InicioCulturaLois Patiño, cineasta: "Lúa Vermella afonda no imaxinario fantástico galego cunha óptica...

Lois Patiño, cineasta: “Lúa Vermella afonda no imaxinario fantástico galego cunha óptica contemporánea”

"Lúa Vermella, ao final, é unha representación dos mitos e lendas que deron forma ao imaxinario fantástico galego. Un dos principais son as meigas e a santa compaña e este é un modo de axitalos e revivilos.", Lois Patiño, cineasta.

Publicado o

- Advertisement -

O cineasta galego de raíces en Monforte, Lois Patiño, acaba de presentar o seu último traballo, Lúa Vermella, na 70 edición da Berlinale. A película rodouse entre a Costa da Morte (escenario que xa escollera para o seu documental, Costa da Morte) e Ribeira Sacra. Contou tamén con actrices, actores e figurantes destes territorios; así as meigas protagonistas de Lúa Vermella acompañaron ao director na estrea. Falamos con Lois Patiño, despois da presentación de Lúa Vermella na Berlinale.

Lois Patiño / metropolitano.gal

Satisfeitos coa presentación? Que tal as meigas de Lúa Vermella en Berlín?

Moi ben, a estrea foi nun cinema precioso, que tiña as cortinas vermellas, o que lle ía moi ben á película. E estaba cheo, cheo ata arriba; na segunda sesión tamén quedou xente fóra. Todas as sesións foron moi ben. E as meigas creo que o pasaron moi ben. Son días de moitas entrevistas, non puiden estar todo o que quixera, pero puideron coñecer a cidade e recibir o agarimo do público, tanto no escenario, como despois da proxección e na festa galega que organizou AGADIC.

Para as meigas tamén era a primeira vez que vían o resultado do seu traballo. Para elas tivo que ser impresionante, que che dixeron despois de verse?

Si, tanto verse na pantalla como estar neste escenario. O meu cinema é un cinema que utiliza unha linguaxe distinta; elas sabían do meu interese cara á paisaxe nesta película, tamén cara aos mitos e a lenda. Verse tróuxolles moitos recordos da rodaxe. As películas, para os que están durante o proceso, son imaxes moi evocadoras de recordos; e acordábanse de cada unha das accións, das localizacións, as anécdotas que viraban ao redor de cada imaxe da película. É un momento moi bonito de rememorar. Dicían que unha as experiencias máis incribles da súa vida foi a rodaxe e agora estaba a ser o viaxar a Berlín a acompañar a película. Cando a presentemos en España virán tamén a Málaga, será divertido para elas.

Que próximas citas ten Lúa Vermella?

A estrea en España será no Festival de Málaga, imos saír a salas o 24 de abril e hai unha decena de festivais confirmados en Mexico DF, Nova York, Cartagena de Indias en Colombia, Portugal, Alemaña, Canadá, Corea do Sur. O roteiro está medio montado e logo, España. Imos ver que podemos facer nos territorios protagonistas.

Que é Lúa Vermella?

Unha lenda contada cunha linguaxe cinematográfica contemporánea; é unha lenda tamén creada ao redor dun personaxe contemporáneo noso, o “Rubio de Camelle”, que rescatou decenas de cadáveres de náufragos perdidos no mar. A súa historia é unha historia valente que axudou a moitas familias a superar o proceso de duelo. Ten moitos ingredientes para construír unha lenda a través del e sobre dous puntos sobre os que quería traballar que son o mar e a morte. Como desde estes dous misterios espértanse distintas lendas e distintos mitos. Sobre o mar da Costa da Morte, un mar cargado de dramatismo e de misterio, non só polos naufraxios, se non por esta idea do océano como o fin do mundo, antes de que se descubrise América,… e fai que reverberen os mitos.
Lúa vermella, ao final, é unha representación dos mitos e lendas que deron forma ao imaxinario fantástico galego. Un dos principais son as meigas e a santa compaña e este é un modo de axitalos e revivilos.

Lúa Vermella na Berlinale / Amanita Films

Volves a Costa da Morte, neste casco cunha ficción. É moi diferente facer documental a facer ficción?

Si, creo que esta película conserva unha parte de documental. Hai unha vontade de retratar, tanto na rodaxe na Ribeira sacra como na da Costa da Morte, aos habitantes da zona; por iso esforzámonos moitos nos castings para atopar rostros singulares para as meigas e para as figuras paralizadas na imaxe. Lúa Vermella ten esa parte de vontade documental retratando ás paisaxes como aos habitantes. Tamén ten a parte documental de traballar en torno ao “Rubio de Camelle”, que se intepreta a si mesmo na película.

Costa da Morte era máis un documental antropolóxico cunha mirada singular, traballando desde a distancia a paisaxe, e reflexionando sobre como se constrúe a identidade dunha paisaxe, desde a mestura entre historia e lenda. Neste caso, atravesamos a realidade para observar Costa da Morte e Ribeira Sacra. Construímos un espazo de ficción que é coma se fose unha aldea costeira, observamos este espazo desde o mito e a lenda e construímos unha ficción singular.

A película creo que transita entre varios límites, entre documental e ficción, entre realidade e mito e tamén os personaxes están entre a vida e a morte. A película transcorre neste limbo entre moitas realidades contrapostas. Tamén entre a realidade e o soño, observamos a realidade con extrañamento cunha mirada que o tingue todo de irrealidade.

Cal o papel de Ribeira Sacra na película?

En Ribeira Sacra gravei moitos momentos atmosféricos interesantes. A presenza de bosque e toda a espiritualidade que desprenden as zonas boscosas e de montaña. Eran os ingredientes que buscabamos alí. Ten moita importancia dentro do relato a presa de Belesar. Gravamos moita imaxe para despois ir depurando a linguaxe e ao final, moitas localizacións da Ribeira Sacra caeron. Como o relato transcorre nun espazo de costa, todo está tinguido polo océano,… todo o material da Ribeira Sacra trasládase á zona de costa.

Por que o título, Lúa Vermella?

Quería subliñar o carácter lendario. A película adopta a forma dunha lenda e lúa vermella é moi evocadora. A lúa ten unha presenza determinante na película, é un elemento dentro do relato moi importante e transformador. A imaxe da película está toda tinguida de vermello por esta lúa vermella. Xerábanos a idea de feitizo sobre o territorio. Lúa Vermella dá rapidamente esa idea dun conto de lenda, un conto mítico.

Ademais de acompañar a Lúa Vermella, que proxectos tes en mente?

Sempre temos proxectos na cabeza e algúns que está xa en marcha. Estou a editar unha curtametraxe que codirixo co director arxentino Matías Piñeiro, que tamén ten unha película na Berlinale. Estou a editar outra curtametraxe que ten forma de vídeo instalación, rodada en Tokio. E a seguinte longametraxe que vou facer, se todo vai ben, é con Matías Piñeiro, que será a continuación da curta que rodamos xa. A película está baseada en “La Tempestad” de Shakespeare, rodada nas Azores e Galicia.

ÚLTIMAS

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...