InicioOpiniónSabadell de Monforte de Lemos: Réquiem por un banco que se vai

Sabadell de Monforte de Lemos: Réquiem por un banco que se vai

"Outros bancos, dos que un servidor é cliente, vexo que mudaron moito. Deshumanizáronse. Deshumanizáronse pola redución de persoas no seu cadro de persoal. Deshumanizáronse polo aumento da tecnoloxía e deshumanizáronse porque sinto que as persoas que están neles se amosan menos humanas cos clientes (estratexia empresarial?). Somos cada vez máis un número e menos unha persoa".

Publicado o

POR
X. M. Rodríguez
- Advertisement -

Estes son malos tempos e por máis que queiramos fuxir deles aí están. Sucédense malas e preocupantes novas. Son tempos de incertezas e falta de seguridade. Son tempos de crise. Podemos mirar cara outro lado, pero tarde ou cedo toparemos coa crúa realidade. Podemos ignorar os telexornais, pero as novas tristes rodéannos por todas as partes e aféctannos teñamos o corazón máis brando ou máis duro.

En concreto no caso de Monforte de Lemos quedaremos en breve cun banco menos: o Sabadell.

Para min é unha nova moi dura como cliente do banco e como monfortino. Como monfortino perdemos unha entidade, unha oficina dun banco. Perdemos unha actividade económica, perdemos os empregos que xeraba. Perderase tamén o alugueiro dun local. Os clientes do banco coido que perdemos moito máis.

O Banco Sabadell tivo como precedente o Galego e tendo en conta iso é un banco con historia en Monforte de Lemos. Ademais estivo sempre situado no corazón de Monforte de Lemos, actualmente na céntrica Avenida de Galicia e nalgunha ocasión na igualmente céntrica rúa do Cardeal Rodrigo de Castro.

O Banco Sabadell a diferenza doutros bancos gardaba os valores do pasado e conxugábaos coas novidades do presente. 

Outros bancos, dos que un servidor é cliente, vexo que mudaron moito. Deshumanizáronse. Deshumanizáronse pola redución de persoas no seu cadro de persoal. Deshumanizáronse polo aumento da tecnoloxía e deshumanizáronse porque sinto que as persoas que están neles se amosan menos humanas cos clientes (estratexia empresarial?). Somos cada vez máis un número e menos unha persoa.

Caixeiros Monforte día 2 corentena COVID / XdL

En definitiva, a humanidade dos outros bancos, aínda que fisicamente pareza estar aí, perdeuse. O Banco Sabadell ata a fin dos seus días en Monforte conservará a humanidade ben cohesionada coas novas tecnoloxías. Sinto que os outros bancos van perdendo o rostro e o Sabadell non. 

Poñíamoslle rostro aos bancos

Tradicionalmente os clientes dos bancos poñíamoslle rostro aos bancos. Tiñamos alguén de confianza en cada banco. Empatizabamos. O banco expoñía o seu parecer ante as nosas consultas e case sempre se chegaba a un acordo, a un acordo serio. Había vontade diso. Sentías que un contrato era algo feito de modo ben explicado e en letra máis grande que a de agora. Sentías que un trato se facía entre persoas con rostro. Sentías que ti te adaptabas ao banco, pero tamén que o banco se adaptaba a ti.

Agora sentes que máis que chegar a un acordo contigo, proveitoso para as dúas partes, queren que contrates algo que ti non coñeces plenamente, pero que a eles lles interesa que contrates.

O Banco Sabadell seguía a ser un banco de antes. Tiña e seguirá a ter rostro e corazón humanos ata que marche de Monforte de Lemos. Non é un banco só con tecnoloxía. Iso non é o máis valioso. O máis valioso é o seu capital humano.  As persoas do Banco Sabadell en Monforte consideran que ao seu banco acoden persoas, non números de DNI e tratan aos que acudimos como persoas. Por iso escoitan a nosa situación, escoítannos atentamente, chegan a un coñecemento da nosa situación e asesórannos dun modo axeitado.

Caixeiro do Banc Sabadell-Gallego en Monforte / XdL

O Banco Sabadell en Monforte de Lemos ademais de tecnoloxía tiña (poucos días lle quedan para seguir tendo) rostro e corazón humano. Tiña o rostro e o corazón das súas traballadoras, persoas que nos miraban aos clientes como persoas. As súas traballadoras son persoas que inspiran (pronto resignados diremos inspiraban) confianza en tempos de desconfianza. Persoas que compartíán os teus risos e te confortaban ante os teus desacougos e problemas.

Quero sentir que é o meu banco

O Banco Sabadell en Monforte de Lemos como dixen fusionaba o mellor do pasado e o mellor do presente.  E do presente nos bancos pouco hai bo. Tecnoloxía que dificulta a relación co banco, especialmente da xente maior, deshumanización no persoal, redución de persoas e mantemento ou aumento de beneficios (unha contradición). Do presente os bancos teñen pouco bo. Canto se sacrificou o Estado (que somos todos non só os políticos) por sanealos! E menudo agradecemento: distanciamento, deshumanización… Non só marcha o Sabadell de Monforte de Lemos. Hai poboacións que quedan sen bancos, sen ningún banco, sen un servizo esencial hoxe por hoxe.

Eu son partidario da nova tecnoloxía, das tarxetas de crédito, da relación por teléfono… , pero tamén lle quero poñer rostro ao meu banco cando me apeteza. Quero sentir que é o meu banco, porque hai persoas que me escoitan e que me asesoran ben, hai persoas ás que lle poño cara e que teñen corazón.

Poderán dicir que o banco queda, pero non queda, marcha de Monforte de Lemos. O banco seguirá, pero na distancia. Non serán as cousas como agora. Serán peores. A tecnoloxía non aconsella, non reconforta, non ten humanismo. O humanismo ten rostro, corazón e empatía de persoa: o rostro, corazón e empatía que ofrecían día a día dun modo exemplar as empregadas do Banco Sabadell de Monforte aos seus clientes.  Outro adeus nos miles de audeuses a un pequeno grande cachiño de humanidade que tiñamos en Monforte de Lemos.

ÚLTIMAS

Mes dos Libros e das Letras Galegas na Biblioteca Municipal de Chantada

A primeira proposta será o 26 de abril ás 18:00h con Conta e canta...

O PP urxe a mellorar a ponte da estrada provincial LU-P-1305 en Folgoso do Courel porque “está caendo sobre o río”

O Grupo Provincial Popular esixe que a Deputación de Lugo coloque sinais de advertencia...

A historiadora Manuela Sáez doa ó Concello de Monforte unha réplica do busto do VII Conde de Lemos

A réplica deste busto foi doada por Sáez ó Concello de Monforte, e foi...

A Libraría Pelayo de Monforte presenta 3 libros este 23 de abril

A Libraría Pelayo de Monforte acolle este martes, 23 de abril, a presentación de...