Monforte, a capital da Ribeira Sacra “confinada”

Durante o máis duro da pandemia, moitos hostaleiros monfortinos víronse obrigados a “tirar da hucha”, pero ante esta segunda onda algúns esgotaron xa as “reservas”.

Escolapios / CEDIDA POR TURISMO DE GALICIA

A cidade de Monforte de Lemos, segunda poboación en número de habitantes da provincia de Lugo, vive días de incerteza por mor dun importante brote de coronavirus que xa afecta a ao redor dun centenar de persoas do centro urbano.

Segundo os datos oficiais da Consellería de Sanidade, o total de positivos confirmados son 95, pero o alcalde, o socialista José Tomé Roca, sostén que, en realidade, o brote supera con fartura os 100 afectados.

Nun principio, considerouse un pequeno repunte localizado, con oito positivos rexistrados nun edificio da céntrica rúa Duquesa de Alba, pero os contagios pronto empezaron a crecer de maneira exponencial. Segundo sinalaron os expertos, “o pico aínda está por chegar”, seguramente a finais desta semana ou principios da seguinte.

En Monforte, a capital da Ribeira Sacra, o mes de xullo foi bastante benévolo. A comarca enteira “aproveitou” os repuntes das zonas costeiras para situarse cuns moi aceptables datos turísticos, cun 75% de ocupación hostaleira.

Esta evolución positiva dos últimos meses significou un respiro importante para os empresarios do sector servizos, o “actual pan” dunha cidade que viviu durante moitos anos grazas á industria e o ferrocarril. De feito, durante o máis duro da pandemia, moitos hostaleiros monfortinos víronse obrigados a “tirar da hucha”, pero ante esta segunda onda algúns esgotaron xa as “reservas”.

A principios de semana, coincidindo co aumento paulatino de contagios, a moitos empresarios entráronlles “as dúbidas”, polo que moitos optaron por facer probas PCR ao persoal en clínicas privadas. Tras o primeiros test, mesmo aínda que a totalidade dos seus empregados arroxasen un resultado negativo, bastantes hostaleiros decidiron manter as portas pechadas dos seus establecementos durante uns días, co obxectivo de facer unha segunda proba confirmatoria.

Agora, boa parte deles están pendentes de abrir nas xornadas vindeiras, dependendo de como saian as últimas probas. En canto aos veciños “do montón”, senten “medo” e “preocupación” por unha situación que algúns xa “vían vir” tras a chegada de numerosos turistas no mes de agosto e coa axuda inestimable dunhas temperaturas altas que propiciaron o “abarrote” das rúas e terrazas monfortinas.

Por iso piden “máis responsabilidade”, especialmente ás persoas máis novas, que en Monforte foron as que resultaron máis afectadas polo brote. E, nestes días en que debería estarse celebrando a Feira do Libro, o desexo da cidade maniféstase nunha soa voz, cal alegoría: pasar páxina canto antes.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here