O ciclo de actividades culturais para fomentar a lectura que organiza a Librería Pelayo terá continuidade este sábado 28 de novembro coa presentación dun par de libros da autora Pili Sánchez.
Tratase de dúas obras, un libro de relatos curtos e outro de poesía, que chegan aos estantes desta libraría case por casualidade. Pili entrou pola porta deste establecemento coa intención de compilar os seus escritos e facer algúns exemplares para ela e saíu cun proxecto e compromiso de edición por parte de Peruchela Edicións. Rocío, “Peruchela” para os amigos, animouna a publicar e impulsou o tema a través do seu proxecto editorial de apoio a novas autoras e autores.
Os libros que se presentarán son: “Estamos de conto” -prosa- e “De vida e norte, amor e indiferenza” -poesía-, os dous de Pili Sánchez, aínda que o de poesía vai asinado co pseudónimo de Lin San Mar. Ambas publicacións van acompañadas de ilustracións de Anabel Álvarez, licenciada en Belas Artes e profesora do IES Daviña Rey. A presentación será este sábado na propia libraría ás 17:00 h. con aforo para 5 persoas e despois poderase ver en diferido nas súas redes sociais.
Falamos con Pili Sánchez.
Dende cando escribes e publicas?
Teño afección a escribir dende pequena e fun gardando todo sen pensar nunca en publicar. Estes libros serán os primeiros que publico.
Como xurdiu logo a idea de publicar?
Collín un día o material que tiña gardado e leveino á Librería Pelayo coa intención de facer algúns exemplares para min, e foi alí cando Rocío me animou a publicar. Ela fíxose cargo do traballo de edición.
Que escribiches estes anos?
O que máis me gusta son os relatos curtos. Máis para nenos pero tamén fago relatos para adultos/as.
Que imos atopar en “Estamos de conto”?
Sete relatos curtos nos que hai un pouco de todo en relación a personaxes típicos dos contos: princesas, trasnos, vampiros, anxos, diaños, sereas… Son relatos independentes entre si pero están unidos por elementos comúns como a maxia, a fantasía e que as cousas non son o que parecen.
Para que idades está recomendado?
Non che sabería dicir unha idade, pero para moi pequenos non.
Imos co outro libro, o poemario “De vida e norte, amor e indiferenza”. Cóntanos.
Pois como ben di o título, falo deses temas: a vida e a norte, o amor e a indiferenza. Son 25 poesías que fun escribindo segundo xurdiron en determinados momentos da miña vida.
En ambos libros podemos atopar ilustracións. Como xurdiu esa colaboración?
As ilustracións son de Anabel Álvarez. Somos amigas dende pequenas. A ela sempre lle gustou debuxar e lembreime dela neste proxecto. Quixo participar na obra e tamén me animou a tirar adiante coa publicación.
Para saber máis dos libros pódese consultar a páxina web creada pola autora.