“Despois de cincuenta anos dacabalo entre Madrid e Galicia, a morriña venceume”, Juan José Míllara de ‘Turismo Pantón’

Segredos de Pantón danos a coñecer un proxecto turístico de recente creación no Concello de Pantón.

Visitas guiadas pola Ribeira Sacra. Foto: Turismo Pantón

O potencial da Ribeira Sacra está facendo xermolar novas iniciativas relacionadas co turismo, unha delas é Turismo Pantón. Juan José Míllara Veiga é o emprendedor que botou a andar este proxecto o pasado ano despois de facerlle caso á irresistible chamada da terra.

Segundo conta Juan José, “a miña biografía é a historia dun fillo de emigrantes, que como tanta e tanta xente nos anos sesenta tiveron que emigrar e abandoar a súa terra para buscar traballo noutros lugares”.

A súa familia percorreu diferentes cidades e países europeos como Vigo, Bilbao, Suiza, Bélxica e Madrid, lugar este último onde naceu e fixou a residencia definitiva. Recoñece que despois de 50 anos dacabalo entre Madrid e Galicia, “a morriña venceume” motivo que deu pé a tomar a decisión de crear a empresa Turismo Pantón coa súa parella. Agora, dende o lugar de Sergude, na parroquia de Frontón, os dous dedícanse a amosar o mellor da contorna de Pantón.

-Segredos de Pantón: Sabemos que hai pouco que comezastes con esta iniciativa, como foi?

-Turismo Pantón: Logo dun tempo suscitándonos a posibilidade de crear unha iniciativa en Pantón, decidímonos a montar unha empresa de turismo para dar a coñecer un pouco máis a contorna de Pantón. Pensamos que co noso coñecemento da zona e todas a posibilidades que esta nos pode ofrecer, podiamos dar unha perspectiva distinta á xente que vén coñecer a Ribeira Sacra.

-Sabemos que agora a “Ribeira Sacra” ten moitos turistas e á súa par moitas empresas turísticas. Fronte a esta situación, que ofrecedes para distinguirvos?

-Flexibilidade. Os nosos plans adáptanse ás demandas dos turistas, creando plans individuais, sen tempo nin lugares, nin percorridos únicos. Gústanos coñecer as motivacións e necesidades da xente e así crear un plan personalizado para cada un deles. Intentamos transmitir un sentimento pola Ribeira Sacra. Por ese motivo, gústanos traballar con grupos pequenos e reducidos, cos cales poidamos interactuar e mostrar toda a riqueza que nos ofrece Pantón.

-Dentro da vosa oferta turística vemos que as ribeiras e o viño son os claros protagonistas. Pensades que é viable realizar actividades en parroquias interiores?

-Por suposto. De feito as ribeiras e o viño son moi fáciles de mostrar, así como de podelos apreciar. Quizais nestes poucos meses que levamos facendo plans, déronse a coñecer máis as rutas fluviais que as rutas rurais, xa que no verán é un tempo no que se presta máis este tipo de actividades. Pero cos nosos plans en 4 por 4 é onde os nosos clientes descobren as nosas aldeas, os nosos costumes e a cantidade de lugares espectaculares que Pantón nos ofrece. Gústanos interactuar coa xente do rural e que eles poidan explicar os nosos costumes, o noso pasado e a nosa cultura, podendo coñecer a Ribeira Sacra en todos os seus sentidos.

Rutas en 4×4. Foto: Turismo Pantón

-Aínda que a vosa empresa sexa nova, tedes algúns obxectivos ou metas que vós propoñedes acadar? 

-O noso obxectivo é continuar dando a coñecer o Concello de Pantón, xa que cremos que é unha zona con moitísimo encanto aínda por descubrir e con moitas posibilidades. 

-Respecto ao perfil do turista que contrata con vós as actividades, que elementos lle atraen de aquí e que espera ver nesta terra?

-Levamos unha grata sorpresa ao poder comprobar a cantidade de xente que nos visita de diferentes lugares e de diferentes países. Xeralmente veñen buscando os bancais, o viño e o románico, atraídos por toda a publicidade que se está dando da Ribeira Sacra. Aínda así, vense sorprendidos pola gran riqueza que desprende Pantón, tanto polas súas paisaxes, fauna e flora singular, as súas xentes, a súa gastronomía…

-Se tivésedes que ensinarlle a un turista un lugar realmente descoñecido de Pantón cal amosariades?

-Cada vez quedan menos sitios descoñecidos, pero Pantón é capaz de descubrirnos lugares aínda virxes, por exemplo a Ribeira do Cabe, unha das grandes descoñecidas. Invitamos aos lectores a descubrir e coñecer o lugar máis alto do Concello de Pantón… e aí o deixamos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here