionar, o virus parece controlado na orixe do andazo e onte os nenos empezaban a volver aos colexios. Tres meses e medio é o exemplo que temos a nivel sociosanitario. Pero este standby provocará outras consecuencias a nivel mundial que tamén afectarán a todos e que son difíciles de prever.

Segundo este emprendedor que se resiste a xubilarse, a forma de vivir despois disto cambiará totalmente. “Estou seguro de que isto nos cambiará a forma en que vivimos, a nivel persoal, empresarial, todo. É un cambio salvaxe, aínda que non se note agora a nivel individual porque o estamos vendo nas noticias, isto a nivel xeral vai ser un impacto brutal. Obrigará a reformularse moitas cousas, pero ata que saiamos do estado de alerta non sabemos que panorama imos atopar, a situación é excepcional.”

Máquina DGF / Digafer

 

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....