Carolina Camino, unha quiroguesa camiño da elite no voleibol español

Con tan só 15 anos debutou coa selección española sub-18 e, vista a súa evolución deportiva, ten todos os números para ser unha xogadora de voleibol ‘top’ a nivel nacional nos vindeiros anos. Achegámonos a Quiroga para falar con ela da súa traxectoria e doutros temas que van saíndo na conversa.

Carolina Camino / XdL

Carolina Camino, filla de nai ourensá -Lentellais- e pai quirogués, naceu en Ourense aínda que a súa vida está ligada dende pequena a Quiroga. Estudou ata terceiro de primaria na localidade da Rúa e despois xa foi vivir a esta vila lucense. Destaca pola súa constitución atlética, é alta para a idade que ten, e nos trazos da súa personalidade recoñece ser moi ‘amigable’, ambiciosa, ter moito carácter e ser algo folgazana.

No que respecta á súa traxectoria deportiva, Camino empezou nisto do voleibol nas Escolas Deportivas Municipais de Quiroga, tendo como adestrador a Andrés Novoa, etapa na que participou nos xogos escolares co CEIP de Quiroga e quedando como subcampioas provinciais en Lugo na tempada 2013-2014. Nesta primeira etapa de contacto co volei fixouse nela o Director Deportivo do C.V. Ribeira Sacra, Manuel López Martínez, quen a leva ao club monfortino para xogar a tempada 2014-2015 en categoría infantil ás ordes da adestradora Verónica Contreras Flores. Na tempada seguinte conseguiron o Campionato Galego Infantil celebrado en Cambados e despois tres subcampionatos consecutivos.

Na etapa infantil e cadete participou co Club Voleibol Ribeira Sacra en varios campionatos de España, estivo un ano coa Selección Galega Infantil del Volei-Praia e tamén foi integrante da Selección Galega. Na tempada 2017-2018 foi chamada pola RFEVB (Real Federación Española de Voleibol) para realizar unhas probas de cara a integrar a Selección Permanente de Soria na que se integrou a pasada tempada (2018-2019). No 2018 chegoulle a internacionalidade coa selección sub-18, foi no Torneo Wevza de Holanda e no mes de xuño deste ano foi convocada polo seleccionador da absoluta, Pascual Saurin, para unha concentración no Centro de Alto Rendemento de Sant Cugat en Barcelona.

Como dato de actualidade cómpre mencionar que este pasado mes de agosto, xunto coa súa compañeira do Ribeira Sacra, Nerea González Fontal, proclamáronse campioas na súa categoría do popular ‘Torneo do Cadrado’ en Monforte de Lemos.

Aproveitamos a súa estancia en Quiroga ata principios de setembro para vela en persoa e conversar un rato con ela.

Como chegaches ao voleibol?

O meu primeiro deporte foi a natación, despois presentouse a posibilidade de facer voleibol e apuntáronme meus pais.

Cantos anos tiñas daquela?

Seis anos, comecei no cole de Quiroga e despois xa fun a Monforte.

Gustábache, notabas que fora unha boa elección o volei?

Si e gustábame cada vez un pouco máis.

(Neste momento da entrevista, ao aire libre, diante da Casa da Cultura, pasa por alí unha profesora de galego que tivo Carolina e preguntámoslle…)

Que tal Carolina como alumna? Con que trazo te quedas do curso no que coincidistes?

Carolina foi moi boa alumna e se teño que quedarme con algún trazo direiche que “sabe superar as dificultades”.

Quedámonos con esta achega espontánea e continuamos coa entrevista a Carolina.

Como foi a transición deportiva de Quiroga a Monforte?

Pasei de xogar nas escolas deportivas de Quiroga a xogar no Club de Voleibol Ribeira Sacra ás ordes de Manolo López. Estando en sexto de primaria xa xogaba no equipo de Monforte e subía adestrar 2 días por semana.

Cando pensas para ti ‘quero ser boa neste deporte’?

Creo que cando tiña uns 12 anos, convocárame a Selección Galega aínda que non fun xogar.

Tendo claro que che gustaba este deporte e que querías ser boa, seica tiveches un ‘momento difícil’ no que chegaches a plantexarte a continuidade no voleibol. Por que estabas desanimada, que pasou?

Desanimada non, non tiña nada que ver coa miña valía nin nada persoal, creo que foi que me sentín ‘algo agobiada’ tendo que compatibilizar os adestramentos cos estudos. Pero non durou moito…

Como superaches ese momento, logo?

Manolo lembroume , unha vez máis, “que era moi boa nisto e que merecía a pena seguir”, que “para adiante”. E así o fixen. De todas formas, que quede claro que nunca me plantexara deixalo de todo.

Como foi o contacto para ir á selección galega?

Primeiro chamáronme para ir de convidada e ao ver que era boa xa para xogar. Estaba en categoría infantil, notei máis nivel xa pero logo conseguín ser titular.

E a primeira chamada para a Selección Nacional?

Foi no Nadal de 2017, na Selección Sub-18. Non era titular pero xoguei bastante.

Carolina Camino no ximnasio. Foto: Tito

Achegándonos ao presente, cóntanos a túa tempada 2018-2019 como xogadora da Concentración Permanente do CAEP Soria?

Estou alí dende setembro de 2018, no equipo que compite na “SuperLiga2”, que é como a segunda división de volei profesional feminino. É un equipo ligado á Selección que non pode nin ascender nin descender, o seu obxectivo é formar a xogadoras para alcanzar o máximo nivel no voleibol español.

Como resumes esta primeira tempada?

Moi satisfactoria, con moitas normas e moita esixencia. O ambiente coas compañeiras é bo en xeral e no campo temos bastante compenetración.

No deportivo, notas a evolución?

Si, claro, noto que me estou superando.

Se falamos de trazos de personalidade, cales prefires e cales che gustan menos?

Creo que son moi amigable, teño moito carácter e considérome ambiciosa. Non me gusta tanto o lado folgazán e que son bastante ‘contestona’.

Que calidades destacarías cando estás na cancha?

No campo son ‘amigable’ pero se hai que sacar o carácter sácoo. Teño un carácter forte dentro do terreo de xogo.

Consideras que tes liderado, logo?

Non son a que máis amosa o liderado no equipo, non me gusta ser a ‘mandona’, a que dirixe.

Seguro que os teus pais apóiante sempre?

Si, moito. O meu pai quizais demasiado, “está obsesionado”… Quixera que se relaxara algo, non se dá conta de que o volei non é cousa súa, é cousa miña”.

Quiroguesa e galega con orgullo, supoño?

Si, claro.

Que é o que máis che gusta de Quiroga?

A súa contorna natural e a miña xente.

Que cres que lle falta a Quiroga?

Máis xente (risas). Pasado o verán pásase mal cando se marchan os amigos/as. E tamén estaría ben facer máis eventos, non só en agosto, para que veña máis xente a Quiroga.

Para rematar, que desexos tes de cara ao futuro?

Seguir superándome e chegar ao máis alto que poda no voleibol.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here