Achado importante na Pobra do Brollón: podería conservar os restos humanos máis antigos de Galicia

Atopan posibles restos humanos prehistóricos nunha escavación en Vilachá de Salvadur. O Carbono 14 debe confirmar un achado de "gran importancia" pola "case nula" existencia de ósos humanos prehistóricos en Galicia.

Restos humanos atopados nunha escavación na Pobra do Brollón que poderían ser os máis antigos de Galicia / remitida

Unha escavación realizada en Vilachá de Salvadur, no municipio da Pobra do Brollón (Lugo), na que arqueólogos buscan un primitivo mosteiro medieval e se indaga sobre as orixes da Ribeira Sacra, atopou o que se cren poden ser restos humanos prehistóricos.

Un equipo dirixido polo arqueólogo Xurxo Ayán, coa participación do Incipit-CSIC, finalizou unha investigación no lugar chamado Os Conventos, en Val do Frade, Vilachá –municipio da Pobra do Brollón–, na que se atoparon ao final da campaña un cranio, unha vértebra e dous fémures, que “pola súa colocación e contexto arqueolóxico parecen estar enterrados nunha cista prehistórica“.

Agora probas como o carbono 14 deben confirmar a antigüidade destes restos –así como información como a súa dieta e ADN–, xa que o achado pode ser “gran importancia” dada a “case nula existencia de restos óseos humanos prehistóricos en Galicia”, explica a iniciativa Adegas da Memoria nun comunicado.

O técnico de cultura do Concello da Pobra do Brollón e coordinador do proxecto, Xosé Gago, comenta a importancia deste achado nun contexto no que a Ribeira Sacra é candidata a Patrimonio da Humanidade: “A paisaxe da Ribeira Sacra é unha paisaxe cultural que non se pode entender nin concibir sen ter en conta ás persoas que viviron e traballaron, que viven e traballan na zona“.

Durante a escavación constatouse unha ocupación medieval do lugar con mostras de cerámica dos séculos XII ou XIII e unha moeda do reinado de Alfonso X. Por baixo deses niveis medievais, escavado directamente na roca, apareceu o oco cos restos humanos: un depósito funerario que indica un tratamento ritual posterior do cadáver.

“PRIMEIRO GRAN ESTUDO DA RIBEIRA SACRA”

O proxecto etnoarqueológico de Adegas da Memoria busca dinamizar a parroquia de Vilachá de Salvadur, promovido pola Asociación de Veciños de Vilachá e o Concello da Pobra do Brollón. “Con este novo achado, superamos con fartura o obxectivo principal de Adegas da Memoria, que é facer o primeiro gran estudo sobre as orixes e evolución da paisaxe da Ribeira Sacra”, sinala o investigador da Universidade Nova de Lisboa e director da intervención, Xurxo Ayán.

Esta iniciativa prodúcese após as realizadas nos últimos anos na Pobra do Brollón, nunha aposta pola xestión patrimonial, como o proxecto do Castro de San Lourenzo (na parroquia de Cereixa) e o de memoria histórica da Casa de Repil.

“Este achado é a punta do iceberg, desde o Concello levamos moitos meses traballando conxuntamente cos veciños. Foron eles os que nos falaron de que no lugar dos Conventos había un antigo mosteiro, a partir de aí nace todo o proxecto,” explica Xosé Gago.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here