InicioCulturaA resistencia dun entroido senlleiro no Concello de Chantada

A resistencia dun entroido senlleiro no Concello de Chantada

Vivimos o 'Domingo Corredoiro' na parroquia chantadina de Santiago de Arriba e falamos con Iván González, volante e membro da Asociación Amigos do Entroido Ribeirao.

Publicado o

- Advertisement -

“O Moredo”, epicentro de ‘troulas entroideiras’ na parroquia de Santiago de Arriba, acollía onte o Domingo Corredoiro cun gran ambiente no que os Volantes, Maragatos e a representación dos oficios conseguiron que a tarde se fixese curta para os numerosos asistentes.

O campo do ‘Moredo’ cheo de xente para ver ‘Os Oficios’. Foto: XMF

Os chimpos dos volantes, co seu característico son das campaíñas, e a exhibición cada certo tempo do espectacular ‘pucho’ levado en bolandas por un deles é unha experiencia digna de vivir en directo. Emociona, provoca que queiras ter proba fotográfica ou en vídeo do momento e enche de satisfacción tanto aos protagonistas como aos veciños e veciñas que están alí gozando deste intre, e quen sabe se tamén rememorando tempos pasados.

Cóntanos Iván González, volante e membro da Asociación Amigos do Entroido Ribeirao, que só o cinto con campaíñas pode pesar dezaoito quilos e a estrutura que conforma o pucho uns quince co cal o peso que levan enriba é importante. Comentámoslle que nos dá a sensación de que coxea e dinos que está un pouco cansado e que ten o pé inchado. Está claro que sarna con gusto non pica e que para manter unha tradición como esta ten que haber xente con moito amor e ilusión por mantela viva.

Iván González. Volante e membro da Asoc. Amigos do Entroido Ribeirao. Foto: XMF

Ademais dos volantes foi interesante ver as representacións satíricas dos “oficios”. Nunha delas, por exemplo, representábanse ‘os baños turcos’. Os Mecos, neste caso homes vestidos de mulleres e preparadas para o baño, remollábanse nuns pilóns e buscaban xente do público para animalos a bañarse. Nalgún caso recorreron á forza, espíndoos e meténdoos literalmente no pilón. Nesta parte resultaba importante o traballo dos Maragatos para conseguir voluntarios e para achegar o público ao escenario e que os Mecos os puidesen mollar. A este oficio seguíronlle ao longo da tarde ‘bingo no Moredo’ e ‘o magosto’.

“O baño turco”. Foto: Xosé Manuel Fdez

Este era o segundo domingo de actividade dentro do ciclo tradicional do Entroido Ribeirao que terá continuidade o vindeiro domingo de entroido, 3 de marzo, e o martes de entroido, 5 de marzo. A partir das 16:00 h. ‘o campo do Moredo’ volverá ser estes días protagonista dos tradicionais chimpos e danzas dos volantes e da troula máis disparatada que ofrecen os Mecos coa axuda dos Maragatos para que as representacións satíricas dos oficios teñan máis participación do público. Ademais, o 5 de marzo coincidindo co remate do entroido faise o “Choro do Pucho” para despois celebrar unha gran merenda con torriscos, chourizos e castañas á que están convidados todos os asistentes.

No campo do Moredo ademais do escenario para os oficios, unhas barcas para divertirse os pequenos/as e unha cantina de madeira, hai unha antiga escola en estado de abandono que ben podía ser o local oficial da asociación. Dinos Iván González que seguen esperando a que as autoridades competentes algún día podan facilitar que a escola sexa para ese fin e se rehabilite en condicións. Aproveitamos e preguntámoslle máis cousas.

Cando fundastes a Asociación Amigos do Entroido Ribeirao?

Alá polo ano 2000 froito dunhas poucas familias que querían que o Entroido Ribeirao non morrera.

Dende aquela, e grazas ao voso traballo de recuperación, o Entroido Ribeirao é xa un dos máis destacados de Lugo e incluso de Galicia. Cóntanos.

Si, e cada vez estamos máis sorprendidos de onde chega o Entroido Ribeirao. E non só por Galicia me refiro, senón que por toda España e polo estranxeiro adiante. De feito, chegan ao campo de “O Moredo”, lugar onde realizamos os actos do Entroido, xente do País Vasco, da Comunidade Valenciana, Extremadura e ata portugueses e franceses que veñen interesarse polo noso entroido.

A celebración actual é como a de antes ou houbo algunhas variacións?

Nós o que intentamos é que sexa o máis parecido ao que había antes, o que non podes evitar é que algunha que outra pequena cousa cambie polo paso dos anos pero isto é normal. Nós seguimos coa mesma esencia de sempre, entroido cento por cento rural, e coa mesma ilusión de sempre.

Que figuras destacan?

Temos tres figuras: O Volante, que é o personaxe bonito do noso entroido. Leva un traxe vermello e amarelo (non confundir coa bandeira española), leva os panos portugueses, o cinto de campaíñas e na súa cabeza porta “o pucho” -armazón con cintas de papel de cores,e de flores feitas a man pétalo a pétalo-. O Maragato, que é o personaxe menos guapo (risas), vai cuberto con peles de animais e algúns portan caveiras na cabeza. A súa función é a de protexer o volante ante calquera posible perigo. Os Mecos, encargados das representacións satíricas e de burla que se fan no ‘Moredo’ e que se chaman “os oficios”.

Santiago de Arriba é o epicentro, pero hai outros lugares da contorna que manteñan a tradición?

A día de hoxe e dende hai uns anos, o Entroido Ribeirao só se conserva na Parroquia de Santiago de Arriba. Antigamente habíao nas Parroquias de Nogueira, Vilaúxe,Sariña, San Pedro, Camporramiro…

Contades xa con apoio económico e institucional, que máis cres que falta para mantelo e seguir revitalizándoo?

Contamos con apoio institucional si, pero moi pouquiño. Non nos cubre nin o 50% do gasto que realizamos durante o Entroido e temos que buscarmos a vida como podemos. Ás veces ata temos que poñer cartos dos nosos petos para que todo poida saír adiante.

Vouche poñer un exemplo, levamos anos reclamando a rehabilitación da casa escola, a cal utilizamos de local para os actos do entroido, e as institucións “non se mollan”. Non hai implicación para rehabilitala e o concello de Chantada non nos dá a concesión definitiva á Asociación. Con ese tema andamos pelexando dende hai moitos anos pois non podemos nin gardar os traxes nin nada na casa escola ao estar nun estado ruinoso, con grandes humidades e cheo de gretas xa dende cando fora o movemento de terras hai moitos anos.

Na páxina web do Concello de Chantada tamén se pode atopar información deste entroido.

ÚLTIMAS

RIOTORTO, EPICENTRO DA ARTESANÍA DO FERRO DE GALICIA

A XV Feira de Artesanía do Ferro foi presentada o pasado 18 de abril coa presenza...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...