O mel, protagonista en Quiroga

10 de agosto, día de feira e día no que o concello exalta un dos seus produtos máis característico e de maior calidade.

Posto de mel de 'Pinga Doce' nunha edición anterior. Foto: P.S.

Os apicultores inscritos na XXIX Mostra do Mel de Quiroga abrirán os seus postos desde primeiras horas ao longo da rúa Real poñendo á venda mel e outros produtos apícolas como pole ou própole. Un produto avalado polo distintivo de Mel Ecolóxico e que recentemente foi premiado a nivel internacional no prestixioso concurso “London Honey Awards”.

Un dos produtores que estarán presentes na mostra, Manuel Macía González (Euromel, S.C.), levou como galardón no certame internacional devandito, o “Bronce Honey Award”. Foi o pasado mes de xullo e o éxito acadado pon en moi bo lugar o mel que se elabora nesta zona.

Outro dos produtores que comercializará o seu mel, Pedro Soto (Pinga Doce), dinos que para esta ocasión levará uns 60 quilos pois a maioría do que elabora xa llo encargan dun ano para outro. Recoñece tamén que este ano houbo moi pouca cantidade “porque entre o tempo e a velutina morreron moitas colmeas”.

Sabemos tamén que este ano, polas especiais circunstancias da Covid19, ata o último momento practicamente non se sabía se sairía adiante ou non a Mostra do Mel. Pedro dinos que houbo varias reunións de apicultores co concello e que ao final “decidimos ir á mostra para que continúe un ano máis e sabendo que haberá medidas de protección nos postos”.

Dende a Comisión de Festas do concello, e tal como recomendaron dende o comezo das actividades festivas desta semana, pregan a veciños e visitantes que cumpran coas medidas de seguridade e hixiene decretadas polas autoridades para que a Mostra do Mel poida desenvolverse dentro da nova normalidade. Haberá separación entre casetas, biombos en cada unha delas, xel desinfectante, limitación de aforo no recinto feiral e lembrarase o uso obrigatorio da máscara.

A Charanga BB+ será a encargada de animar a xornada ao longo de toda a rúa Real durante o tempo que dure esta XXIX edición desta Mostra do Mel de Quiroga.

Ademais do produto estrela, na xornada gastronómica tamén haberá postos locais de diferentes temáticas e outros produtos autóctonos da comarca como son as castañas, o viño ou o aceite.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here