Saber inglés para vender máis

O Centro Comercial Urbano de Monforte vén de organizar un curso de inglés para empresarios e empregados asociados e pensa xa en nas accións promocionais para os vindeiros meses.

Aula de Campus Lemos onde se desenvolveu a formación. Fonte: CCU Monforte

Calquera idea e calquera ferramenta é boa se de vitalizar o comercio local se trata, e así o pensan dende a xerencia do CCU de Monforte, asociación que vén de rematar a finais de maio unha interesante formación técnica. Nesta ocasión celebrouse un “Curso de Inglés Comercial Básico” para empresarios/as e empregados/as asociados no que se formou aos participantes, segundo explican dende a xerencia, “en áreas básicas comúns a todos eles e en casos específicos aos que se poden enfrontar en función das particularidades dos seus propios negocios”.

A organización, coordinación, formación teórica e práctica foron contratadas á academia asociada Campus Lemos C.B., centro de formación homologado pola Xunta de Galicia. Algúns dos temas concretos que se trataron na xornada técnica foron como dirixirse aos clientes, encher ficheiros con datos persoais, atender reclamacións ou devolucións, xestionar garantías, tickets regalo, descontos, tarxetas de cliente, etc.

Ao curso, que tivo unha duración de 8 semanas durante os meses de abril e maio, asistiron comerciantes e empregados dunha trintena de negocios asociados: Cocinas Dalama, Innova, Mon Come y Sueña, Mimos, Carpe Diem, Galaecia, Agro López, Expendeduría Nº 2, Peques, Santiveri, F&M Moda, Piensos Senra, Imprenta Fénix, Cafés Conti, Gonzalo Seguros, Doble M, Sabrina Moda, Comercial Llano, Lambetadas, Intimas Lencería, Wash Up, Arenal, Gerglocandelana, Calzados Kukin e Colchonería Mayro.

Dende a entidade que xestiona intereses comúns de comerciantes de Monforte avanzan así mesmo que están ultimando o deseño de novas actividades para asociados e clientes que van consistir en: sesións formativas, programas de asesoramento e revitalización do comercio local, noites temáticas, unha nova edición da “Feira de Oportunidades de Verán”, campañas de fidelización online e nas rúas, sorteos… e tamén, di Ángel Folgueira, xerente do CCU, “algunha que outra sorpresa interesante que estamos desexando confirmar”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here