A licitación a restauración dos retablos da igrexa dos Escolapios

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade licitará a vindeira semana o contrato de restauración de oito retablos e outros elementos da igrexa do colexio do Cardeal de Monforte de Lemos.

Colexio Cardeal / Delegación Territorial

Os traballos que teñen un investimento de 86.821 euros, sumanse ás obras de rehabilitación do inmoble que están en execución e nas que inviste 420.000 euros. As obras a licitación incluirán a limpeza, eliminación de elementos alleos, desinsectación, consolidación da madeira ou a reintegración cromática e de volumes, entre outros. “Trátase, en definitiva, de culminar a posta a punto da igrexa, en coherencia coa recente declaración como Ben de Interese Cultural e no marco do esforzo que a Xunta está a realizar pola recuperación do patrimonio da Ribeira Sacra”, apunta o delegado territorial.

Arias constatou que as obras de conservación da estrutura marchan a bo ritmo e poderían estar rematadas no outono. Afectan á igrexa, o claustro e as áreas de visita pública, e resolverán as afeccións que sufre o inmoble, entre elas as gretas provocadas polo célebre terremoto de Lisboa de 1.755 que, aínda que non comprometen á estabilidade das bóvedas, é preciso corrixir. 

A intervención suporá evitar as filtracións na cuberta do presbiterio, arranxar e recuperar o pasadizo que comunica as dúas alas na planta baixa -que se reformou por última vez no ano 1.835-, reverter a entrada de auga a través das carpinterías do tambor na cúpula, e deter os ataques xilófagos que afectan tanto ao pavimento como a diferentes elementos mobles.

Expoñente do clasicismo herreriano

O colexio Cardeal de Monforte de Lemos, tamén coñecido como colexio de Nosa Señora da Antiga e Escolapios, está protexido polo seu valor cultural, xa que foi decretado Ben de Interese Cultural (BIC) en febreiro deste ano e ademais está incluído na delimitación doutros dous BIC: o conxunto histórico de Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra.

O inmoble é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia. Amosa dunha forma tan clara e convincente as regras compositivas, formais e decorativas deste estilo que supuxo, en diversas ocasións, a súa adscrición errónea ao propio Juan de Herrera.

Entre os espazos sobranceiros, ademais da excepcional fachada que preside o Campo da Compañía, debe citarse a igrexa e os seus retablos, así como a cúpula que cubre o cruceiro, a escaleira monumental e os seus claustros.

Cómpre destacar tamén a importancia e valor cultural da súa pinacoteca con obras de artistas como El Greco, Andrea del Sarto ou Francisco Pacheco, ou documentos e patrimonio bibliográfico dos séculos XV e XVI relacionados cos mecenas do colexio, a Casa de Lemos e, posteriormente, a de Alba

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here