InicioMedio ambiente e Patrimonio“O porqué de todo o patrimonio de Monforte está en San Vicente”,...

“O porqué de todo o patrimonio de Monforte está en San Vicente”, Iván Álvarez Merayo, arqueólogo

"Ribeira Sacra candidata a Patrimonio da Humanidade e na zona que temos maior concentración de elementos patrimoniais, a muralla de San Vicente está “abandonada”. Temos os Escolapios, as Clarisas, a Ponte Vella,… pero o porqué de todo iso, o porqué orixinal é o conxunto de San Vicente coa igrexa, co mosteiro e o pazo e ademais, a muralla con esas torres. E temos un castro no mesmo sitio. Aquí hai canteira para traballar." Iván Álvarez

Publicado o

- Advertisement -

Mais de cen persoas participaron no roteiro arqueolóxico arredor da muralla medieval, organizado polo BNG de Monforte para conmemorar o 135 aniversario da concesión a Monforte do título de cidade.

Os asistentes seguiron as explicacións da guía oficial Rosana Prieto Florines e do arqueólogo Iván Álvarez Merayo, quen detallou sobre o terreo os elementos arquitectónicos que informan sobre a historia da fortificación e sobre a configuración do antigo burgo medieval. Conversamos con el.

Satisfeitos coa resposta da xente?

A actividade anunciouse con pouca antelación e a resposta ante unha inciativa “espontánea” foi moi boa. As explicacións non foron algo que se atope en calquera lado. Demos información de estudos arqueolóxicos e do estudo da muralla que se tiña feito durante o goberno do BNG. Vimos que parte era románica, que partes eran do renacemento, as escavacións que fixen achegaron datos que están sen publicar, entón explicar os detalles que o arqueólogo ve para ir facendo a historia da muralla.

Roteiro arqueolóxico / XdL

Que detalles son eses?

Vimos na zona do postigo que dá cara os Chaos, enfrente do depósito baixando hai un  paso pola muralla onde se ve perfectamente o corte da muralla e vese como estaba feita. A porta de Zapaterías non ten nada que ver coa porta medieval do XIII; a porta do XIII era unha especie de castelo no medio dunha porta. O cárcere vello ten unha ventá que ves un arranque dun arco que hai detrás. A porta Nova é unha obra renacentista, pero no arco de atrás, as pedras teñen un acabado que é da época románica e a porta ten pegado unha especie de cubo que indica que aí había algo anterior á época románica. Pero se non se escava non podemos sabelo. O mesmo pasa en Pescaderías onde se xunta a muralla co cubo. Aí hai algo que non encaixa.

Que non encaixe, que quere dicir?

Quere dicir que hai que investigar. Non encaixa a simple vista. Vese algo raro. Hai unha muralla do século XII, XIII, esa muralla foi a que en parte destrozaron os irmandiños, reconstrúese e vese a muralla renacentista encima. En entre rúas onde está a rúa Vella, da rúa Vella saen tres rúas, dentro dunha lóxica urbanística medieval aí puido haber unha porta ou algo parecido. Desde as portas distribuíase o viario na época medieval. E xa na Idade Media a rúa Vella chamábase así, polo que é realmente vella.

Se sumamos ese punto do que saen tres vías, na época medieval a muralla estaba, se sumamos as 3 portas que aínda que sexan románicas, os cubos que teñen ao lado poden estar indicando unha muralla anterior.

Eu explicaba o que mosqueaba e porque podería ser iso. Partes dunha hipótese para comezar a traballar.

Máis curiosidades que trasladaches na visita?

En Pescaderías, cando escavamos, apareceu un alxibe, non puidemos rematar o traballo, pero perfectamente era un alxibe do antigo castro. A topografía do monte de San Vicente na época castrexa non ten nada que ver coa topografía da época medieval. Fixéronse socalcos na época medieval porque na época castrexa non era así. Na Idade Meida facíanse terrazas para facer a rúa, hai un montón de niveles. Para facer a Falagueira restruturouse toda a lóxica urbana que había previamente.

Roteiro arqueolóxico / XdL

Que porcentaxe da muralla se conserva?

Monforte ten dúas murallas. A fortaleza de Monforte, en sentido estrito, é un cachiño pequeño onde está a Torre da Homenaxe. Iso é un castelo de defensa, a Torre da Homenaxe e dúas ou tres torres máis, agora quedan dúas. Só se conserva 1/3 desta muralla orixinal. Era un Castelo coa súa propia muralla.

A maiores estaría a cerca da vila, a muralla que defendería a aldea, a vila de Monforte. Polo tanto, dúas murallas, unha muralla grande a cerca medieval que coincide co arranque da cerca do Castelo. Un círculo cun círculo pequeno que ten un fragmentiño en común.

En canto á cerca medieval, está alterada, pero traballando na zona poderíamola sacar toda cun estudo de arquitectura. Non se pode intervir directamente na muralla sen un plan director que nos diga que facer en cada tramo. En moitos casos a muralla está facendo de socalco para as terras. Hai muralla enterrada, que moitas veces non se ve.

Como arqueólogo que se debería de facer con este patrimonio?

Ribeira Sacra candidata a Patrimonio da Humanidade e na zona que temos maior concentración de elementos patrimoniais, a muralla de San Vicente está “abandonada”. Temos os Escolapios, as Clarisas, a Ponte Vella,… pero o porqué de todo iso, o porqué orixinal é o conxunto de San Vicente coa igrexa, co mosteiro e o pazo e ademais, a muralla con esas torres. E temos un castro no mesmo sitio. Aquí hai canteira para traballar.

Roteiro arqueolóxico / XdL

A andaina tiña por obxecto conmemorar o 135 aniversario da concesión a Monforte do título de cidade e rematábase a actividade na estación de ferrocarril. O ferrocarril supuxo un antes e un despois para Monforte?

O ferrocarril supúxoo todo despois da Idade Media. Na época medieval, Monfote foino todo, senon non habería onde comezar a contruír o tren,… os Condes de Lemos; Monforte era un núcleo moi importante. 

Despois do éxito desta proposta haberá máis?

Xa en inicio contabamos que esta fora a primeira dunha serie de visitas de contido similar a Monforte e tamén a outros puntos da comarca. Próximamente daremos a coñecer os temas e percorridos que iremos desenvolvendo.

ÚLTIMAS

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...