As novas tumbas e os obxectos atopados nelas confirman que estamos ante unha comunidade humilde. Desde o punto de vista arqueolóxico, a xerarquía social tivo o seu reflexo nas tumbas, pero no castro de San Lourenzo non acontece, non se detecta ningún tipo de diferencia social nos distintos enterramentos. Ademais non apareceu ningunha moeda e case ningún obxecto. Si se atoparon cabeiros de xabarís, pezas de sílex e moitos carbóns. Os carbóns poden estar relacionados cun ritual polo que aos mortos se lles botaba cinsa que se traía das lareiras das casas. Os enterramentos facíanse en sudarios ou depositando o cadaver directamente na fosa, aínda non se facía en caixas de madeira.
Atilano e os seus semellantes
Os tipos de tumbas e a disposición dos corpos dan pistas aos arqueólogos para ter referencias cronolóxicas. Entre os achados desta cuarta campaña aparece un individuo cos brazos en cruz, mesma posición na que fora atopado Atilano con anterioridade. Este xesto funerario faise habitual a finais do século XII, polo que aí temos unha referencia cronolóxica clara.
Nesta campaña, entre os restos humanos máis destacados, aparece unha mandíbula case completa, presumiblemente de muller e un cranio completo. Estas pezas permitirán facer unha comparativa con Atilano.
Estos enterramentos en batería estaban cubertos de lousas de pizarra vidas do Courel, sobre as que se fixeron novas tumbas e sobre as que nesta campaña apareceron moitos restos de cerámica. Trátase de restos de xerras e elementos para conter líquidos, o que leva a pensar ao equipo arqueolóxico que no castro se fixeron romarías, cuxa celebración foi posterior a estos soterramentos. Estamos ante un uso reiterado do mesmo espazo para diferentes fins, segundo apunta o arqueólogo Xurxo Ayán. Da cerámica sabemos que está feita en torno, ten moitas similitudes coa veciña cerámica de Gundivós en canto ás formas e trátase de producións locais pola cor alaranxada das pezas.
Nesta campaña apareceron tamén tumbas infantís, facilmente recoñecibles polo seu tamaño e porque estaban marcadas cunha estela afincada de lousa.
Restos de anteriores campañas
Aproveitando que este xoves se facían as exhumacións da cuarta campaña de escavacións, o arqueólogo Xurxo Ayán aproveitou para presentar algunhas das pezas restauradas en anteriores campañas como as moedas de Felipe IV (século XVII) entre as case medio cento de moedas atopadas ou os diversos materiais que falan do sentido litúrxico do lugar e que poden datar dos séculos XIV – XV.
Compoñer a historia
Todo o material recollido hai que limpalo, rexistralo e envialo a diferentes laboratorios e institucións en Galicia, País Vasco, Alemaña e Suecia. As probas que se lles fagan aos restos ofrecerán información sobre a dieta, a idade ou a procedencia destes restos. Estos datos xunto coa tradición oral, as fontes arqueolóxicas e documentais axudarán a seguir compoñendo a historia e como dí Xurxo Ayán, así se fai ciencia.
O equipo de arqueoloxía coa colaboración do concello da Pobra do Brollón está traballando xa para conseguir máis financiación para seguir escavando no castro e poder desenvolver un novo campo de traballo como o campo de traballo internacional que se levou a cabo este ano.