OPINIÓN: Outono no Courel

Recomendacións de pequenas marabillas da natureza que nos ofrece o Courel nesta época do ano da man dun dos divulgadores máis activos deste territorio.

Cores de outono no Courel. Foto: Guillermo Díaz

Chega a época máis fermosa na serra, os chopos en setembro xa comezan a anunciar a nova estación xa que son os primeiros en tirar a folla e días despois as  cores da natureza rebentan nunha sinfonía que para os visitantes resulta abrumadora.

Ver gozar a eses galegos/as da costa, metidos na súa vida cotiá no deserto verde dos eucaliptos onde todo é unha cor uniforme en calquera época do ano, coa nosa paisaxe, debe facernos sentir orgullosos. Temos un tesouro en forma de devesas, soutos, uces, vales, montañas e ríos que non somos capaces de aproveitar porque non lle damos a importancia que realmente merece.

Recomendar que paga a pena ver en outono nesta terra é unha tarefa ben complicada porque realmente non sei por onde comezar, pero polo menos vou facer o intento. Sacade a libreta e comezade a anotar:

A Devesa da Rogueira é algo que non pode faltar e compre ir cediño; a altura e a orientación da devesa fai que rapidamente na parte máis outa as faias e os bidos comecen co espectáculo. Entrar polo Alto do Couto e ir a modo cara as Fontes debería ser algo obrigatorio para cada un dos galegos. Hai moito tempo Galicia foi así, un bosque continuo do que apenas queda nada, estragado pola mal chamada, ás veces, civilización. Se temos sorte, as primeiras neves que algúns anos fan acto de presenza cedo, poden abraiarnos cun manto branco tapado polas follas con todos os seus matices de cor. Segundo avanza o mes, o frío e a choiva, o outono vai baixando pola rogueira cara Moreda; veremos faias enormes pegadas aos ríos, rebolas, carballos, abelairas e castiñeiros. Neste intre só queda o verde dos teixos, acivros e as enciñeiras que tan ben marcan as zonas de ‘rocha calía’. Por nada do mundo deixedes de camiñar por este lugar que sempre foi bosque, e se tedes valor non hai nada máis fermoso que camiñar en outono no medio da choiva. Un traxe de augas ou roupa impermeable, unhas boas botas e camiñar en silencio sentindo a natureza… non tardedes moito en facelo porque o cambio climático fará que os vosos netos non cheguen a saber do que estamos a falar.

“Por nada do mundo deixedes de camiñar por este lugar que sempre foi bosque, e se tedes valor non hai nada máis fermoso que camiñar en outono no medio da choiva”

O Río Pequeno é a seguinte etapa, primeiro ver o Courel dende o alto do Castro de Brío, baixar a Paderne e logo mergullarnos nun treito onde non veremos nin asfalto, nin pistas, nin postes. Estaremos camiñando nun dos vales máis fermosos de Galicia. Un punto de parada obrigado é un conxuntiño de cabanas pegadas á ruta, propiedade dos veciños de Miraz, a Fervenza do Pozo da Grada, calquera dos soutos que cruzaremos e as cabanas dos Carballois, preto da aldea do Mazo.

Outono no Courel. Foto: Guillermo Díaz

No val de Visuña, baixando dende o Couto e nunha das curvas, temos unha das paisaxes máis fotografadas do Courel e de Galicia; e iso que recibiu unha navallada considerable en forma de postes da luz que lle soben enerxía a unha torre de comunicación que hai no Couto, cousas do progreso.

Parada obrigatoria Ferramulín tendo como destino A  Seara. Moitos temos visto unha foto representativa do Courel, o famoso meandro do Selmo en Ferramulín, pero xa non é o que era, o abandono dos lameiros fai que perdera unha gran parte do seu encanto, podemos ir ver as consecuencias da morte do rural, con el morre a paisaxe tamén.

En Seceda hai outro tesouro, moito menos coñecido e percorrido, que é a baixada dende a aldea cara o acueducto da Ponte da Veiga. Merece moitísimo a pena porque ides quedar abraiados con esta baixada (xa botaredes os fígados na volta costa arriba). Veredes sobre todo carballos e rebolas, albarizas todas cantas queirades e remataredes no acueducto ás beiras do río Lóuzara. Para os máis ‘vagonetas’ que conten con varios coches, a ruta pode ser lineal con saída á estrada de Eiriz (coidadiño que con diferenza é a máis perigosa do Courel) ou o que un día foi a Ferrería de Lousadela.

Para os máis camiñantes, se deixades os coches no Couto, podedes ir camiñando dirección ao Faro pola pista que vai polas cristas, aí teredes as devesas de Romeor, as faias de San Pedro, Riocereixa e Fonteformosa e unha vez que cheguemos ao Faro teremos a tiro de pedra o faial de Busmaior (palabras maoires para quen lle gosten as faias e as súas cores).

“calquera dos vales do Courel merece a pena ser percorrido”

Xa sen dar máis rollo falar de que calquera dos vales do Courel merece a pena ser percorrido, non esquezades ir camiñando ata Froxán, facer un magosto, pasear polos soutos (non recollades castañas que teñen dono). Ide ver a devesa de Paderne e veredes o verde dos seres vivos máis antigos do Courel, os teixos de Paderne que no verán están camuflados pero agora xa se deixan ver. Roldando os mil anos, por riba e por baixo, un conxunto de teixos que nalgún caso sobrepasan os vinte cinco metros de altura. Iso si, se facedes un magosto non debe faltar o viño da Ribeira Sacra que no Courel poucas viñas ides a ver.

Para os que colledes cogomelos, no Courel abondan pero os primeiros fríos fan que a temporada dure pouco, para eles a parte baixa do Lor é unha zona moito máis propicia e se tendes sorte levaredes a cea para a casa.

Estame custando falar do outono, hai tanto que ver e tanto que facer que me quedou un oitenta por cento de cousas que quería contar así que como a vida danos moitas oportunidades o que tendes que facer é vir todos os anos porque cada outono é un mundo, totalmente diferente cada vez, uns mellores e outros peores, pero hai que velos todos eles.

“quero vervos facendo as maletas, collendo a cámara e tirando para eiquí a fume de carozo”

Xa non vos entreteño máis coas miñas cousas porque quero vervos facendo as maletas, collendo a cámara e ‘tirando para eiquí a fume de carozo’. O mes que vén falaremos de croios que para algo estamos nun Xeoparque Mundial.

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here