Grazas ao depósito dos herdeiros de Eugenio Bobillo, o público pode contemplar todo o material que era preciso para poder traballar neste obradoiro situado na Casa Derroche, do que saíron a práctica totalidade dos impresos da comarca, dende necrolóxicas, programas de cine ou de festas, recordatorios de primeira comuñón ou invitacións de voda.
Incluso están os mobles de caixóns nos que se gardaban os diferentes moldes de letras e debuxos que se utilizaron nas impresións. Numerosos e diminutos caracteres que se unirían formando palabras na regra de composición, que despois tras sen cuberta sutilmente de tinta, se imprimiría no papel.
A máis antiga da máquinas é do século XIX, que sería substituída por outra máis moderna de principios do século XX neste emblemático establecemento que foi fundado no ano 1.900 por Ignacio Rodríguez Cid, fotógrafo e colaborador do diario La Región de Ourense. Co seu fillo adoptivo Nilo Bobillo o establecemento trasládase ao seu emprazamento actual, ata que en 1995 pecha por xubilación o seu bisneto e tataraneto do fundador Eugenio Bobillo, que legou un impresionante arquivo gráfico de boa parte do século XX quirogués.
Teas, roupa, calzado e papelería foron os artigos que se podían adquirir no Derroche, que tivo ademais a primeira funeraria, o primeiro estanco e a primeira e única imprenta de Quiroga que agora xa se pode ver no Museo Etnográfico. Pero esta non é a única das pezas que se pode ver no museo cedida por esta familia, xa que outra curiosa peza, unha pianola, está exposta na sala de catas do museo.

Este museo creouse con nove salas: a lareira, que representa varias dependencias dunha vivenda; a fragua, que recrea as ferrerías; o pendello, que recolle un bo número de apeiros de labranza; o aceite, cunha recreación dun muíño; a adega, na que está presente o mundo do viño. A serra, o tear, a lousa e as castañas tamén forman parte deste museo. Máis tarde acolleu parte das maquetas das casas de pedra elaboradas para a película galega de animación “O Apóstolo”.
Recentemente ampliouse a parte dedicada ao mel coa réplica de parte dunha alvariza e abriuse a sala dedicada á escola. Agora amplíase esta exposición con esta sala dedicada á imprenta. Pero aínda queda un bo número de pezas que non poden mostrarse ao público por falta de espazo, polo que o Concello de Quiroga traballa na ampliación deste Museo, como tamén está a realizar no Museo Xeolóxico.