HomeEconomíaA Mostra do Aceite de Quiroga será o 12 de maio

A Mostra do Aceite de Quiroga será o 12 de maio

O concello vén de facer público o cartel coa data de celebración da feira do aceite na contorna do Muíño de Bendilló. Días atrás, o alcalde e unha delegación de olivicultores presentaban na Xunta a solicitude dunha DOP para o aceite de Quiroga.

Publicado o

- Advertisement -

Este encontro de olivareiros quirogueses que pretende recuperar a cultura do aceite na zona e dar a coñecelo fóra celebrarase o vindeiro 12 de maio. Como cada ano, produtores do lugar darán a coñecer e venderán aceite artesanal feito en Quiroga baixo a marca que ten rexistrada o Concello de Quiroga para garantir a súa procedencia e aptitude para o consumo.

O cultivo e recuperación de oliveiras na Comarca de Quiroga vai cada ano a máis e a mostra alcanza este ano a 19ª edición.

Mostra do Aceite de Quiroga. Recinto feiral. Foto: XMF

O pasado xoves, o Alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e varios produtores do concello presentaron no rexistro da Xunta de Galicia a petición de Denominación de Orixe Protexida (DOP) para o aceite de Quiroga. Os trámites, feita a inscrición da solicitude no rexistro, pasan agora por que a Xunta admita a trámite o expediente e o remita a continuación ao Ministerio de Agricultura primeiro e a Unión Europea despois. Un paso importante pero que pode atopar atrancos administrativos de admisión polo camiño pois, entendidos na materia recomendan nestes casos iniciar antes a solicitude dunha Indicación Xeográfica Protexida (IXP) por elementos a ter en conta como, por exemplo, a dimensión do territorio onde se quere localizar a DOP, a información parcial e a medio facer –iniciouse de forma rigurosa o pasado ano por indicación da Consellería do Medio Rural- da creación dun censo de oliveiras na zona…

Un paso interesante para avanzar na recuperación e posta en valor do aceite quirogués pero que haberá que esperar como evolucionan as cousas.

O concello xa ten rexistrado o nome de “Aceite de Quiroga” como marca de garantía e, a priori, con dous principais fins: certificar as características e procedencia do produto e regular e ordenar as plantacións de oliveiras.

Coñecedores tamén en Quiroga de que moitos produtores optaron por plantacións de variedades foráneas (arbequina, epicual, etc) de forma exclusiva ou de forma complementaria á recuperación das variedades autóctonas, brava e mansa sobre todo, optaron por darlle cobertura igualmente coa marca ‘Aceite de Quiroga’ primando neste caso a orixe e non só que se trate de variedades propias e tradicionais da zona.

Así, pois, dende fontes do concello informan neste sentido que para a elaboración do aceite de oliva virxe extra, amparado pola marca de garantía “Aceite de Quiroga” empregaranse olivas das distintas variedades que existen dentro do municipio de Quiroga. Os aceites consideraranse monovarietais cando procedan, a lo menos nun 80%, dunha única variedade de olivas. As variedades que se poden empregar dentro desta marca de garantía son as seguintes: mansa, brava, arbequina,…

Hoxe en día, empezan a darse conta moitos produtores que a saída comercial, por autenticidade e diferenciación, que terá máis tirón no futuro será apostar polas variedades tradicionais. Así o están facendo moitos, pero a realidade é que baixo “Aceite de Quiroga” atopamos hoxe aceites elaborados con oliveiras situadas en Quiroga, pero que poden ser elaborados con variedades mixtas (de aquí e/ou de fóra) ou só con variedades autóctonas.

Cartel da Mostra do Aceite 2019

ÚLTIMAS

Case 600 persoas na II Festa Interxeracional do Concello de Chantada

Na primeira edición participaron unhas 350 persoas e este ano case se duplica a...

Actividades para celebrar en familia no Verán Cultural de Chantada

Do 2 de xullo e ata o 30 de agosto, o Concello de Chantada,...

Adrián González, novo voceiro do PP de Quiroga

Adrián González, de 32 anos e vinculado ao deporte, agradece a confianza dos compañeiros...

Iniciativas de Esperta Monforte no pleno deste luns

Esperta Monforte presenta ao pleno unha moción para incrementar a partida de subvencións de...