HomeMedio ambiente e PatrimonioAsí vivían os neandertais na Cova de Eirós

Así vivían os neandertais na Cova de Eirós

As últimas escavacións na Cova de Eirós, en Triascastela, levadas a cabo este verán permiten afondar aínda máis no coñecemento dos modos de vida dos neandertais das Serras Orientais e constatar as hipóteses realizadas en anos anteriores que demostraban que foi un lugar de campamento onde se desenvolvían diferentes actividades como a caza ou elaboración de utensilios.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

As últimas escavacións na Cova de Eirós, en Triascastela, foron desenvolvidas, co apoio da Xunta, por membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Santiago (USC) e do Institut de Paleocología Humana i Evolució Social de Tarragona.

Como se desprende dos primeiros resultados, a gran densidade de materiais líticos e óseos atopados demostran que a Cova Eirós foi empregada por un grupo de neandertais durante un período prolongado no tempo. Os achádegos permiten constatar que durante a súa estadía os grupos non só procesaron á fauna que cazaron, principalmente cervos, senón que tamén realizaron outras actividades como a talla de ferramentas líticas en cuarzo e cuarcita.

Ademais, e segundo se sabe polas súas marcas de uso, tamén traballaban peles dos animais para a elaboración de vestimentas. Os fogares tamén demostran o control do lume por parte destes grupos, un lume que non só permitía quentar ou cociñar alimentos, senón tamén traballar outros materiais como a madeira para a fabricación de utensilios ou lanzas.

Achádegos nun período pouco documentado

As escavacións están a afondar nun período pouco documentado en Galicia, o Paleolítico medio. Neste caso actuouse no nivel 4. O diferente tipo de ocupación con respecto ás documentadas noutros niveis da Cova Eirós ou xacementos ao aire libre (como os de Monforte de Lemos), permite coñecer as distintas estratexias de mobilidade e subsistencia e a capacidade de adaptación dos grupos de neandertais aos condicionantes do medio. 

En paralelo aos traballos de escavación, realizáronse tamén varios estudos que permiten acrecentar o coñecemento sobre o paleoambiente das Serras orientais. Por unha banda, as análises sedimentolóxicas desenvolvidas polo investigador da Universidade de Coimbra Pedro Cunha permitirán comprender as dinámicas paleoambientais dos últimos 50.000 anos nas serras relacionando as fluctuacións no poboamento da rexión coas dinámicas paleoambientais e glaciais que definen os momentos finais do Pleistoceno.

Por outra banda, a colaboración con investigadores do Max Planck Institute de Alemaña permite tamén buscar restos de ADN antigo na secuencia de Cova Eirós para a identificación de mamíferos e mesmo, se as condicións o permitisen, material xenético humano. 

As escavacións deste verán dan continuidade aos traballos realizados nos últimos anos. Neste caso, víronse marcadas pola situación sanitaria, polo que os traballos tiveron que desenvolverse coas medidas de prevención estipuladas. Dada a reducida superficie de escavación, duns 21 m2, só podían subir a escavar un máximo de seis persoas para manter as distancias de seguridade, algo que condicionou o ritmo da escavación.

O Goberno galego investiu preto de 200.000 euros para a escavación, investigación, documentación arqueolóxica e difusión deste xacemento. Ademais, grazas ao impulso da Xunta de Galicia, Cova Eirós é desde hai algo máis dun ano Ben de Interese Cultural (BIC).

A Prehistoria galega

As actuacións que se levan desenvolvendo desde o ano 2008, tanto na entrada da cova onde se encontraron restos de ocupacións paleolíticas que van desde o Paleolítico medio até os momentos finais do superior, como nas paredes do interior da cova, onde se localizaron evidencias de arte rupestre do Paleolítico Superior, teñen permitido descubrir pinturas e gravados dun valor único e excepcional en Galicia.

Os últimos anos de traballos non só lograron perfilar mellor a secuencia de ocupación de Cova Eirós, senón tamén profundar nos estudos sobre o xacemento e a Prehistoria galega. Un labor continuado cuxos resultados están a darse a coñecer e a publicarse en congresos e revistas científicas de gran prestixio, tanto nacionais como internacionais. 

ÚLTIMAS

Así se viviu o 25N en Monforte, Chantada e Quiroga

En Monforte, a concentración polo 25N tivo lugar na praza do Concello a partir...

200.000€ para un novo camión de lixo en Taboada

A adquisición deste camión compactador de residuos é un paso importante para a renovación...

Últimos días da exposición dos debuxos “O Paso do Noroeste” no IES de Quiroga

O Instituto de Educación Secundaria de Quiroga acolle ata o 26 de novembro, a...

Esperta Monforte leva a pleno traballar no PXOM e dotalo de orzamento

Esperta Monforte asegura que xa ten presentado varias iniciativas para executar o plan de...