O incendio forestal orixinado na madrugada do luns na parroquia do Hospital do municipio lucense de Quiroga provocou danos na fibra óptica que fornece de Internet aos núcleos poboacionais de Seoane e Folgoso do Courel.
O cableado ardeu e provocou tamén que, nalgúns casos, non funcione o teléfono fixo. “No Concello o teléfono fixo tampouco funciona. Para manter os servizos a través de Internet prestáronnos un wifi”, confirmou a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dores Castro.
A maioría dos negocios da zona tamén se atopan sen servizo, polo que ven alteradas as súas funcións. Desde o concello confían en que o servizo poida estar reestablecido “este mércores”.
En concreto, o lume, que se orixinou na madrugada do luns, quedou extinguido ás ás 2,13 horas deste martes e afectou a un total de 16 hectáreas, conforme precisou a Consellería de Medio Rural.