InicioEn profundidadeDos mellores fogóns de Madrid a Quiroga para abrir un restaurante en...

Dos mellores fogóns de Madrid a Quiroga para abrir un restaurante en plena pandemia

Unai Reboleiro e a súa parella Perla empezan un novo capítulo das súas vidas, O Roxo Vivo, e fano apostando claramente pola comarca de Quiroga, na Ribeira Sacra. O amor por esta terra e poder ter máis vida familiar foron dous motivos de peso para embarcarse nesta aventura.

Publicado o

- Advertisement -

No 2019 pechaba en Quiroga o restaurante Ó Roxo Vivo tras 27 de anos de actividade e cun trato familiar que deixou pegada. Co local pechado, poucos podían imaxinar, incluso a propietaria Isabel Rodríguez, que a súa ‘marca’ tería unha nova vida.

Pero a situación deuse. Chegou de Madrid Unai Reboleiro para recuperar o antigo Ó Roxo Vivo e darlle unha nova oportunidade de seguir facendo felices aos comensais da contorna cunha moderna proposta gastronómica.

Unai criouse en Madrid, cidade onde emigrou o seu pai tras deixar atrás a aldea do Soldón, na montaña do Concello de Quiroga. Pero nunca perdeu o vencello con estas terras, “téñolle un amor da ostia”, confesa nunha arroutada de sentimento, e engade “nos veráns pasaba os meses de vacacións no Soldón cos meus avós, non sabía o que era a praia”.

Os seus comezos como cociñeiro hai que situalos na ‘Escuela Superior de Hostelería y Turismo de Madrid’ onde foi un dos alumnos/as coas mellores notas, logro que lle permitiu escoller destino para facer as prácticas. O restaurante escollido foi o prestixioso Hotel Restaurante Europa de Pamplona, cunha Estrela Michelín. Alí estivo un ano e medio. A continuación pasou por Toulouse, en Francia, e en Madrid, no Restaurante La Parra, antes dunha aventura en Inglaterra, no ano 2015. Neste país estivo case 3 anos no Restaurante español Barrafina, único no país cunha Estrela Michelín.

Unai Reboleiro nos fogóns do novo ‘O Roxo Vivo’. Foto: XMF

Trala aventura británica, Unai Reboleiro fichou polo Grupo Goa de Madrid, empresa na que foi responsable da parte gastronómica deseñando cartas e supervisando o traballo de máis de 30 cociñeiros/as nestes últimos tres anos. Nesta etapa foi cando lle viñeron á cabeza pensamentos de cambio ao non poder conciliar como lle gustaría familia con traballo dada a presión e a responsabilidade do seu cargo. Unai e Perla, a súa parella, teñen 2 fillos pequenos, e segundo nos conta Unai “non tiña vida, practicamente non vía nin á miña muller nin aos meus fillos”. E neste punto foi cando pensaron “que podemos facer?”…

“Nesta etapa foi cando lle viñeron á cabeza pensamentos de cambio ao non poder conciliar como lle gustaría familia con traballo dada a presión e a responsabilidade do seu cargo”.

Este verán viñeron de vacacións ao Soldón e a idea de montar restaurante en Quiroga empezou a pasarlles pola cabeza. Nun lugar como este poderían traballar xuntos, con menos estrés e poderían ter máis tempo para a vida familiar. Viron o local do antigo restaurante Ó Roxo Vivo, quedáronse coa opción, e de volta a Madrid acabaron de decidirse.

Unai e Perla na barra do bar coas máscaras personalizadas do local. Foto: XMF

Non había volta atrás, maletas e a emprender en Quiroga, na terra de seu pai e dos seus avós. Familia e amigos/as próximos dixéronlles que “estaban tolos”, que como se atrevían nun momento como este a dar ese paso, pero Unai tíñao claro.“Nunca me gustou facer o que fai todo o mundo”, confesa dando a entender que é amigo do risco, de probar cousas e de cambiar.

“Non había volta atrás, maletas e a emprender en Quiroga, na terra de seu pai e dos seus avós”.

Preguntámoslle que referentes ten na cociña e dinos dous nomes. Non se trata de cociñeiros mediáticos pero si cociñeiros de gran nivel e que para el significan moito polo que lle aportaron. Trátase de Ángel Zapata, o chef que coñeceu no restaurante Barrafina de Londres e Arkaitz Muguruza no Hotel Restaurante Europa de Pamplona.

O ROXO VIVO, unha nova aventura

Despois desta dilatada traxectoria internacional e nacional, Unai Reboleiro chega a Quiroga, concello onde este 23 de novembro abriu as súas portas para recibir aos primeiros clientes da súa nova andaina gastronómica.

A súa aposta por Quiroga, vén dada polo amor a esta terra e por atopar un ritmo de vida que lle permita a conciliación familiar. E Perla, a súa compañeira, tamén tivo bastante que ver, gústalle moito a zona desde que a coñece e foi ela a que acabou de convencelo, segundo nos conta en confianza.

Na cociña van apostar pola tradición, son “moi amigos da culler, de encher a cociña de potas con caldos” e de “explotar o potencial da cociña galega e española”. Insisten en que dan preferencia ao produto de calidade, moi ben coidado, e que no restaurante entrarán produtos galegos de primeirísima calidade: carnes, queixos, peixe… e moi importante tamén, traballarán con adegas da zona e cos mellores produtos da horta local apostando polo comercio de proximidade.

Entrecot á grella. Foto: XMF
“Pata de polbo á grella, parmentier de pataca morada, chips de allo e maionesa de pimentón”. Foto: XMF

O 23 de novembro, día da apertura, O Roxo Vivo arrincou moi ben completando o comedor. Ofrecen menús entre semana a 10 euros pero coa opción de adquirir o que chaman “tarxeta profesional” a 9 €. A opción carta promete tamén por variada e innovadora con pratos como: “Pata de polbo á grella, parmentier de pataca morada, chips de allo e maionesa de pimentón” ou “Entrecot á grella e á manteiga de romeu con pementos del Piquillo caramelizados”. Haberá que ir reservando mesa…

ÚLTIMAS

Unha nova vida para Donelle, a aldea de Sober mercada pola cooperativa Ecooo

A Donelle, unha aldea deshabitada do Concello de Sober dende hai varias décadas, preséntaselle...

A Subida a Taboada inaugurará o Campionato Galego de Montaña os días 27 e 28 de abril

O vicepresidente da Deputación e deputado de Deportes, Efrén Castro, reuníuse este martes co...

Campaña de xuntanzas veciñais do PP de Monforte “para buscar solucións ás reclamacións de barrios e parroquias”

A Agrupación Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos comeza unha campaña de...

Charla do Plan Maior Seguridade o día 18 de abril en Chantada

A actividade forma parte do Plan Maior Seguridade, que promove o Ministerio do Interior...