HomeOpiniónOPINIÓN. Un doutor en primeira liña: “con empanadas e licor café, moito...

OPINIÓN. Un doutor en primeira liña: “con empanadas e licor café, moito mellor”

O doutor Xurxo Romaní cóntanos nesta entrega que houbo días para chorar e días para sorrir. Entre as súas recentes vivencias, coñecemos como unha ingresada sufriu un episodio de alucinacións, a experiencia cun paciente xitano ou outra onírica na que unha muller lle preguntou se era Deus. Entre anécdota e anécdota, as viandas galegas fixeron todo máis levadeiro...

Publicado o

POR
Xurxo Romaní
- Advertisement -

No medio dos días crus e dantescos do pico da pandemia, sempre houbo momentos para sorrir: intres que eran compartidos por un equipo de médicos, enfermeiras, auxiliares e técnicos excepcional e entre eles, todo hai que dicilo, uns cantos galegos. Tivemos a sorte de contar co noso provedor de empanadas, licor café e outras larpeiradas, das que dabamos conta en quendas de garda interminables. A lenda do licor café e as súas propiedades antivirais estendeuse polo hospital!

Unha muller ingresada ó meu cargo comezou a ter alucinacións -non poucos pacientes chegaron a desorientarse no medio daquel caos-. Chamáronme as enfermeiras porque vía bechos na auga e non quería beber. Entre unha cousa e outra, falloulle o ril porque deixara de inxerir líquidos. Traballo nos custou recuperala administrándolle litros de soroterapia. A compañeira de habitación era máis reivindicativa e queixábase de que non tiña televisión. Tampouco tiña baño. Non se decatara de que o seu cuarto de ingreso non era tal, senón un despacho reciclado da área de consultas externas que houbo que converter en área de ingreso durante o colapso.

“doutor, se saio desta vostede vai ser o meu irmán de sangue”

Outro detalle bonito veu dun paciente xitano. En Sabadell temos moitas familias xitanas, coas súas particularidades…  Se sabes entrar no seu xogo e o seu código de honor, terás un amigo leal. Aínda que o home non tiña case folgos para falar, colleume polo brazo e díxome: “doutor, se saio desta vostede vai ser o meu irmán de sangue”. Non lle preguntei que sería de min se o home non se salvaba… Omitamos os detalles. O caso é que o paciente recuperouse, e nos días posteriores á súa alta tiven vixilancia de balde do meu coche aparcado. Non se formalizou a cerimonia de irmandamento, pero agardo calquera nova ao respecto cando todo isto se calme.

O caso é que a muller abriu os ollos e dixo: “é vostede Deus?” e vou eu e dígolle “non, mulleriña, son San Pedro”

Outro momento no que desapareceu o drama e agromou o mellor do sentido do humor das persoas foi cando unha paciente espertou e viume mirándoa á beira do seu leito. Naqueles días os equipos de protección individual (EPI) consistían en tres capas sucesivas de pixama branco, bata ou mandilón tipo gardaría, a lunares con mangas de fantasía, e bolsa de lixo con tres buracos para sacar a cabeza e os brazos (talla única). Nos pés uns botíns de plástico que tamén facían as veces de gorro colocados na cachola, dobre máscara (unha delas foi aquela que un par de semanas o ministerio retirou porque non era eficaz), e luvas de veterinario, longas até o sobaco, que logo deducín que eran as que empregan para inseminar as vacas. O caso é que a muller abriu os ollos e dixo: “é vostede Deus?” e vou eu e dígolle “non, mulleriña, son San Pedro”. E a paciente botou rir a gargalladas, igual ca min. Ao cabo, dixo: “a verdade doutor, que ten vostede unhas pintas…”. Non ía desencamiñada a boa señora.

O Doutor Xurxo Romaní co seu equipo de protección individual.

O mono de protección antipandemia, tan cinematográfico, tardou unhas cantas semanas en chegar ó hospital. Era difícil sentirse Dustin Hoffman meténdose dentro dun saco de lixo, iso si, homologado.

ÚLTIMAS

Case 600 persoas na II Festa Interxeracional do Concello de Chantada

Na primeira edición participaron unhas 350 persoas e este ano case se duplica a...

Actividades para celebrar en familia no Verán Cultural de Chantada

Do 2 de xullo e ata o 30 de agosto, o Concello de Chantada,...

Adrián González, novo voceiro do PP de Quiroga

Adrián González, de 32 anos e vinculado ao deporte, agradece a confianza dos compañeiros...

Iniciativas de Esperta Monforte no pleno deste luns

Esperta Monforte presenta ao pleno unha moción para incrementar a partida de subvencións de...