InicioCulturaBeatriz Blanco, a música que fixo realidade un Festival de Música de...

Beatriz Blanco, a música que fixo realidade un Festival de Música de Cámara na Ribeira Sacra

O Colectivo Segredos de Pantón, na súa colaboración mensual, achega nesta ocasión unha entrevista a esta profesora de violoncello, directora artística do Festival e Academia Ribeira Sacra dende este 2019.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

A pasada semana algúns medios de comunicación daban conta do éxito da I edición do Fest de Música de Cámara Ribeira Sacra que se celebrou entre o 1 e o 8 de setembro na Ribeira Sacra. Foron 3 concertos realizados en tres escenarios espectaculares: Igrexa do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, Capela A Granxa dos Peares e Igrexa de Santiago de Carracedo na Peroxa, congregando en total unhas 300 persoas. A organización correu a cargo da Asociación Ribeira Sacra Cultural e a música Beatriz Blanco, con avós orixinarios de Parada do Sil e do Saviñao, foi a impulsora desta iniciativa que contou con patrocinios de diferentes administracións e de dúas adegas da D.O. Ribeira Sacra.

A Asociación Ribeira Sacra Cultural, de recente creación, contempla entre os seus fins, ademais da organización do Fest Clásico Ribeira Sacra, apoiar a Academia de Música de Cámara da Ribeira Sacra. O mellor xeito de coñecer este proxecto é falar coa protagonista, e así o fixeron os colaboradores de Segredos de Pantón. 

Para comezar coa entrevista queríamos saber como naceu este festival e á par da academia?

Levaba moitos anos coa idea na cabeza de crear un Festival de Música de Cámara, traer artistas de primeiro nivel e facer música xuntos. Ofrecer concertos abertos ao público para así facilitar o acceso á cultura para todos.

Que vos motivou a querer crear un evento así nesta zona?

Os meus avós paternos son da zona, en concreto de Parada de Sil e do Saviñao, aínda que de mozos tiveron que emigrar a Barcelona. O meu pai pasou moitos dos seus veráns na aldea da miña bisavoa, Galegos de Diomondi, e desde hai bastantes anos dicía que quería volver establecerse por aquí. Cando tiven a oportunidade de vir visitar a casa e a rexión souben que sen dúbida era o sitio ideal para facer un evento destas características. Para nós é un lugar único de beleza e inspiración, e se con esta idea contribuímos un pouco a dinamizar a vida cultural e darlle pulo á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, estaremos máis que contentos.

Como foi posible levar a cabo un proxecto así neste lugar?

Traballamos de forma moi intensiva desde que decidimos levalo a cabo, a principios de 2019. Nun primeiro momento parecíanos difícil conseguir organizar algo así en tan pouco tempo, pero sorprendeunos moitísimo a disposición e axuda das entidades e empresas que desde o principio quixeron axudarnos e colaborar nun proxecto tan novo e diferente como este. Tamén foi moi boa a reacción e boa acollida dos veciños aos que lles contamos a idea.

Sabemos que a vosa base de actuación está nos Peares, que vos fixo escoller este lugar? Como foi para vós levar un proxecto así a un lugar tan icónico e histórico como as nosas ribeiras?

Por unha casualidade, a casa da miña familia está aquí e descubrimos o Centro de Inmersión Lingüística de Peares, onde hai capacidade dabondo para poder aloxar aos músicos e aos alumnos que estiveron connosco durante toda a semana. Que exista nos Peares un centro destas características é un luxo para calquera organización.

Falando máis do evento en si, os/as artistas que chegaron ata aquí para os diferentes concertos dentro de que xénero musical se poden encadrar?

Somos músicos de clásica e a nosa idea era facela accesible a todo tipo de público. Nos concertos houbo unha persoa encargada de comentar brevemente as obras que se interpretaban para que a xente fose capaz de escoitar máis activamente. Foi como ir a un museo con guía.

Á par que o festival sabemos que tivestes unha academia para novas músicas. Que atractivos ofrecestes aos participantes?

Diría que o nivel de calidade do profesorado. Trouxemos á Ribeira Sacra a artistas de recoñecido prestixio, músicos de nivel nacional e internacional. En violín tivemos a Anna Göckel de París e a Helena Satué de Barcelona, profesora na ESMUC; en viola a Predrag Katanic, de Serbia e profesor na Privatuniversität Linz de Austria; en violoncelo a Fernando Arias, de Madrid, profesor no CSMA de Aragón e na Escola Reina Sofía de Madrid; e eu, Beatriz Blanco, de Valladolid, son profesora no Vorarlberger Landesonservatorium de Feldkirch, Austria.Tamén nos acompañou Miguel Anxo Ortega Chavaldas, profesor de piano no CSMA de Aragón e repertorista na Escola Raiña Sofía de Madrid.

Grupo de músicos/as que participaron. Foto: Asoc. Ribeira Sacra Cultural

Como foi en xeral a primeira edición desta nova oferta cultural nas ribeiras?

Estamos máis que contentos porque foi un éxito totalmente inesperado de público. O aforamento encheuse en cada un dos concertos, contabilizando ao redor de 300 persoas. Recibimos moi boas críticas e moito agarimo por parte dos asistentes e esperamos que este incrible comezo axude a establecernos e a seguir crecendo nas próximas edicións.

Para rematar coa entrevista, e a título persoal, do concello de Pantón tes algún lugar onde che gustaría ofrecer un concerto?

Tiñamos programado xa para este ano o concerto de clausura no Mosteiro de Ferreira de Pantón. Por causas externas, tivemos que mover ese evento á Igrexa de Santiago de Carracedo, pero esperamos poder levalo a cabo para a próxima edición. A igrexa do mosteiro é unha marabilla e acusticamente podería funcionar moi ben para certo tipo de repertorio.

Beatriz Blanco

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....