InicioEn profundidadeO Oso de Salcedo, rei do entroido na Pobra do Brollón

O Oso de Salcedo, rei do entroido na Pobra do Brollón

A parroquia de Salcedo será o epicentro do entroido estes días cun amplo programa de actividades, entre as que destacan as funcións de teatro e a esperada saída do Oso o luns día 4. Falamos con Noa Moreira, presidenta da Asociación de Veciños.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Despois de vivir os tradicionais xoves de compadres e xoves de comadres, este sábado día 2 de marzo será o día de celebración do desfile polo núcleo urbano da Pobra do Brollón. A saída, ás 17:00 h., terá lugar no cruce da estrada de Saá e haberá tres premios para as mellores carrozas, comparsas de 15 persoas e comparsas de 5 a 14 persoas, sendo cinco os galardóns para os disfraces individuais. A participación tamén está aberta a xente de fóra pero sen contemplar categoría individual e con premios en metálico de menor importe.

Xoves de Comadres. Foto: Concello A Pobra do Brollón

A partir do domingo todo se centralizará na parroquia de Salcedo, día no que saen as Madamas e Danzantes e no que terá lugar a proxección de Mar de Terra de Kepa Junkera antes do pregón. Para o luns queda a saída do Oso ás 17:00 h. con festa rachada e verbena os días 3, 4 e 5. Falamos con Noa Moreira, presidenta da Asociación de Veciños sobre os detalles do Entroido de Salcedo.

Sendo breve, en que consiste a tradición do Oso de Salcedo? Dende cando se ten constancia e que simboliza a súa saída?

Non se sabe a orixe exacta no tempo, como de tantas outras cousas. Ningunha persoa viva en Salcedo pode recordar cando empezou. Probablemente se trate dun rito pagán para celebrar o inicio da primavera, coa saída do Oso da súa cova para ser honrado polos veciños e que vai tiznando para así ofrecerlle como recompensa as boas colleitas e a fertilidade para as mulleres, ás que antigamente lles tinguía o ventre. A tradición consiste na saída dun veciño vestido de Oso ao que os criados lle van levando as “vítimas” para que as pinte, e estas tratan de escapar.

Como se escollen aos criados e a figura protagonista, o Oso?

A Asociación de Veciños encárgase de coordinar as actividades do Entroido e de escoller ás persoas encargadas delas. No caso do Oso, xa hai tempo que hai un grupo moi grande de persoas moi comprometidas coa actividade. Son eles os que se encargan de escoller aos participantes nesta mascarada e decidir quen é o que fai de Oso, é un segredo para todas menos para eles. Tamén se encargan de ir metendo a xente máis nova para que poida haber un relevo. 

Cando e a quen ataca luxando ás súas vítimas? Con que luxa?

O contido do balde que leva un dos criados e co que o Oso luxa as mans tamén é un segredo, e eu case prefiro non saber o que leva. De todas formas, podemos dicir que é completamente inofensivo, nunca tivemos ningún problema por iso. Antigamente o Oso podía saír calquera día do Entroido e a calquera hora, agora sae o luns  arredor das 5 da tarde. Podemos dicir que o Oso é a metáfora perfecta da igualdade, xa que non distingue entre vítimas e dálle completamente igual o xénero, a raza ou a clase social. Ninguén está libre de ser tiznado.

Oso tiznando a unha vítima. Foto: Óscar Sotelo

Cambiou e/ou evolucionou a forma de festexar o entroido e a saída do Oso ao longo dos anos?

Como xa dixen, durante os anos 60 e 70 o Oso saía pola parte darriba da aldea e corría tras dos mozos polos campazos, normalmente as mulleres, os nenos e os vellos quedaban no lameiro para ver o espectáculo. Tamén podía saír calquera día da festa, incluso durante o baile, só era cuestión de que algúns se puxesen de acordo na cantina e dixesen quen era o Oso e quen os criados. Isto aproveitábano algúns para levar un esquillón á festa e asustar aos que estaban no baile.

Na organización, entendemos que hai xente de todas as xeracións ou non é así?

A organización das actividades é responsabilidade final da Asociación de Veciños e intentamos que os máis pequenos se familiaricen coa tradición e participen dela para que non se perda, por iso desde hai uns anos antes do Oso sae o “Oso pequeno”, no que rapaces e rapazas de 5 a 12 anos se visten de Oso e de Criados para ir tamén polos máis pequenos que hai na Carreira -o lugar por onde corre o Oso-. Failles moita ilusión e é moi importante que saiban como funciona todo para que isto teña continuidade.

Os Criados retendo vítimas para o Oso. Foto: Xosé Manuel Fdez

O Oso acapara o protagonismo do Entroido de Salcedo pero o programa abarca máis actividades, cóntanos.

Ademais do Oso, hai que destacar as Madamas e os Danzantes e o Teatro. As Madamas e Danzantes son tamén unha figura tradicional que trata de ridiculizar a clase alta, con ese sentido que ten o Entroido de poder facer xustiza baixo unha máscara, e saen o domingo pola tarde. Desde o ano 1957 tamén se fan representacións de teatro. Agora mesmo somos máis de 50 persoas as que traballamos actuando, escribindo, apuntando, poñendo efectos sonoros, axudando coa montaxe dos decorados… As representacións son o sábado e o domingo ás 10 da noite e énchenos de orgullo poder dicir que tódolos anos esgotamos as 1.000 entradas que hai para os dous días. Este ano, ademais, o domingo contamos coa proxección do documental Mar de Terra, que Kepa Junkera fixo sobre os entroidos galegos, e despois da saída das Madamas, o Tico de Cereixa, cantante e fundador dos Yellow Pixoliñas e que leva anos colaborando con nós representando pezas da súa xenial autoría nas funcións do teatro será o pregoeiro.

Como o vivides os veciños/as e que sensación vos transmiten os/as que veñen de fóra, tanto os/as que repiten cada ano como os/as que chegan por primeira vez?

Para nós é un orgullo que a xente de fóra valore algo no que traballamos tanto. Traballamos nós e traballaron os nosos antepasados. Hai un artigo de Felipe Castro no Sermos Galiza, do 12 de febreiro de 2018 que se titula A Rebeldía dun pobo: “se en Salcedo se conserva o Entroido foi porque outros loitaron por facelo antes de que o fixeramos nós, nos anos da ditadura, por exemplo, e souberon transmitirnos o valor de apreciar algo que é noso e que nos foron deixando xeración tras xeración”.

O voso é un dos máis ancestrais de Lugo e de Galicia, ten toda a axuda e o apoio que merece por parte das institucións?

Pouco a pouco parece que se van involucrando, pero cremos que o que nós ofrecemos é para darlle maior importancia da que lle dan. Este ano firmamos un convenio por 1.500 euros co Concello da Pobra do Brollón, que en principio ía estar destinado ao pago dos traxes novos do Oso. Pero tamén se ofreceu a Deputación de Lugo, así que ao final é a Deputación a que pagará os traxes do Oso e o Concello mantivo o convenio para os outros gastos que temos. Tamén optamos a unha subvención da Deputación de Lugo tódolos anos, se ben é certo que é unha subvención para actos culturais e non unha subvención específica para o Entroido de Salcedo como tal.

Cada ano é máis coñecido e acude máis xente á cita co Oso, corre perigo de masificarse?

Pensamos que de momento non é preocupante, aínda que cada ano haxa máis xente, de momento o Oso e os Criados poden facer ben o seu traballo con poucos incidentes de por medio. A promoción que facemos é máis ben pola comarca, pero é inevitable que se espalle co boca a boca.

ÚLTIMAS

Xornadas Pacegas sobre as Revoltas Irmandiñas, o 6 e 7 de maio no Museo Pazo de Tor

O Museo Pazo de Tor acollerá os vindeiros 6 e 7 de maio a...

Prohibidas desde este luns as queimas agrícolas e forestais de particulares ata novo aviso

A partir deste luns, 15 de abril, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas...

2 meses para as obras de mellora da contorna da Pinguela que se veñen de adxudicar

Este proxecto suporá a mellora do entorno que rodea as instalacións deportivas e os...

A Festa da Carne ao Caldeiro de Carballedo reparte 1.500 quilos de carne

A asociación de veciños O Bubaíño de Castro organiza esta cita na que se...