Actuacións musicais e escénicas en liña para celebrar as Letras Galegas

Davide Salvado, Raiceira, Uxía Pedreira, Olga Novo, Mamá Cabra ou Micromina Títeres serán algúns dos artistas que participen no ciclo cultural As Letras en rede. A programación poderá seguirse a través das redes sociais e da canle de Youtube da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, do 17 ao 27 de maio

Olga Novo / luzes.gal

A área de Cultura celebrará as Letras Galegas coa programación en liña  As Letras en rede, que inclúe unha decena de actuacións musicais e escénicas. Davide Salvado, Raiceira, Uxía Pedreira, Pepe Vaamonde, Mamá Cabra, Micromina Títeres, Ana Carreira, Lóis López, Olga Novo e Marina Oural completan o elenco artístico deste novidoso ciclo cultural en rede, que poderá seguirse nas redes sociais e na canle de Youtube da Vicepresidencia da Deputación de Lugo (@vicedepulugo) entre o 17 e o 27 de maio ás 19:00 horas.

A iniciativa, na que colaborou a área de Cultura do Concello de Lugo, pretende trasladar ás redes o carácter reivindicativo e lúdico que acompaña a celebración do Día das Letras Galegas, dedicada este ano ao profesor e escritor Ricardo Carvalho Calero, mais tamén   apoiar aos profesionais da cultura, un dos sectores que está a sufrir o impacto da crise da Covid 19 pola suspensión dos espectáculos ao vivo.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou que “malia estarmos nunha situación excepcional non podiamos deixar pasar esta data central na reivindicación da lingua e da cultura propias, e pensamos que a mellor maneira de celebrala era dando este espazo para que os profesionais da música, no teatro, da narración e do audiovisual en galego amosen a súa creatividade e o seu talento”

Maite Ferreiro remarcou o compromiso da área de Cultura para tratar de que “o sector sufra o menos posible o impacto da crise, tanto no ámbito asociativo como profesional”. Nesa liña, lembrou que se “axilizou a tramitación das axudas a entidades e asociacions culturais previstas nos orzamentos, cun importe de 638.000 euros” e que “se traballa para adaptar as programacións previstas a evolución da pandemia en cada momento”.

As Letras en rede ofrecerá ao longo de dez xornadas espectáculos en liña pensados para todas as idades, con atención tamén para o publico máis novo con espectáculos para público infantil e familiar. Atendendo ao ámbito provincial da institución, optouse por artistas vinculados á provincia de Lugo. Tamén se priorizou a contratación de artistas que se dedican profesionalmente ás actuacións ao vivo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here