HomeOpiniónAsí viviamos hai un ano a pandemia: Aniversarios para non esquecer

Así viviamos hai un ano a pandemia: Aniversarios para non esquecer

«Cantas veces soaría o 'Parabéns para ti' por videochamada nestes días raros? Vernos as caras a través das pantallas é o máis parecido que temos a aquelas apertas e tiróns de orellas que se estilaban antes da tempada de primavera». Continúa o diario de corentena conxunto co Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos.

Publicado o

POR
Silvia López
- Advertisement -

Diario de Corentena 5 de abril 2020:

Hai uns anos, no meu 18º aniversario, a familia preparoume unha cea sorpresa. Eu xa estaba de volta e media, pero fixen coma quen non sabía nada por aquilo de non lles quitar a ilusión. A min tamén ma facía. Prometido! Comemos coma pepes aquel día. Chegado o momento da sobremesa, algúns dos que me acompañaban comezaron a entoar un ‘Parabéns para ti’ atropelado, coma sempre. E, tamén coma sempre, eu púxenme colorada. Pero de rir. A tarta que pousaran na mesa traía gravado o meu nome e resulta  que, sen ter eu constancia de tal, chamábame Angelines. ‘Felices 18, Angelines’. PUBLICIDADE

Se furgo nas lembranzas en busca de anécdotas estrañas relacionadas cos meus aniversarios, esa é unha das primeiras que aparece. A historia do erro na pastelería non é moita cousa, pero eu que sei… Mellor iso ca ser das que cumpre anos en marzo ou abril.

APERTAS POR VIDEOCHAMADA

Aos Piscis tardíos e aos Aries non se lles vai esquecer o aniversario deste 2020 no que se ven obrigados a soprar as candeas confinados nas súas casas. Moitos sen ningún amigo ou familiar a carón. Cantas veces soaría o ‘Cumpleaños feliz’ por videochamada nestes días raros? Vernos as caras a través das pantallas é o máis parecido que temos a aquelas apertas e tiróns de orellas que se estilaban antes da tempada de primavera.

Agora a moda é que os axentes da Garda Civil ou da Policía acudan ás casas dos nenos que se fan maiores para darlles os parabéns e un pequeno agasallo. Eu non é por ser enfexa, pero non sei se a min me había facer moita graza o asunto. Tamén é certo que o corazón abranda logo de ver unhas cantas imaxes de cativos con caras cheas de ilusión.

O DESEXO QUE TODAS TEMOS EN MENTE

A corentena empúrranos a pospoñer celebracións, a aprazar bicos e a idear outras formas de sacarlle un sorriso a esa persoa que suma un ano máis de vida. Ao final, a mellor felicitación é esa que che manda o afillado nun vídeo no que preme as teclas do piano amodiño para que soe a melodía do ‘Parabéns para ti’ máis doce do mundo.

E a ti, que se cadra non vives a tantos quilómetros do pequeno, senón só a uns metros máis abaixo na mesma aldea, xa che queceu a alma. E, claro, só queda soprar as candeas da tarta de chocolate con galleta, pechar os ollos e pedir un desexo. Non vale dicilo en alto, pero agora que máis dá. Todas queremos o mesmo. Que isto acabe axiña.

ÚLTIMAS

Case 600 persoas na II Festa Interxeracional do Concello de Chantada

Na primeira edición participaron unhas 350 persoas e este ano case se duplica a...

Actividades para celebrar en familia no Verán Cultural de Chantada

Do 2 de xullo e ata o 30 de agosto, o Concello de Chantada,...

Adrián González, novo voceiro do PP de Quiroga

Adrián González, de 32 anos e vinculado ao deporte, agradece a confianza dos compañeiros...

Iniciativas de Esperta Monforte no pleno deste luns

Esperta Monforte presenta ao pleno unha moción para incrementar a partida de subvencións de...