O sur lucense, a prol da dinamización do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se conceden subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega

Sinal en galego/GC

111 concellos galegos benefícianse das axudas para a promoción do uso do galego desde o ámbito local convocadas no mes de marzo pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O departamento publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Resolución do 5 de xullo de 2018 pola que se conceden subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, ao abeiro da convocatoria regulada na Orde do 16 de marzo de 2018.

As axudas distribúense na totalidade das entidades locais que solicitaron —individualmente ou agrupados con outros para alcanzar os 3.000 habitantes que esixe a convocatoria— subvención para a prestación de servizos lingüísticos baixo algunha das tres modalidades posibles: creación dun servizo lingüístico, mantemento dun servizo existente ou implementación de programas de dinamización lingüística.

No caso do sur lucense, Monforte contará cun Programa de Dinamización Lingüística que ten unha dotación de 1.872 euros mentres que Carballedo e Chantada xunto con San Cristovo de Cea van recibir unha partida de 5.068 euros para a Creación dun Servizo Lingüístico ó igual que a agrupación dos concellos de Quiroga e Ribas de Sil; neste caso, a partida presupostaria para a Creación dun Servizo Lingüístico é de 4.504 euros.

Para alén disto, as subvencións apoian o financiamento de diferentes programas de dinamización, tanto nos concellos que contan con servizo lingüístico coma noutros 46 que, malia non dispoñer del, recibirán axuda para desenvolver actividades ou campañas de promoción do uso do galego, nomeadamente aquelas que redunden no aumento da presenza do galego no tecido económico empresarial (en consonancia co Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020 que está a desenvolver a Xunta de Galicia), no deporte, na mocidade, nas TIC e nos servizos sociais.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here