Catro entidades piden explicacións á Fiscalía pola posta en marcha dun parque eólico de Endesa en Paradela

Pretenden comprobar a legalidade do proxecto pois entenden que está afectando negativamente á Ribeira Sacra, ao Camiño de Santiago e a dúas especies de aves ameazadas.

Parque eólico Paradela. Fonte: Xan Valcárcel

A Asociación Profesional “Ribeira Sacra Rural”, a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria, o Colectivo Ornitolóxico “Cigüeña Negra” e o Sindicato Labrego Galego piden “que se abra unha investigación sobre os permisos administrativos concedidos ao proxecto por se foran constitutivos de presuntos delitos de prevaricación por omisión, contra o patrimonio cultural e o medio ambiente”.

A localización do parque eólico de Endesa colle territorio do concello de Paradela, un dos que forman parte da Ribeira Sacra, e se esta pretende ser Patrimonio da Humanidade os devanditos colectivos entenden que debería haber unha valoración previa do proxecto pola súa posible afectación á paisaxe da zona.

Advirten tamén que cómpre ter en conta que na Declaración de Impacto Ambiental –DIA- do parque eólico publicada pola Xunta de Galicia “non se fixo ningunha referencia ao Camiño de Santiago como Ben de Interese Cultural” –BIC-, feito que segundo se deduce do Decreto 2224/1962 “outórgalle unha especial protección tanto na propia ruta como na denominada zona de amortecemento”, contemplada no artigo 13 da Lei 5/2016, de Patrimonio Cultural de Galicia.

Abondando nas posibles irregularidades, as entidades denunciantes informan que “non lles consta que dende o comezo das obras do Parque Eólico Paradela se adoptaran as medidas correctoras establecidas na Declaración de Impacto Ambiental no referente ás medidas de protección da atmósfera, nin sobre o plan de seguimento da avifauna”. Sinalan así mesmo que “non se realizaron as comprobacións necesarias” sobre a existencia de parellas reprodutoras de especies ameazadas na área de afección directa do parque eólico cando quedou comprobado por exploracións ornitolóxicas que na contorna hai constancia da tartaraña cincenta -Circus pycargus- e da Gatafornela -Circus cyaneus-, aves que se poden ver ameazadas polas obras.

Tendo en conta os argumentos anteriores, as entidades denunciantes veñen de solicitar á Fiscalía a apertura dunha investigación sobre as autorizacións administrativas concedidas ao proxecto do parque eólico de Endesa “Paradela” e que se verifique a legalidade dos feitos denunciados.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here