HomeOpiniónAsí viviamos hai un ano a pandemia: O dereito a soñar libremente

Así viviamos hai un ano a pandemia: O dereito a soñar libremente

« O Irreal Decreto 1/2020, do 8 de abril, para a regulación dos soños confinados desordena o caos psicolóxico. Non está permitida a intrusión de pensamentos negativos agás veñan acompañados dunha solución. Non é aconsellable ler noticias da pandemia antes de durmir. Todas as forzas e o único corpo do Estado velarán pola desinfección das emocións tóxicas »

Publicado o

POR
Silvia López
- Advertisement -

Diario de Corentena do 8 de abril do 2020:

O outro día soñei que contraera o coronavirus. Xa me estaba estrañando moito que o meu subconsciente non caera niso…, pero todo chega. No mesmo  s̶o̶ñ̶o̶  pesadelo, asistía a unha multitudinaria misa de Ramos que estaba presidida por Felipe e Letizia. Oe, marabilla! Todo o que aborrezo nun único espazo! Vou ter que intervir o meu propio mundo onírico durante este confinamento…

Como única autoridade competente na miña cachola, declaro o estado de calma en todo o territorio mental. O Irreal Decreto 1/2020, do 8 de abril, para a regulación dos soños confinados desordena o caos psicolóxico. Non está permitida a intrusión de pensamentos negativos agás veñan acompañados dunha solución. Non é aconsellable ler noticias da pandemia antes de durmir. Todas as forzas e o único corpo do Estado velarán pola desinfección das emocións tóxicas. En calquera caso, respectarase o dereito a soñar.É o que nos queda. 

Pero, acto seguido… Como única autoridade competente e incoherente na miña cachola, modifico de inmediato o Irreal Decreto que veño de ditar. Queda derrogada a denominación oficial de ‘soños confinados’ e pasan a vivir en liberdade. Considéranse soños esenciais aqueles que nos manteñen vivas durante estes tempos raros, aqueles que compartimos coa ilusión de convertelos en realidade, aqueles que nos espertan a calquera hora do día desta hibernación que caeu en primavera.

Noutras palabras: vou soñar co café con leite que hei tomar no meu bar preferido de Lugo, vou soñar con xogar as pás na beira do río Miño, con pasear con algunha amiga e desvirtualizar a nosa amizade de corentena. Vou soñar tamén coa cerdeira en flor no sitio máis bonito do Corgo, con conducir o coche pola N-VI e ter ganas de parar para sacar unha foto ao ceo. Vou soñar cos reencontros esperados e coas despedidas que acouguen o corpo de quen non puido dicir adeus aos que marcharon estas semanas.

Que día é?, tes calendario? A ver se soa axiña a alarma e trae a calma.

ÚLTIMAS

Xa se coñecen os gañadores do XII Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra celebrou este sábado a súa xornada...

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela será de libre acceso tamén para o público xeral

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela comezou xa a prestar servizo ás persoas...

A Deputación arranxará a LU-P-4707 que comunica Veneira con Roques na Pobra do Brollón

O representante do PSdeG, Adolfo Rubio, valora que a Deputación se reunise directamente coa...

Chantada mellora as canchas e automatiza o acceso ás Pistas de Tenis

O Concello de Chantada vén de acometer novas melloras nas Pistas de Tenis do...