Adriana Rodríguez e Claudia Ares son dúas rapazas con talento, experiencia e interese pola arquitectura popular e a rehabilitación. Claudia é de Pantón e fálanos dun proxecto que realizaron, e doutros que desexan realizar, neste concello. Un cos que soña Adriana é a rehabilitación do poboado da Chaira, proxecto que está feito e que utilizou como ‘Traballo Fin de Master de Rehabilitación Arquitectónica’
Entre outros moitos temas, estas dúas profesionais da arquitectura dannos a súa opinión sobre o proxecto da Ponte do Malecón, en Monforte, no que concursaron, e fálannos do seu proxecto común, Alboio Studio, un estudio con especial interese pola arquitectura popular e a rehabilitación. “En Alboio reivindicamos a arquitectura eficaz e pasiva, e de como a tecnoloxía pode achegar valor xerando espazos de gran calidade ambiental, adaptados aos usos e ás persoas”, din as protagonistas da entrevista.
Como foi que quixestes crear un estudio?
Adriana Rodríguez.- Coñecémonos no Master de Rehabilitación Arquitectónica da ETSAC, onde nos demos conta de que somos perfís moi parecidos. Nunca coincidiramos ata o MURA, e ambas temos unha maneira similar de afrontar os proxectos e de ver a arquitectura. Temos formación en Italia, Claudia Ares traballou en Roma e eu estudei en Ferrara no Norte de Italia, alí empezámonos a interesar polas técnicas de conservación patrimonial, e de como a arquitectura propia representa a nosa sociedade e cultura, é dicir a nosa identidade.
Claudia Ares.- Este gromo do que partimos, a rehabilitación, non é excluínte e simplemente expresa a nosa visión ou o noso punto de partida á hora de enfocar os proxectos e ofrecer solucións aos nosos clientes.
“Temos formación en Italia, Claudia Ares traballou en Roma e eu estudei en Ferrara no Norte de Italia”
De onde vén o voso nome?
A.R.- Esta pregunta fáinola moita xente, o cal nos gusta, porque é xerar interese e achegar valor dunha maneira ou outra, xa que reivindicamos a arquitectura vernácula galega.
C.A.- Alboio é un alpendre, unha edificación de tradición popular que leva o funcionalismo e a simplicidade construtiva ao máximo nivel.
A.R.- A arquitectura popular busca aproveitarse ao máximo do que ten na súa contorna para xerar espazos funcionais e económicos, realizados cos medios que están máis a man.
C.A.- Este emprego do inmediato xera unha arquitectura que se integra moi ben no lugar. Iso é un alboio, e esas, son as intencións que nós queremos reflectir nos nosos proxectos.
“Este emprego do inmediato xera unha arquitectura que se integra moi ben no lugar. Iso é un alboio”
En que traballos estades especializadas?
C.A.- A nosa primeira liña de traballo é a rehabilitación arquitectónica. Con todo, tamén realizamos proxectos de obra nova, realizamos ITEs (inspección técnica de edificios), licencias de uso de actividade, estudos ambientais, levantamentos gráfico, informes urbanísticos, informes sobre patoloxías e diagnósticos.
Temos un servizo de consultoría, xa que os proxectos de arquitectura cada vez son máis complexos debido á numerosa documentación a realizar, por tanto o asesoramento resulta esencial. Damos apoio desde o normativo e asuntos legais ata a definición de materiais, desenvolvemento de sistemas construtivos, consultoría sobre eficiencia enerxética e arquitectura pasiva, etc. Finalmente tamén somos soporte doutros estudos de arquitectura realizando infografías e modelos BIM.
Onde tedes a oficina?
A.R.- Actualmente non temos oficina presencial, estamos en proceso. Debido a esta situación excepcional somos nós as que nos trasladamos ata os nosos clientes, visitas a obra, etc. Polo momento, teletraballamos desde as nosas casas. Claudia Ares abrangue os territorios de Ferrol e Santiago de Compostela e eu a Ribeira Sacra e A Coruña.
Vemos que tedes dentro dos vosos traballos unha reforma dunha casa de labranza en Deade. Como foi este proxecto e como vedes as reformas do rural?
A.R.- Este proxecto tomámolo con moito agarimo, pero tamén, con moita frustración inicial, debido a que partiamos de “remendos” que se realizaron anteriormente por construtores e albaneis sen criterio algún. Isto é un problema bastante acentuado en xeral no rural. Xa que ao final o orzamento acábase incrementando máis do debido para obter un bo resultado (desfacer para executar correctamente). Os técnicos estamos para solucionar este tipo de problemas, para analizar a viabilidade económica e comprobar que se executa correctamente, non obstante poucas veces recórrese a eles.
“Este proxecto tomámolo con moito agarimo, pero tamén, con moita frustración inicial, debido a que partiamos de “remendos” que se realizaron anteriormente por construtores e albaneis sen criterio algún”
Trátase dunha vivenda familiar, a cal está moi ligada á súa historia. Queriamos rehabilitar a estrutura, pero tamén darlle un novo valor, xa que a vivenda no seu estado actual apenas tiña luz nin ventilación natural, xa que a planta baixa foi un engadido para cuadras.

Fostes unha das participantes a optar ao deseño da polémica Ponte do Malecón de Monforte de Lemos. Que idea plantexabades e que opinades respecto á devandita problemática do Malecón?
A.R.- A verdade, que sendo eu da Ribeira Sacra, sentía se non a obriga, si o deber de participar e achegar unha proposta que non danase o Malecón, e sobre todo, que resolvese o cruce entre a Rúa Corredoira e a Rúa Santa Clara. Un dos aspectos fundamentais que nos animou a participar foi a premisa de eliminar o tráfico rodado pola Ponte Romana. Algo que consideramos esencial e urxente.
C.A.- Con todo, somos conscientes de que o lugar de implantación da nova ponte quizais non fose o mellor lugar. Todos estes problemas que están a xurdir, non existirían de existir un Plan Urbanístico, ou de realizar consultas ou estudos urbanísticos sobre onde emprazar unha nova ponte.
“Un dos aspectos fundamentais que nos animou a participar foi a premisa de eliminar o tráfico rodado pola Ponte Romana”
A.R.- As cidades tenden a xerar medidas eficientes e sostibles, e Monforte ten a oportunidade de selo, peonalizando o centro aos poucos, xerando prazas e espazos verdes, optimización das redes de abastecemento e infraestruturas urbanas, equipamentos integrados na rede de espazos verdes e prazas, a xestión sostible do tráfico urbano contemplando darlle prioridade ao peón e á bici. Pero como diciamos anteriormente, todos estes problemas poderían solucionarse a través dun Plan Urbanístico acorde ás necesidades actuais.
En parte coñecemos o voso estudio por un proxecto que deseñastes para o poboado da Chaira. Contádenos algo sobre este traballo.
C.A.- Adriana é de Pantón. Utilizou este poboado como ‘Traballo Fin de Master de Rehabilitación Arquitectónica’ co fin de que servise para unha futura rehabilitación.
A.R.- Así é. Sempre me sentín moi ligada á miña terra, é como un imán. Vivín en Italia, Granada e en Coruña, e sempre volvín. Preocúpame como evoluciona o territorio, a súa xente e o abandono do rural e intento a través do meu traballo e da miña formación profesional dar resposta a estes problemas. A Chaira, é un poboado hidroeléctrico polo que sempre pasaba de pequena coa miña familia, e onde sempre o meu avó (antigo electricista de Fenosa) contábame historias sobre a creación dese poboado.
“Preocúpame como evoluciona o territorio, a súa xente e o abandono do rural e intento a través do meu traballo e da miña formación profesional dar resposta a estes problemas”
Contábame como sendo un poboado de posguerra, en comparación coas outras aldeas que subsistían da agricultura e da gandería e as vivendas era pura arquitectura vernácula, este poboado estaba dotado de todas as necesidades (piscina, mestra propia con aulas escolares, igrexa, economato, galiñeiros, casino, diferentes tipoloxías de vivendas etc). Actualmente atópase nun estado de deterioración moi avanzada.
A miña proposta era realizar unha aldea que servise como equipamento asistencial ao rural actual. Vivendas colaborativas para persoas maiores, onde teñan todas as necesidades cubertas. Este modelo adáptase moi ben ao poboado da Chaira, e afástase das Residencias Hospitais que tantos problemas están a xerar actualmente coa COVID-19. Permiten aos seus usuarios levar as súas propias pertenzas, os seus mobles, as súas mascotas de compañía, os seus signos de identidade como menciona Alison&Peter Smithson. Paréceme que se trata dun poboado cun gran potencial, e é unha pena que non se trate de rehabilitar e achegar valor tendo en conta o que necesita a sociedade do Concello.
Despois dos devanditos traballos mencionados que outros realizastes ou estades a realizar?
C.A.- Actualmente estamos a realizar proxectos de obra nova, rehabilitación pero tamén de demolición. Estamos a dar apoio a distintos estudos de arquitectura no groso de documentación de proxecto.
Doutra banda Adriana Rodríguez atópase colaborando coa universidade, traballando sobre un prototipo asistencial para persoas maiores así como realizando o seu doutoramento sobre Estratexias arquitectónicas para o rural. Por suposto, e non por iso menos importante, estamos coa rehabilitación dun alboio orixinal na Coruña, que foi o gromo inicial deste proxecto arquitectónico conxunto e o que lle dá nome ao estudo.
Que edificio de Pantón vos gustaría reformar?
A.R.- Obviamente encantaríanos realizar a obra de rehabilitación do poboado da Chaira. Outro lugar marabilloso é a Igrexa e a contorna de San Fiz de Cangas, a casa xunto á igrexa de San Adrián en Vila do Mato e a súa antiga Hospedaría. A ruína orixinal do balneario de Augas Santas Acondicionar a estación de tren próxima á Chaira e os Silos. Poderíase facer un miradoiro ou arquitectura de menor escala marabillosa. Ocórrenseme moitísimos lugares marabillosos no concello de Pantón, xa que considero que ten un gran potencial, e é unha pena que non se tomen medidas para melloralo, xerar identidade, xerar emprego e evitar que os mozos teñamos que marcharnos do fogar.
AS PROTAGONISTAS E A SÚA TRAXECTORIA
Adriana Rodríguez. “Nacín en Monforte de Lemos en 1990. Estudei Arquitectura na universidade da Coruña, durante esta etapa universitaria estudei en Ferrara- Emiglia Romana un ano, onde comecei a ter relación con temas do Restauro Arquitectónico. Á volta, iniciei prácticas nun estudo de arquitectura de Granada- Serrano+Baquero- mentres realizaba o proxecto fin de carreira. Licenciada en arquitectura e coa espacialidade en Urbanismo. Finalicei os estudos e comecei a traballar en Galopin Playgrounds, aprendendo sobre como crear espazos públicos de calidade, sobre paisaxismo. Fixen o Master Universitario de Rehabilitación na Coruña mentres comezaba a traballar como arquitecta colaborando con diferentes estudos de arquitectura e construtoras. No último ano traballei en Tejedor+Otero arquitectos, iniciándome no retail colaborando con Inditex. Actualmente traballo en colaboración coa universidade de Arquitectura e son doutorada de Proxectos e Urbanismo Arquitectónico. Fundei neste último ano xunto con Claudia o estudo Alboio. Un proxecto que nace con moita ilusión reivindicando a rehabilitación con principal estratexia arquitectónica e de como esta dá valor e identidade”.
Claudia Ares. “Nacín en Santiago de Compostela no 1993. Fixen a carreira de arquitectura na universidade da Coruña. Durante a carreira estudei un ano en Arxentina na Universidade do Litoral. Unha vez finalizado o grado en arquitectura traballei en Italia, no estudo Next Urban Solutions situado en Roma. De regreso de Italia cursei o Master de rehabilitación (MURA), tamén na UDC. Durante estes últimos anos traballei noutro estudo en Ferrol e fundei xunto con Adriana o estudo Alboio”.